DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 8 de abril estará aberto o prazo do certame convocado pola FFT 

O II concurso Concita Cunqueiro premiará as mellores citas da obra poética do escritor mindoniense 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 30/03/2022

Alumnado da UVigo e calquera persoa de fóra da comunidade universitaria, de entre 15 e 30 anos, poderá participar na 2ª edición do concurso Concita Cunqueiro, unha iniciativa que a Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo puxo en marcha o ano pasado co gallo do 40 cabodano de Álvaro Cunqueiro. Na súa segunda edición, o certame premiará as tres mellores citas poéticas que as persoas participantes seleccionen das obras de poesía, xa sexan orixinais ou traducidas, do autor de Mondoñedo.

Ata o 8 de abril estará aberto o prazo para presentar as citas, que non poderán superar os sete versos, e deberán indicar a obra á que pertencen, datos completos da edición, páxina e versos seleccionados. Cada persoa participante poderá achegar un máximo de tres citas, que concorrerán a un primeiro premio de 300 euros, a un segundo de 200 e un terceiro de 100 euros. “Animamos a participar a calquera persoa que teña menos de 30 anos, só xente de institutos de facultades, coa novidade de que este ano acoutamos as citas só ás poéticas”, detalla Xosé Henrique Costas, catedrático do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo, que avanza que, para o ano que vén, o certame centrarase na narrativa, para o seguinte no teatro e así sucesivamente.

Unha vintena de participantes na primeira edición

20 persoas participaron na primeira edición do concurso con fragmentos de obras poéticas, narrativas, teatrais e xornalísticas de Álvaro Cunqueiro. Dúas estudantes de ESO do IES Terra de Turonio acadaron o primeiro e o segundo premio do concurso, mentres que o terceiro foi para unha estudante do Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios da UVigo. 

“As citas premiadas incorporaranse á base de datos de citas cunquerianas da web de Álvaro Cunqueiro que estamos a construír na UVigo”, explica Costas, que lembra que o xurado do certame estará presidido polo decano da FFT, José Montero Reguera, e formado por profesorado do centro especialista en literatura.