DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cada centro pode participar cun equipo de estudantes de cuarto de Educación Secundaria Obrigatoria

A II Olimpíada Galega de Historia abre o prazo de inscrición

A competición celebrarase o día 24 de maio no campus

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Premios
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 12/02/2019

Os centros de ensino galegos xa poden inscribirse na II Olimpíada Galega de Historia. Fai Historia con Nós, que organiza a Facultade de Historia do campus de Ourense. Este martes presentouse a convocatoria deste ano, “unha versión mellorada da primeira”, na que o alumnado de cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria poderá pór a proba os seus coñecementos ao mesmo tempo que se divirte.

Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, salientou como os bos resultados acadados na edición do pasado ano, a primeira que se celebrou, animaron ao centro a dar continuidade á iniciativa. Os obxectivos da olimpíada, explicouse na súa presentación, son promover o interese do alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria pola historia; visibilizar a importancia do seu ensino e a aprendizaxe ao mesmo nivel que materias de outros ámbitos de coñecemento e destacar o aspecto lúdico da súa aprendizaxe. A iniciativa tamén quere estreitar as relacións entre os centros galegos e a Universidade de Vigo, dar a coñecer a Facultade de Historia e o campus de Ourense entre o alumnado interesado no ámbito humanístico e fomentar a relevancia das disciplinas humanísticas para a comprensión do mundo actual e a súa mellora. A competición contará coa colaboración de diversas entidades como son o Consello Social da Universidade de Vigo, o Concello e a Deputación de Ourense e empresas como Caldaria e Coren.

Esquema de pregunta-resposta

Poderá participar na II Olimpíada Galega de Historia. Fai Historia con Nós o alumnado matriculado no curso 2018/2019 en 4º de Educación Secundaria Obrigatoria dos centros de ensino secundario de Galicia. A participación na proba realizarase mediante equipos, podendo cada centro presentar un equipo formado por catro estudantes e unha ou un docente encargado da preparación e representación do equipo a todos os efectos. O prazo de inscrición finaliza o día 12 de abril de 2019 ás 14.00 horas e a proba terá lugar o día 24 de maio na Facultade de Historia do campus de Ourense. O máximo de equipos participantes está establecido en 30, competindo na primeira edición 28.

Os equipos, que nomearán unha ou un voceiro, enfrontaranse nunha competición que seguirá o esquema pregunta-resposta, na primeira fase nunha plataforma electrónica e na segunda de xeito oral. As probas cinguiranse aos contidos do currículo da materia de Xeografía e Historia de 4º de Educación Secundaria Obrigatoria establecidos pola actual lei educativa. Realizaranse sucesivas roldas de probas eliminatorias entre os equipos participantes, competindo todos eles como mínimo en dúas quendas do concurso.

Haberá catro categorías de premios. O equipo gañador acadará unha tableta para cada compoñente e un lote de libros e un trofeo para o centro escolar. A ou o docente encargado do equipo recibirá como agasallo unha proposta vacacional de fin de semana para dúas persoas. O segundo premio consistirá nun libro e un videoxogo para cada compoñente do equipo e un lote de libros e un trofeo para o centro escolar. A ou o docente encargado do equipo recibirá como agasallo dúas entradas ás termas e masaxe en Outariz. O terceiro e cuarto premio serán un libro ou un videoxogo para cada compoñente do equipo e un lote de libros e un trofeo para o centro escolar. A ou o docente encargado do equipo recibirá como agasallo dúas entradas ás termas e masaxe en Outariz. Cada participante na olimpíada recibirá un diploma.