DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita está organizada polo Club de Escaladores Ourensáns Asesou

O II Open de Marcha Nórdica Campus da Auga-Cidade de Ourense terá lugar o día 16 de xuño

O obxectivo é dar a coñecer este deporte en auxe

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 14/06/2019

O II Open de Marcha Nórdica Campus da Auga-Cidade de Ourense terá lugar o domingo 16 de xuño. A cita, organizada polo Club de Escaladores Ourensáns Asesou coa colaboración de diferentes entidades, entre elas o campus de Ourense, ten como obxectivo dar a coñecer ao público en xeral este deporte en auxe, que consiste en camiñar coa axuda e impulso de bastóns similares aos empregados no esquí.

Segundo explican desde a organización, a carreira cubrirá unha distancia de oito quilómetros nun circuíto circular pola beira dos ríos Miño e Lonia, con saída e chegada nas pistas de atletismo del campus de Ourense. Aínda que ten carácter educativo, a competición cumprirá co regulamento Fedme de marcha nórdica, terá habilitada unha zona para federados e outra para persoas non federadas e ao longo do percorrido haberá técnicos especializados en orientar e aconsellar a todas as persoas sobre a proba e posibles erros que serían penalizados en caso de competir. Antes do inicio da carreira técnicos do Club de Escaladores Ourensáns indicarán ás persoas participantes os principais aspectos técnicos e regulamentarios deste deporte. A saída será ás 11.30 h e o peche ás 13.00 h.

Desde a organización subliñan o carácter inclusivo deste deporte e os seus beneficios para a saúde, salientando como a marcha nórdica pode practicarse para manter a forma física, mellorar o rendemento deportivo ou desde o punto de vista sanitario e de promoción da saúde. Na modalidade competitiva, puntualizan, é unha especialidade deportiva que se manifesta a través de competicións nas que as e os participantes utilizan uns bastóns especialmente deseñados para o desenvolvemento da actividade, co obxectivo de optimizar o esforzo físico realizado no movemento, efectuándose o itinerario a pé, no menor tempo posible, e co máximo respecto ao medio natural. Na actualidade, a Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus de Ourense inclúe entre a súa programación de escolas unha escola de marcha nórdica en colaboración co Club de Escaladores Ourensáns Asesou.