DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O edificio Redeiras acollerá o evento os días 20 e 21 de novembro 

O iLingua celebrará o seu congreso inaugural na procura de reforzar as estruturas e redes de investigación en linguas

CIIL25 contará con preto de 50 comunicacións de universidades nacionais e internacionais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Eido
  • Estudantado
  • HR
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 12/11/2025

Nacido hai medio ano, o Instituto de investigación Lingua da UVigo, iLingua, celebrará os vindeiros días 20 e 21 de novembro o seu congreso inaugural. A I Conferencia internacional de investigación en linguas, CIIL25, reunirá no edificio Redeiras un destacado número de especialistas en dúas xornadas dedicadas ás linguas “co obxectivo de acadar sinerxías, dar a coñecer os traballos que se están a facer e asentar as redes do iLingua”, explica o director do Instituto, Javier Pérez Guerra.

Aínda que iLingua celebraba recentemente outros eventos, como a xornada Linguamente, será CIIL25 o congreso inaugural do Instituto, aberto a toda a comunidade científica do ámbito. “O obxectivo é achegar ás persoas con intereses investigadores comúns, tanto persoas cunha ampla traxectoria investigadora, coma novos talentos que acaban de comezar. Tamén queremos atraer o estudantado para que coñeza a actualidade e o futuro do noso ámbito”, detalla María Méndez Santos, secretaria do iLingua e do comité organizador do CIIL25, que confirma ademais o éxito da convocatoria realizada pola organización da Conferencia, que contará con catro plenarias, nove pósteres e 45 comunicacións de universidades de toda España, Colombia, Italia, Estados Unidos e Senegal.

Estruturas e redes de investigación en linguas máis asentadas

Fronte ao ámbito científico, o director do iLingua considera que “a investigación en linguas e, en concreto, a súa coordinación a través de institutos ou centros non goza de estruturas ou redes tan asentadas”. É por esta razón, que o Instituto pretende, a través de iniciativas como a celebración de CIIL25, “tecer conexións e, como obxectivo adicional, dar a coñecer a outras entidades as investigación que se desenvolven na actualidade na UVigo pois, de feito, a capacidade investigadora do persoal pre, posdoutoral e consolidado do iLingua é moi relevante e ampla”. 

Méndez e Guerra lembran que "o iLingua está formado por persoal investigador no ámbito das linguas e a lingüística en moi diversas liñas e no CIIL25 decidimos dar acollida a todas as liñas do instituto e plantear algunhas temáticas nas que temos especial interese. Neste sentido a selección dos traballos, así coma a súa categorización en presentacións orais ou pósteres, obedeceu en todo caso a criterios científicos", explican.

Neurociencia ou redes sociais, entre as temáticas das plenarias

Linguaxe, linguas e lingüística en relación con áreas tan de actualidade como a creación de recursos, a neurociencia, a intelixencia aumenta e redes sociais centrarán as plenarias da Conferencia, nas que tamén se abordarán outras cuestións como accesibilidade como dereito da cidadanía, oportunidades de investigación en humanidades dixitais ou linguas indíxenas e diversidade lingüística.

“Catro persoas cunha gran traxectoria investigadora e que ademais están ao cargo de catro institutos da lingua referentes para nós”, serán as e os conferenciantes plenarios do evento, explica María Méndez, en referencia a Mercè Lorente Casafont (Universidade Pompeu Fabra), Vincent Renner (Universidade Lumiére Lyon 2), Chelo Vargas Sierra (Universidade de Alacant) e Carmen Varo Varo (Universidade de Cádiz). Chelo Vargas será a encargada de impartir o relatorio inaugural da Conferencia, titulado Reescribir la inteligencia: cognición traductora y prompting en la era de la inteligencia aumentada, mentres que Mercè Lorente pechará a Conferencia coa palestra La lingüística aplicada orientada a la creación de recursos.