As e o candidato fan balance, lembran anécdotas e piden o voto a poucos días das eleccións
A “ilusión” marca o ecuador dunha campaña electoral á Reitoría que suma un cento de encontros, seis debates e decenas de entrevistas
Amosan o seu respecto polas outras candidaturas ás que, caso de non presentarse, non apoiarían
Transcorridos seis dos dez días da campaña electoral á Reitoría da UVigo, Belén Rubio, Jacobo Porteiro e Carmen García Mateo concordan á hora de describir cunha palabra como están a vivir esta experiencia: “ilusión”, coinciden o candidato de ConSenso e as candidatas de H2040 e Nós Universidade á hora de resumir a súa experiencia.
Sumados a estas alturas entre os tres aspirantes á Reitoría preto dun centro de encontros con diferentes colectivos dos tres campus; seis debates, celebrados tanto fóra como dentro da institución académica; e decenas de entrevista atendidas, o e as candidatas a reitor e reitora completan o balance destes días de campaña cualificándoa de “intensa, profundamente enriquecedora e que amplía as expectativas” no caso de Jacobo Porteiro; ”excitante, con moitos nervios e unha realidade que supera o que podías imaxinar desde fóra”, no de Carmen García Mateo, e “moi enriquecedora, intensa e satisfactoria en canto á coordinación co equipo”, en opinión de Belén Rubio.
Cara aos días que restan ata chegar ao 4 de maio, os candidatos de ConSenso e Nós Universidade falan de “intensificar” e “acelerar”, respectivamente, mentres que a candidata de H2040 asegura que “nestes últimos días gustaríanos avanzar algo máis no contacto co estudantado”.
Incidentes co vestiario, salas cheas e apertas para o equipo
Ao longo dos seis días de campaña que quedaron atrás non faltaron algúns momentos que as e o aspirante á Reitoría destacan pola emoción ou mesmo por algún “contratempo” que foron quen de solucionar. “Sen ningún tipo de dúbida entrar no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais o día do acto de arranque de campaña e baixar en comitiva con tantísima xente esperando. Non esperaba aquilo. Que nervios, e que alegría ao mesmo tempo!”, destaca Carmen García Mateo.
Pola súa banda, Jacobo Porteiro sufriu o día da presentación do seu equipo un “incidente co vestiario” que puido solucionar minutos antes “coa axuda inestimable do PTXAS e dun compañeiro que me prestou a súa roupa e puiden saír á presentación con total normalidade. Nas fotos dese día eu estou con roupa que non é miña, e alguén está coa miña roupa debidamente remendada. Queda aberto a quen queira revisar as fotos e tratar de adiviñalo”, anima o candidato de ConSenso.
Para Belén Rubio, son dous os momentos que destaca: “un día que unha persoa do Programa Universitario de Maiores chegou tarde ao encontro e empezou a repartir abrazos a todo o equipo, moi agarimoso, e outro unha estudante do campus de Pontevedra que se achegou a varias sesións dos distintos centros e ao preguntarlle, contoume que estaba tomando notas para trasladarlles aos seus compañeiros e compañeiras”, explica a candidata de H2040.
Expectativas de gañar reforzadas nunha campaña con maior exposición
Para Jacobo Porteiro, as expectativas de que, nestes días de campaña, a súa candidatura gañe as eleccións, “reforzáronse. A medida que avanzamos, imos percibindo cada vez con máis claridade que hai unha maioría que quere abrir unha nova etapa e comparte as nosas propostas e a necesidade de que a UVigo ten que dar un paso máis. Non falamos só de posibilidades electorais, senón dunha corrente de fondo a favor dun cambio valente e ambicioso, pero tamén responsable eticamente”. O candidato de ConSenso considera que as redes sociais son unha peza clave, “porque se queremos chegar ao alumnado temos que estar nas mesmas canles que eles utilizan”. Así mesmo, destaca que “a resposta está a ser moi positiva, tanto nos debates como nos actos presenciais”.
Mentres, Carmen García Mateo recoñece que “o cansazo acumúlase día a día, iso é innegable. Pero hai algo que medra con máis forza: a ilusión polo cambio. É un escenario de incerteza, dende logo, pero o que estamos a recibir nos tres campus, a resposta das persoas que nos escoitan, reforza a nosa confianza. Estamos todo o equipo moi animadas e animados”. En canto ao desenvolvemento dunha campaña cunha maior exposición pública das persoas candidatas, García Mateo explica que “non sería honesta se dixese que este tipo de exposición pública me resulta completamente cómoda, pero confío plenamente no equipo e levamos moitos meses traballando na estratexia: tanto nos contidos para dar a coñecer o noso programa, o noso contrato coa UVigo, como na preparación dos debates. Iso nótase, e tranquiliza”.
Co paso dos días a candidata de H2040 recoñece que “a medida que te vas implicando máis no programa, coas persoas do equipo e coas que falas, es consciente de que estás loitando por algo no que cres profundamente, que vai ser bo para a túa universidade, iso faiche coller forzas. A relación coas compañeiras e compañeiros e a ilusión compartida nestes días sen dúbida anima moito sobre as posibilidades reais de gañar”. Sobre a maior exposición pública que para as candidaturas require unha campaña na que cobraron especial protagonismo as redes sociais e os debates, Belén Rubio asegura que o está a xestionar “mellor do que pensaba. Son unha persoa bastante tímida e tentei tomalo con moita tranquilidade e coa intención de facelo sempre o mellor posible. Incluso xa me vou afeccionado aos Tiktoks que nos está facendo o estudantando”.
Porque votar á miña candidatura ….
As razóns polas que un membro da comunidade universitaria debería votar a Nós Universidade, H2040 ou ConSenso é algo que cada unha das candidatas e o candidato á Reitoría teñen claro. “A experiencia e coñecemento da universidade que ten o meu equipo” é algo que Belén Rubio agarda que a comunidade saiba valorar, “así como o traballo previo e que nos permitan darlle continuidade e levar á UVigo a ser unha universidade excelente en 2032”. A candidata de H2040 tamén destaca a calidade, coordinación e cohesión do equipo, “así que, vota a Belén Rubio por unha Universidade de Vigo cun futuro excelente”.
Pola súa banda, Jacobo Porteiro asegura que “pedimos o voto para recuperar a ilusión por vivir a universidade”, para o que propón “unha UVigo con máis vida nos campus, cun bo ambiente entre colectivos e cun modelo compartido por todas a comunidade e no que todas as áreas de coñecemento importan por igual”. Para o candidato de ConSenso “non podemos seguir mirando polo retrovisor. Non é só unha elección entre persoas, é unha decisión sobre o futuro da UVigo”.
Mentres, Carmen García Mateo apela ao voto da comunidade universitaria “porque garantiremos un goberno serio, con solvencia, que poña fin á improvisación. A estabilidade non só debe ser laboral, senón tamén emocional”. Para a candidata de Nós Universidade, “a comunidade universitaria merece saber que quen goberna ten un proxecto claro, un equipo capaz e a vontade real de transformar a UVigo nos próximos seis anos”.
…. e a quen votaría eu se non fose candidata ou candidato
Nun escenario ficticio, ou mesmo no que se lle podería presentar á candidata ou candidato que non acadase os votos suficientes para participar nunha segunda volta, caso de habela, a cal das outras dúas candidaturas votarían Jacobo Porteiro, Carmen García Mateo e Belén Rubio?
O candidato de ConSenso manifesta o seu respecto e aprecio persoal polas candidatas á Reitoría, “pero o noso proxecto é claramente diferente. Se eu non estivese nesta campaña, botaría en falta unha proposta que combine renovación real, ambición e unha visión integradora de toda a universidade. Precisamente por iso decidín dar ese paso; porque creo que a UVigo necesita algo distinto para os próximos seis anos e ese espazo é o que ocupa ConSenso”, explica Jacobo Porteiro.
A candidata de Nós Universidade considera que nun escenario “cunha candidatura continuísta e outra tamén continuísta, dado que formaron parte do mesmo goberno durante moitos anos, as preguntas que me faría serían as mesmas que lle propoño á comunidade universitaria: que cambiou? Por que agora? O voto é de cada persoa, pero a información para exercelo ten que ser completa”, asegura Carmen García Mateo.
No caso de Belén Rubio sinala que “valoro moitísimo ás compañeiras e compañeiros que conforman os equipos das outras candidaturas”, aínda que ten explica que “non creo que puidera apoialas porque non vexo un proxecto claro para a nosa universidade e as poucas propostas recollidas manifestan certo descoñecemento da realidade actual da institución. Todo isto non supón que non valore (e moito) o traballo que están facendo e creo que está contribuíndo á saúde democrática”, afirma a candidata de H2040.
