Carmen García Mateo e Belén Rubio confían nas súas posibilidades de dirixir a institución
Ilusións renovadas na conta atrás cara á elección este venres da primeira reitora da UVigo
Piden o voto para o seus proxectos de goberno da Universidade os próximos seis anos
Esta medianoite iniciarase a xornada de reflexión que precede á votación do venres na que a comunidade universitaria elixirá a primeira reitora da UVigo. Nas horas previas, Carmen García Mateo e Belén Rubio apuran actos e reunións e aproveitan para pedir o voto para as súas candidaturas que volverán a medirse nunha segunda volta que se desenvolverá entre as 10.00 e as 18.00 horas deste venres.
“Somos moderadamente optimistas, estamos contentos e, desde logo os resultados iniciais nos dan forza e renovan a ilusión coa que chegamos a este punto. Dito isto o marcador ponse a cero outra vez, cunha segunda volta que nada ten que ver coa primeira. Pero bueno, confiamos na comunidade universitaria e aceptaremos, como non pode ser doutra forma, o resultado, pero a ilusión, desde logo, non nos ganan”, asegura Carmen García Mateo, que na primeira volta acadou 1763 votos válidos emitidos, fronte aos 1490 da candidatura de H2040.
Precisamente a súa aspirante á Reitoría, Belén Rubio, recoñece que “seguimos con moitísima ilusión dando a coñecer o programa e estaremos ata o último minuto que nos permita o calendario electoral porque mañá xa é o día de reflexión. Pero hoxe xa nos reunimos no campus de Pontevedra co alumnado do Programa Universitario de Maiores, participamos nun debate organizado pola Cadena SER no edificio Redeiras e pola tarde rematamos a campaña cun acto de peche no salón de graos do edificio Politécnico do campus de Ourense”.
Con campaña o sen campaña, actividade intensa
Ambas as dúas candidaturas enfrontaron os días previos á votación do venres de xeito distinto, continuando con actos de campaña no caso de H2040, e paralizándoos á espera dunha aclaración por parte da comisión electoral, que non chegou ata onte martes, no de Nós Universidade.
“Pois, como toda a campaña, estes días foron tamén moi axitados, con moitísimo traballo porque o que intentamos foi seguir explicando e seguir comentando o noso programa sobre todo para marcar as diferenzas que temos entre o noso programa e o programa da outra candidatura”, explica Belén Rubio. Considera a candidata de H2040 que estes días “extra” de campaña pagaron a pena para aclarar aspectos como “que a outra candidatura non teña unha Vicerreitoría de internacionalización e nos si, porque iso ten que ter un papel fundamental na universidade se queremos internacionalizarnos e queremos ter unha universidade cada vez máis internacional”.
No caso de Nós Universidade a ausencia estes días previos á votación dunha axenda de actos, non é, sinala Carmen García Mateo, sinónimo de falta de actividade. “Como non tiñamos a seguridade xurídica necesaria para saber que tipo de accións se podían levar a cabo ou non, decidimos non facer a axenda de actos como tivemos a primeira parte da campaña. Si continuamos coa campaña de comunicación e falando con toda a comunidade universitaria, non para prometer cousas novas de última hora, non para repartir cargos, pero si falando para expoñer o proxecto, incluso de maneira individualizada”, detalla a candidata.
Derradeiras horas para pedir o voto
Coas incógnitas, por unha parte, de cara onde se orientarán os votos que na primeira volta respaldaron o proxecto de ConSenso, liderado por Jacobo Porteiro, e, pola outra, sobre as variacións que pode haber na porcentaxe de participación, respecto da primeira volta, as candidatas animan a aqueles membros da comunidade universitaria, que aínda non decidiron o seu voto, a que analicen os programas electorais e apoien o proxecto que máis lles convenza.
Carmen García Mateo asegura interpretar os resultados da primeira vota “como que a comunidade universitaria pide un cambio. E nós somos ese cambio. Nós queremos transformar a Universidade, esa é a nosa vontade. Se alguén quere cambiar a universidade, somos nós e se alguén quere que a universidade cambie, que vote a Nós”.
Pola súa banda, Belén Rubio invita á comunidade universitaria a que "revisen os programas, que comparen, que temos moitísima información por distintas cales e que tomen esa decisión baseada na análise de toda a información que temos a dispor. Esta é unha decisión moi importante porque son dous modelos de universidade moi diferentes e a decisión que se tome vai persistir para seis anos e, polo tanto, que todas as persoas, estudantes, PDI, PTXAS sexan conscientes de que son os decisorios dese futuro”, sinala Belén Rubio.
