DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un centenar de membros da comunidade universitaria participan nos actos de homenaxe á escritora

A imaxe e as palabras de Rosalía de Castro percorren o campus

Houbo mascarada, recitais, interpretacións musicadas, lectura de manifesto... e caldo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 25/02/2019

Aínda que o Día de Rosalía foi oficialmente este domingo, coincidindo co aniversario do nacemento da escritora galega, o campus de Ourense uniuse este luns á celebración desta data. E fíxoo cunha ampla programación que percorreu as instalacións universitarias e na que houbo unha mascarada, recitais, interpretacións musicadas, lectura de manifesto... e ata caldo.

Unha figura actual

A actividade, que contou coa participación de arredor dun centenar de membros da comunidade universitaria, estivo organizada por un grupo de profesoras e profesores da Facultade de Ciencias da Educación formado por Isabel Mociño, Xosé Constenla, Xabier Blanco, Ana Iglesias e Verónica Pousada co apoio da Área de Cultura da Vicerreitoría do Campus de Ourense e coa colaboración da Biblioteca Rosalía de Castro, a Área de Normalización Lingüística e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. “O campus de Ourense leva xa tres anos consecutivos celebrando esta efeméride e cremos que é unha oportunidade para concienciar ao noso alumnado da importancia dalgunhas das celebracións que temos a nivel social e do significado que teñen”, comentou Isabel Mociño en nome da organización.

“A figura de Rosalía de Castro, como autora fundacional da nosa literatura moderna, ademais de que é imprescindible tela en conta e celebrala, é unha voz actual, de plena actualidade. Aínda que escribiu no século XIX moitas das denuncias sociais, das reivindicacións que fixo no seu momento, para a nosa desgraza como sociedade seguen tendo vixencia. Polo tanto, ten todo o sentido celebrala ano tras ano, día tras día”, subliñou a profesora. Ademais, engadiu, “moito do alumnado que hoxe participa nestas actividades son futuros mestres e mestras de Educación Infantil e Primaria e polo tanto transmisores e transmisoras tamén de cultura e de significado desa cultura na que vivimos e nos desenvolvemos”, comentou Isabel Mociño sobre a relevancia de unirse a esta conmemoración.

Da biblioteca ao Edificio de Ferro

A conmemoración do Día de Rosalía partiu da Biblioteca Rosalía de Castro do campus, onde se habilitou un recuncho temático de fondos bibliográficos dedicados á escritora galega. Na entrada deste edificio deuse cita alumnado, profesorado e outros membros da comunidade universitaria que, portando en moitos casos unha máscara de Rosalía de Castro personalizada, arrancaron un percorrido polos diferentes edificios e lugares emblemáticos do campus de Ourense, como a escola infantil, o estanque ou o Camiño da Igualdade. Ao longo do percorrido, alumnado de Ciencias da Educación e outras persoas voluntarias deron lectura individualmente ou en grupo a poemas da escritora homenaxeada. No edificio Xurídico-Empresarial fixeron unha parada para, entre lectura e lectura, tomar un caldo, xa que a cafetaría deste centro e do edificio Politécnico uníronse á iniciativa da Fundación Rosalía de Castro Caldo de Gloria. Esta iniciativa, inspirada no poema Miña casiña, meu lar, no que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia, convidou a celebrar o Día de Rosalía cunha cunha deste caldo acompañada da lectura de poemas rosalianos.

Tras unha hora de percorrido, entre os edificios de Ferro e Politécnico, deuse lectura ao manifesto feito para o Día de Rosalía 2019 pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, promotora desta conmemoración. Nesta edición, a redacción do manifesto fíxoa Ana Romaní e no campus a lectura correu a cargo de Isabel Mociño e Verónica Pousada, estando tamén presentes Mar García, decana de Ciencias da Educación, e Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense. Alumnado do centro tamén interpretou dous poemas musicados da escritora homenaxeada.

Por último tamén se entregaron os galardóns do concurso de máscaras en Instagram convocado pola organización co gallo deste día. O certame, que tomou o lema Do XIX ao XXI: Libre o meu pensamento! proposto pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para esta conmemoración, convidaba aos membros comunidade universitaria da Universidade de Vigo a publicar en Instagram unha máscara de Rosalía de Castro adaptando o seu deseño. O primeiro premio, cun vale de 100 euros para mercar libros en librarías de Ourense, foi para Alba González, por unha imaxe na que reflexionaba sobre as cadeas que ataban ás mulleres en tempos de Rosalía de Castro e na actualidade. Tamén se concederon accésits a Erika García, Cristina Vila e Clara Domínguez, consistentes en material deportivo e un vale dobre para as termas de Outariz.