DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un concurso de fotografía busca a participación tanto do alumnado, como do PAS e do PDI

Unha imaxe para resumir o que significa ser parte da UVigo

A institución anima a buscar nos "álbums de fotos" a instantánea que describa a época universitaria

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 16/11/2020

Para algunhas persoas, as amizades que se fan durante a etapa universitaria son de por vida. Para outras, a experiencia Erasmus queda como un dos mellores recordos. A Universidade representa moitos sentimentos, moitas visións e moitos retos e esa imaxe subxectiva é a que busca o concurso Que significa a UVigo para min? que acaba de lanzar a Vicerreitoría de Captación do Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria. 

O certame procura que todos os colectivos da comunidade universitaria participen enviando unha foto que represente que é a institución para eles, polo que se contemplan catro categorías: estudantes, persoal de administración e servizo, persoal docente e investigador e persoas tituladas. Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento explica que non se trata unicamente de quitar fotos nestes días, senón que tamén anima a facer un percorrido “a través dos álbums de fotos, a rescatar aquelas imaxes sacadas un día en clase, nunha saída de campo, nunha viaxe ou nunha sesión na biblioteca; queremos que os membros da comunidade universitaria e as persoas egresadas se convertan así en protagonistas deste novo proxecto reflectindo o significado que ten ou tivo para cada participante o seu paso pola Universidade”.

O prazo de envío, aberto ata o día 27 de novembro

As fotos poden aviarse ata o día 27 deste mes e o ditame do xurado farase público o día 2 de decembro, mentres que a entrega de premios terá lugar na primeira quincena do mesmo mes. 

As imaxes poderán ser en cor ou en branco e negro e empregando calquera técnica fotográfica. As fotografías enviaranse en formato JPG, en alta resolución, cun tamaño máximo de 2 MB e presentaranse de maneira individual. Admitirase un máximo de tres obras orixinais por cada participantes. No caso de que nas fotografías presentadas aparezan persoas, todas deben estar debidamente identificadas e asinaren o consentimento de uso que aparece no formulario de participación. 

Para cada unha das catro categorías outorgarase un primeiro premio, consistente na publicación da fotografía na web Alumni-UVigo e un abono de participación nunha das actividades do programa de Augaventura da Universidade de Vigo, a escoller entre rafting, ruta e visita guiada en kaiak, ou curso de surf. Tamén se outorgará un accésit en cada categoría, un suadoiro da Universidade de Vigo, así como un agasallo a cada participante.

Un primeiro paso para crear unha comunidade de alumni

A idea de organizar este concurso xurdiu a raíz dun proxecto “no que dende hai meses estamos traballando na Área de Emprego, a posta en marcha da Comunidade Alumni da Universidade de Vigo”, explica Maruxa Álvarez. Precisamente deste proceso nace o certame de fotografía. “Cando nos plantexábamos a imaxe que queríamos para a web do colectivo, a que queríamos amosarlles aos posibles usuarios desta nova familia, pensábamos en adxectivos como proximidade, unión ou pertenza, pero “non atopamos ningunha que transmitise a frescura e autenticidade que buscábamos”. De aí a idea de buscar entre os propios “álbums de fotos” da comunidade universitaria, “facendo partícipes aos futuros usuarios de Alumni-UVigo e involucrándoos no proceso creativo, que ademais axudaría a xerar un sentimento de pertenza a esta comunidade”.

Sobre esta comunidade de alumni que se está a xestar, Maruxa Álvarez explica que “como outras similares que existen noutras universidades, está pensada como un novo espazo de comunicación que permita non só manter activo o vínculo entre as persoas tituladas e outros membros que tivesen relación académica ou contractual coa UVigo e a propia institución, senón tamén establecer sinerxías dentro do propio colectivo que faciliten o seu desenvolvemento persoal e profesional”. Neste sentido, remarca a directora da Área de Emprego, “o foco desta comunidade son, sen dúbida algunha, as persoas”.