DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As docentes de BBAA Yolanda Herranz e Andrea Costas e Marta Pérez expoñen no Marco

'Unha imaxe de si' ou como afondar nos territorios da autorrepresentación

A mostra inaugurase hoxe xoves nas salas frontais do 1º andar

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
DUVI 05/12/2024

A catedrática e a docente da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, Yolanda Herranz Pascual e Andrea Costas Lago, protagonizan, xunto a Marta María Pérez Bravo, desde hoxe nas salas frontais do 1º andar do Marco a mostra Unha imaxe de si. Marta María Pérez Bravo, Yolanda Herranz Pascual e Andrea Costas Lago na Colección Marco. Comisariada por Miguel Fernández-Cid e María Seoane, a exposición, na que a través da súas fotografías, vídeos e performances as tres artistas afondan nos territorios da autorrepresentación dende diferentes perspectivas, está conformada por obras das tres artistas pertencentes á colección do museo de arte contemporánea de Vigo. Aberta ata o 9 de marzo, a mostra permite facer unha lectura, non só da autorrepresentación ao redor da identidade, o corpo, o suxeito ou a subxectividade, senón tamén de dous campos estreitamente relacionados coa autorrepresentación e o autobiográfico como son o autorretrato e a performance, nos que a fotografía, e por extensión o vídeo, aparecen como medios privilexiados para o seu desenvolvemento.

“Elíxense temas afíns como son a identidade, o autorretrato, a presenza do corpo, a vindicación da condición feminina, as referencias á historia, á arte, a símbolos de culturas próximas por o vivido ou polo emocional. Yolanda Herranz e Andrea Costas recoñecen en Marta María Pérez un referente ético e estético, pero a ela lle sorprende a rotundidade e o toque persoal das propostas das súas compañeiras. E nese diálogo, nesa complicidade de obxectivos, é onde o espectador asiste a ese xogo de miradas, de ecos e sorpresas que está sempre presente na arte”, sinalan os comisarios María Seoane e Miguel Fernández-Cid.

A autorrepresentación, unha ferramenta decisiva

Segundo sinala Alberto Martín Expósito, autor do texto do catálogo, “estas tres creadoras, con maior ou menor intensidade ao longo da súa traxectoria, acudiron ao autorretrato como ámbito de indagación onde o propio corpo, como expresión e autorrepresentación do propio eu, aparece como o territorio físico, simbólico e social dende o que explorar e manifestar diversas subxectividades, construírse como suxeitos, cuestionar identidades e adscricións tanto a nivel individual como colectivo, ou revelar, en suma, o carácter fluído e ambiguo da interioridade subxectiva”.

Nesta liña sitúase Yolanda Herranz ao desenvolver dentro do seu proxecto El Arte Sana / El Arte Cura (en alusión clara a esa potencia de transformación /curación) unha serie de autorretratos que remite precisamente ao proceso de indagación na interioridade subxectiva, un elemento estreitamente relacionado á súa vez coa reflexión sobre a identidade que guía a súa traxectoria. Utilizando unha combinación de texto e imaxe, moi característica no seu traballo, propón un dobre marco visual e textual. O desprazamento da identidade convencional asociada ao retrato, a través da desfiguración do rostro, reconfigúrase nunha nova identidade que se expresa e constrúe a través da palabra.

No caso de Marta María Pérez, a ritualidade, fortemente ancorada na práctica artística latinoamericana, así como as referencias a un marcado sincretismo relixioso enraizado na súa cultura local de orixe, percorren a súa traxectoria caracterizada por unha continuada práctica do autorretrato concibido a partir de elaboradas escenografías de alto contido simbólico. A posta en escena do propio corpo convérteo nunha paisaxe para a inscrición de signos e alegorías elaboradas a partir da hibridación de tradicións, cultos e rituais. A cultura afrocubana, en toda a súa diversidade, é o camiño de referencia para abrir un territorio que transita entre o espiritual, o material e o corpóreo, un mundo onírico habitado por obxectos e materiais que adquiren toda a súa complexa dimensión a través da xestualidade e a linguaxe corporal da artista. 

A problemática dun corpo socialmente determinado, asociado ao feito da maternidade, é a base sobre a que Andrea Costas desenvolve o seu proxecto Desapego, no que expón e examina a súa propia experiencia autobiográfica. Unha acción autorreflexiva que se desprega de xeito complexo dende tres perspectivas simultáneas: confrontando a maternidade co marco social e político que a determina e condiciona; remitindo o espectador ao ámbito das relacións intrafamiliares e á esfera do cotián e, por último, a través da apelación á súa propia interioridade subxectiva.

“Tres artistas que constrúen e botan unha imaxe de si a partir dos seus corpos e das súas subxectividades, deixando con iso, á súa vez, a pegada dunha transformación posible, tanto para elas coma para nós, espectadores”, sinala Alberto Martín Expósito.