O campus de Pontevedra acolle o congreso da Asociación de Estudios Japoneses
A imaxe do Xapón reúne na UVigo máis de 70 especialistas de múltiples disciplinas
O evento complétase cunha exposición na que gravados nipóns dialogan con pezas contemporáneas
Desde especialistas en historia da arte ou literatura, a expertos en manga e anime, o cómic e a animación xaponesas, pasando por académicas e académicos especializados en arquitectura, turismo ou política internacional. Un total de 72 investigadores e investigadoras participan desde este mércores en Pontevedra na XVI Congreso nacional e VII Congreso internacional da Asociación de Estudios Japoneses en España (AEJE), que se desenvolve por primeira vez en Galicia da man do grupo de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes. Tres conferencias plenarias e 23 sesións de presentación de comunicacións integran o programa dun evento que pon o foco na importancia da cultura visual do país asiático en múltiples manifestacións artísticas, baixo o título de A imaxe do Xapón e o Xapón da imaxe. Coa Vicerreitoría do campus como sede central, o congreso vese complementado pola exposición Impresos, que presenta 25 xilografías dos séculos XVIII e XIX en diálogo coas creacións de sete artistas contemporáneos.
Como un “congreso puramente transdisciplinar” definiu este evento o investigador do grupo dx5 José Andrés Santiago, nun acto inaugural que contou coas intervencións da directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto; da presidenta da AEJE, Pilar Cabañas, e da subdirectora da Fundación Japón Madrid, Kaho Nakano. “En cada edición, os organizadores imprimen un pouco o espírito do seu grupo de investigación no tema do congreso”, sinalou Santiago, director dun evento que se estenderá ata este venres e que combina a asistencia presencial coa virtual. Pór o foco na cultura visual do Xapón permitía, lembrou, conectar o congreso coa traxectoria do grupo dx5 no ámbito dos estudos sobre manga e anime, así como “animar á participación de novos investigadores” nestes eidos, mais tamén fomentar o “carácter transdisciplinar” deste foro, non só “pola cantidade de participantes de áreas moi diferentes”, senón tamén “polos cruces que se producen, que espertan ideas ou suxiren a posibilidade dunha colaboración”.
Nesa mesma liña, Fernández Souto destacou que esa aposta polo interdisciplinar “encaixa perfectamente” coa proxecto de especialización Campus Crea, centrado na creatividade. Cabañas, pola súa banda, puxo de relevo os máis de 30 anos de traxectoria dunha asociación que congrega investigadores de diferentes eidos, unidos “pola paixón que sentimos por Xapón e a súa cultura”, aspecto no que tamén incidiu Kakano, que destacou as “contribucións notables, que fomentaron o crecemento dos estudos xaponeses” das e dos integrantes da AEJE.
Tres días de debate arredor do Xapón
A profesora de Cultura Xaponesa na Universidade de Estocolmo Jaqueline Berndt, “unha das voces máis importantes nos estudos de manga e anime”, como salientou Santiago, foi a responsable de impartir a conferencia de apertura dun congreso no que o grupo dx5 buscou contar con especialistas procedentes, “tanto do mundo académico como do profesional”. Con esa idea, contará este venres cunha conferencia de Marc Bernabé, responsable da tradución de máis dun milleiro de tomos manga, mentres que este xoves impartirá un relatorio á profesora de Teoría de Animación da Lasalle School of Arts de Singapur Sheuo Hui Gan.
Ao longo destas tres xornadas preto de 70 investigadores e investigadoras darán a coñecer as súas liñas de traballo, nas máis de 20 sesións de comunicacións. Nelas preséntanse estudos sobre a construción da imaxe do Xapón en occidente, a dixitalización do seu patrimonio cultural, a súa imaxe como destino turístico ou sobre o Camiño de Santiago e as pegrinacións neste país, así como traballos centrados na súa arte, cinema, literatura ou arquitectura. Así mesmo, na xornada do xoves tamén terá lugar un panel temático sobre intelixencia artificial e “ecoloxía mediática no media mix xaponés”.
Unha exposición na que dialogan tradición e contemporaneidade
No marco deste congreso, na tarde deste mércores inaugurase na sala de exposicións da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia a mostra Impresos. La imagen de Japón y el Japón de la imagen, que reúne unha selección de 25 gravados mokuhanga, en diálogo coa obra de inspiración xaponesa de sete artistas contemporáneos. Comisariada por Santiago nesta mostra exhíbense unha “selección única” de gravados de once autores dos períodos Edo e Meiji, cedidos por unha colección privada. Concretamente, trátase de estampas dos séculos XVIII e XIX, que a mostra presenta no seu título como “impresos” coa idea de pór de relevo na “dimensión cotiá destas imaxes, non entendidas orixinariamente como obras de arte”, como sinala o seu texto de presentación.
“Por medio de cruces de miradas e temáticas afíns, establécese un diálogo” entre estes 25 gravados e unha selección de obras de sete artistas que “desde diferentes perspectivas”, tanto temáticas ou formais como materiais, “tratan a imaxe do Xapón na súa obra”. Concretamente, a mostra que poderá visitarse ata o 18 de outubro complétase coas pezas de Sabela Alonso, Miguel Cuba, Ángela Estévez, Carlos Fer, Anne Heyvaert, Santi Jiménez e Ana Soler.