DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os premios do concurso de fotografía MULLE.Rme entregaranse este venres

Imaxes que rachan cos estereotipos de xénero na enxeñaría de minas e da enerxía

A foto gañadora mostra unha traballadora no alto dun aeroxerador

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Premios
  • Cultura
DUVI 06/03/2019

A fenda de xénero nas titulacións universitarias é unha das caras máis visibles da desigualdade, con escasa presenza de mulleres nas titulacións técnicas e graos relacionados coa saúde e os coidados totalmente feminizados. A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo trata de rachar cos estereotipos asociados coas enxeñarías en diferentes actividades e propostas, unha delas é concurso de fotografía MULLE.Rme para dar visibilidade ao sexo feminino nas profesións técnicas como as relacionadas coa enxeñaría de minas e enerxía. 

O certame estaba aberto a toda a cidadanía na procura de instantáneas que amosasen a muller como protagonista activa na realización de diferentes tarefas dentro da enxeñaría de minas e enerxía, ou, pola contra, fotos que puxese de manifesto a masculinización da profesión en sectores como a xeración, transformación, transporte e uso da enerxía, enerxías renovables, explotación de minerais e rochas, túneles e obras subterráneas, restauración de espazos mineiros, avaliación de impacto ambiental, fabricación e uso de materiais, explosivos, etc. O xurado, entre as 19 obras presentadas ao concurso, escolleu a imaxe de Ana García como gañadora do concurso, que recibirá o seu premio, unha cámara réflex valorada en 300 euros, no acto que se celebrará este venres 8 de marzo ás 11 da mañá na escola coincidindo coa celebración do Día Internacional das Mulleres. O segundo premio, dotado cunha mochila fotográfica valorada en 50 euros, é para Tania Cotelo Vila e o terceiro, un pau de autofotos valorado en 30 euros, para Nuria Pereira Pinto. Ademais, as obras premiadas exporanse temporalmente, xunto con todas as demais presentadas, no vestíbulo da escola a partir deste venres.

As tres imaxes reflicten tres mulleres desenvolvendo tarefas relacionadas coa Enxeñaría de Minas e Enerxía, dende as renovables ás explotacións a ceo aberto ou as canteiras. De feito, a imaxe gañadora amosa a traballadora no alto dun aeroxerador, entre as palas do aparello, coa paisaxe de fondo.