DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ante as numerosas inquedanzas que suscitan ambos temas na sociedade

Impacto dos eólicos e tarifa eléctrica: OEGA organiza para este mes varias xornadas de debate

As charlas serán en liña, gratuítas e abertas ao público en xeral, previo rexistro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Medio Ambiente
  • Cultura
D. Besadío DUVI 02/07/2021

O Observatorio Eólico de Galicia, OEGA, organizou para este mes de xullo varias xornadas de debate en liña nas que,  a través da testemuña de especialistas en distintos ámbitos, se tratará de achegar luz sobre dúas cuestións que están en pleno centro do debate público: dunha banda, o impacto económico e ambiental dos parques eólicos e, da outra, a tarifa eléctrica diferenciada por territorios. As actividades arrancarán o venres 9 co ciclo Marco xurídico e enerxías renovables: o caso dos parques eólicos –que continuará os días 16 e 23 de xullo, en horario de 12.00 a 14.00 horas-. O outro seminario será o luns 12 e levará por título Unha tarifa eléctrica diferenciada por territorios? A participación en todas estas charlas é gratuíta e aberta ao público en xeral, previo rexistro na súa web.

Análise do impacto ambiental e sobre o territorio dos eólicos

Con respecto ao seminario sobre o marco xurídico das enerxías renovables, contarase coa participación de diferentes profesionais do Dereito, que afondarán no marco normativo co que a sociedade trata de dar resposta “en tempo e forma” aos retos que supoñen integrar “eficaz e equitativamente” os efectos sociais, económicos e ambientais dos parques eólicos. “O boom dos parques eólicos xerou moitas inquedanzas nas comunidades rurais, incluso bastante inseguridade debido á falta de información e á complexidade dos procedementos de autorización”, explica o profesor do Departamento de Economía Aplicada Xavier Simón, director do OEGA, quen fai fincapé en que esas inquedanzas e inseguridades obsérvanse sobre todo no ámbito da planificación territorial, é dicir, nos efectos que os parques eólicos teñen sobre o territorio e os seus compoñentes, as persoas e a súa saúde, os bens ambientais e culturais e súa conservación, a paisaxe e a súa transformación... “Todo iso levounos a pensar en conformar paneis de expertos de primeiro nivel para poder xerar coñecemento de libre acceso que permita reducir aquelas incertezas e minguar a nosa ignorancia”, recalca Simón.

O primeiro día, venres 9, as intervencións estarán centradas no ámbito do impacto territorial e, para tratar esta cuestión, contarase coa participación do profesor de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña Carlos Alberto Amoedo, que impartirá o relatorio Impacto dos proxectos eólicos sobre o patrimonio cultural galego: un estado da cuestión; e de Manuel González, conselleiro técnico da Presidencia-CH do Miño-Sil, que falará sobre Terras agrarias, máis aló do rústico. O venres seguinte, día 16 de xullo, introducirase a temática das terras agrarias e os seus valores económicos e ambientais. Neste caso, contarase coa participación de Patricia Ulloa, presidenta do Xurado de Expropiación de Galicia, que afondará no tema da valoración de terras para parques eólicos, e da profesora de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela Alba Nogueira, que se centrará na prevalencia de usos e no impacto ambiental e sobre o territorio.

O seminario rematará o venres 23 abordando varios casos de estudo. En primeiro lugar, Fernández Armesto, xestores da Casa Grande Xanceda (Mesía) compartirán a súa experiencia nos Procedementos xurídicos en marcha no macroproxecto Ordes-Curtis, e o avogado Xosé Antón Pérez Lema introducirá o tema da defensa do territorio, do patrimonio cultural, do ambiente e da economía local como límites á produción eólica en Galicia.

Tarifa eléctrica diferenciada: por que si/por que non?

No caso da xornada Unha tarifa eléctrica diferenciada por territorios?  Búscase que as persoas que asistan poidan informarse con claridade sobre unha cuestión que abrangue aspectos tanto normativos como económicos e sociais, sinalando cales son os factores que poden xustificar a existencia de prezos rexionais da electricidade. “Son moitas as persoas que, desde diferentes ámbitos sociais, económicos e políticos, preguntan por este tema do prezo da enerxía, dos custes, da súa distribución, da incidencia que ten a proximidade do lugar de produción ao lugar de consumo...e, como o OEGA aínda non ten unha posición propia, en colaboración co grupo Economic Analysis, Accounting and Finance (RGEAF) da UVIGO, especialistas en mercados eléctricos, demos en convidar a expertos que defendan todas as posturas, e nos dean argumentos para poder formar unha resposta propia a esa demanda”, salienta o director do observatorio.

O encontro, que tamén se levará a cabo de 12.00 horas a 14.00 horas, contará coa participación do profesor da Universidad del País Vasco Aitor Ciarreta, que tratará de explicar en que consisten os prezos diferenciados por rexións, explicando a experiencia doutros países neste sentido e indicando o que establece a Unión Europea; de Clara Isabel Martínez, xefa da Área de Prezos Regulados da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), que afondará na metodoloxía de deseño da tarifa eléctrica en España e as razóns que explican a existencia dunha tarifa única a nivel territorial, e de Xosé Manuel Golpe, da Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña, Faepac, e Nosa Enerxía S. Coop.