DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola Área de Dereito Procesual da UVigo, celébrase este xoves e venres 

O impacto das novas tecnoloxías no sistema de xustiza penal reúne medio cento especialistas e estudantes nun congreso internacional 

Abordarase a protección de datos no proceso penal ou a responsabilidade penal das persoas xurídicas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 20/10/2022

Organizado pola Área de Dereito procesual da UVigo, baixo a dirección da catedrática Esther Pillado González, o salón de graos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo acolle hoxe e mañá o congreso internacional A xustiza penal ante o reto das novas tecnoloxías. Durante dous días unha cincuentena de expertos e expertas, así como estudantes, tanto de  forma presencial, como virtual, participarán nas sesións do congreso que se integra como unha unidade formativa do programa de doutoramento en Xestión e resolución de conflitos, menores, familia e xustiza terapéutica.“O obxectivo é analizar os retos das novas tecnoloxías dentro do sistema de xustiza penal. Os avances tecnolóxicos están a afectar á nosa vida social e persoal, a todos os aspectos da nosa vida, e tamén, por suposto, afecta á xustiza”, explica Esther Pillado, que sinala que os avances nas TIC, pouco a pouco, se van introducindo no ámbito da xustiza penal, “que tamén vai progresando na dixitalización dos procesos e implementando ferramentas de intelixencia artificial, de forma lenta, porque no sistema de xustiza todo vai un pouco máis a modo que na nosa vida social e persoal”, afirma.

O congreso arrancou esta mañá coa celebración dunha mesa redonda na que, baixo o título Desafíos da xustiza xuvenil ante as novas tecnoloxías, participaron Jorge Jiménez Martín, director da Escuela Judicial; Mercedes Llorente Sánchez-Arjona, profesora titular de Dereito procesual da Universidade de Sevilla e Blanca Otero Otero, profesora de Dereito procesual da UVigo. “Falaremos tamén dos avances en dixitalización na UE, protección de datos no proceso penal e mañá abordaremos a responsabilidade penal das persoas xurídicas. Un abano importante de temas, todos vinculados ás novas tecnoloxías dentro do proceso penal”, detalla a catedrática da UVigo Esther Pillado. Así mesmo, no congreso “exporanse oralmente seis comunicacións de profesores e investigadores procedentes de universidades, tanto españolas, como de Italia e Portugal”, detalla Tomás Farto Piay, profesor axudante doutor de Dereito procesual da UVigo e secretario do congreso.

Avances tecnolóxicos que procuren un sistema de xustiza mellor

Na inauguración do congreso, Esther Pillado lembrou que os avances nas novas tecnoloxías tamén están a repercutir no xeito de cometer os delitos, facilitando a ciberdelincuencia “e polo tanto cómpre que desde a xustiza utilicemos e implementemos instrumentos que permitan a investigación destes ciberdelitos, e cando falo de ciberdelitos falo de forma xeral, calquera delito no que na súa comisión teñan un protagonismo especial as novas tecnoloxías”, dixo a directora do congreso. 

Ante esta situación, Pillado ten claro que o reto que enfronta a xustiza é que os avances tecnolóxicos “fagan que o sistema de xustiza sexa máis xusto, equitativo, eficaz, eficiente , pero o reto en realidade é que sexamos quen de que todo isto se faga sempre respectando os dereitos e garantías que forman parte dun proceso xusto”, explicou a catedrática de Dereito procesual da UVigo.