DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu este venres unha conferencia sobre esta temática

A implantación da intelixencia artificial, un reto para as administracións públicas

No marco da programación da Mobile Week Ourense 2022

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Académica
DUVI Ourense 16/09/2022

A programación da Mobile Week Ourense 2022, cita impulsada pola Deputación de Ourense e Mobile World Capital Barcelona e apoiada entre outras institucións pola Universidade de Vigo, chegou este venres ao campus de Ourense coa celebración dunha conferencia titulada Intelixencia artificial, a administración pública e o seu efecto sobre os cidadáns. Nela presentouse unha visión da súa implantación no eido público e dos retos que afronta.

O acto celebrouse na Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) e foi presentado por Francisco Javier Rodríguez, director do centro, contando ademais coa asistencia de Fernando Suárez, director da Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, e Pablo Manzano, director para administracións públicas en Galicia de NTT DATA. Na súa intervención, o director da ESEI destacou como entre as e os asistentes á conferencia estaba o alumnado que este ano comezou a estudar o Grao de Intelixencia Artificial que se imparte neste centro, titulación posta en marcha este curso académico.

Unha administración máis eficiente

A conferencia, centrada na intelixencia artificial no sector público, foi ofrecida por Albert Mayol, head of Data Driven Transformation para Europa de NTT DATA, e estivo aberta ás persoas interesadas. O relator explicou que a intelixencia artificial “é a capacidade de sistemas informáticos de simular ou imitar comportamentos humanos” e “xa forma parte do noso día a día, está en moitas das cousas que facemos”. O sector privado, detallou, “adoptouna para coñecer mellor ao seu cliente, fidelizalo, vender máis, ser máis eficiente, etc”. Porén, engadiu, “o sector público non ten un aliciente vinculado á parte monetaria pero si vinculado a como empregar todas estas novas tecnoloxías para prestar mellores servizos á cidadanía”.

Ao longo da súa intervención Albert Mayol expuxo exemplos actuais e posibles liñas de futuro da intelixencia artificial en diferentes eidos do sector público, como na sanidade, onde explicou como “a día de hoxe xa hai sistemas que permiten con ela identificar de forma temperá determinadas enfermidades”; en emprego, “para axudar aos demandantes de emprego a escoller a mellor formación que lles axude a atopar emprego”; na educación, para previr o fracaso escolar, ou en facenda para previr e identificar o fraude fiscal. En todo caso, afirmou o experto, aínda que “a aplicación da intelixencia artificial no eido público é moi incipiente, pois só unha terceira parte da administración pública en España empezou a adoptar estas ferramentas”, o 80%, dixo, afirma “que é unha prioridade para eles adoptala para prestar mellores servizos”.

A intelixencia artificial, destacou o relator, “vai a ser imparable, cun crecemento exponencial” e vai axudar ás administracións públicas “a prestar mellor os seus servizos, a coñecer ao cidadán, a saber o que necesita e incluso a poder ofrecer servizos proactivos, que é como unha cousa moi utópica pero que pode pasar”. Para o seu desenvolvemento neste eido, Albert Mayol sinalou que tamén “hai toda unha serie de retos”. Entre eles apuntou a parte ética pois, dixo, “estamos falando de algoritmos que aprenden a base de adestramentos e hai que tentar reducir todo o que sexa posible nesgos, discriminacións por temas de sexo, relixión, raza, etc”. Tamén apuntou o reto do talento, sinalando que “a administración ten que ter xente preparada para utilizar esta tecnoloxía” e o da “colaboración público-privada para que traballando conxuntamente se implante máis axiña a intelixencia artificial”.    

Family Day

O domingo 18 a ESEI acollerá tamén o Family Day, no que haberá actividades pensadas para público infantil e as súas familias. 45 nenas e nenos de 7 a 12 anos, divididos en pequenos grupos, participarán na Hora do Código, onde terán a oportunidade de achegarse dun xeito lúdico e didáctico ao mundo do deseño e impresión 3D, á programación en Minecraft Education Edition e a retos robóticos. Tamén participarán nun Taller DigiCraft da Fundación Vodafone e coñecerán os hologramas coa tableta. DigiCraft é un programa didáctico que ensina competencias dixitais a nenas e nenos a través do xogo e a experimentación. Concretamente, neste taller as e os participantes construirán o seu propio visor de hologramas con forma de pirámide e utilizarano para visualizar vídeos en 3D desde unha tableta ou teléfono intelixente.

Paralelamente, haberá actividades para pais e nais e educadoras e educadores. Elas e eles poderán asistir á presentación do estudo Impacto da tecnoloxía na adolescencia. Relacións, riscos e oportunidades, a cargo de Belén Andrade, especialista en dereitos dixitais da infancia e campañas de sensibilización. Tamén haberá unha intervención sobre o uso educativo dos videoxogos, a cargo de Luz Castro, presidenta da asociación galega de videoxogos e contidos interactivos (videoxogo.gal) e vicepresidenta da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia. Outra das conferencias, titulada Como evitar que o meu fillo me arruíne na tenda de videoxogos?, centrarase na adicción e os videoxogos e será ofrecida por José Luis Montiel, licenciado en Medicina e responsable médico do CAPD Sarria. Por último, Marta Montagut, doutora en Comunicación, impartirá a formación Educar aos nos@s fill@s contra as fake news.