DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A sala O Abrigo de Belas Artes acolle este luns a instalación ‘Simposion´t’

Un implante coclear serve como punto de partida para unha obra sobre os fallos na comunicación

Este espazo acollerá a partir do xoves unha mostra de retratos de mulleres artistas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 24/02/2025

Simposion´t é o título da instalación que este luns 24 pode contemplarse na sala O Abrigo de Belas Artes e que presenta algúns dos resultados dun proxecto desenvolvido pola estudante da facultade Ana Allegue e o titulado Javier Rouco valéndose dun implante coclear como un sistema de rexistro de son. “Os artistas amplían o rol deste dispositivo, non só como ferramenta médica, senón tamén como medio para explorar a percepción sensorial modificada e as interferencias que se orixinan”, sinalan desde este espazo expositivo, xestionado polo colectivo artístico Lupercais. O punto de partida da instalación que este luns pode contemplarse neste espazo foi a performance que estes dous artistas desenvolveron na última edición do Culturgal e que agora se presenta nunha peza en vídeo, complementada á súa vez por algúns dos elementos empregados para esta acción, como o molde dunha orella no que se colocaba o implante e un conxunto de imaxes xeradas tomando como punto de partida as instrucións do propio dispositivo e que “funcionan como unha especie de partitura”, apunta Rouco.

O proxecto que Allegue e Rouco presentaron no espazo da facultade no Culturgal tiña como obxectivo afondar “na subxectividade do individuo e a súa identidade, explorando, dende a metáfora da interface as tensións entre a 'normalización' e ampliación tecnolóxica”, sinalan, “nunha era onde corpo e sentidos poden ser alterados e potenciados pola tecnoloxía”. Deste xeito, como destaca Rouco, buscaron afondar “nos fallos que se producen nas comunicación e nos sistemas en xeral”, unha idea que se ve reflectida á súa vez no título deste proxecto expositivo, que emprega o termo de “simposio” e a idea de negación, como un xeito de falar dunha conversa que, á súa vez, é imposible. De feito, estes dous artistas optaron por presentar sen ningún son a peza en vídeo que rexistra a performance na que empregaron tanto o dispositivo externo do implante, a modo de micrófono, como unha controladora de son, “que conectabamos ao implante, a uns altofalantes e a si mesma, para que provocara erros”, dando lugar a un “ruído” que “interfería moito na comunicación” e que á súa vez foi empregado como fonte para distorsionar as imaxes tomadas na propia sala. Deste xeito, a proposta que agora presentan neste espazo expositivo da facultade busca afondar na “relación entre o material e o dixital” e entre “a linguaxe, a virtualidade e o corpo”.

Reivindicando ás mulleres artistas

Creada hai dous cursos como unha sala que puidese acoller diferentes iniciativas impulsadas polo alumnado, a programación de O Abrigo continúa este xoves 27 coa exposición Retratos de mulleres artistas. Unha serie significativa sostida no tempo. Coa catedrática Yolanda Herranz como comisaria, esta exposición permitirá coñecer unha escolma dos retratos que Concha Mayordomo realizou de mulleres artistas de diferentes épocas. Presidenta da asociación Blanco, Negro y Magenta, Mayordomo é a responsable do espazo web Mujeres en el arte, que compila preto de 1100 biografías de artistas. Parte delas son tamén as protagonistas dos retratos que poderán contemplarse nesta mostra, concibida á súa vez como unha homenaxe ás artistas que son tamén docentes e o seu papel de “transmisoras do coñecemento”. A exposición, que poderá visitarse ata o 21 de marzo, permitirá nese senso achegarse á traxectoria das protagonistas dos diferentes retratos, a través dos códigos QR que acompañarán a cada obra e que permitirán acceder ao textos biográficos recollidos neste espazo web. 

Nese senso, Herranz presenta como “un interesante encontro interxeracional no que se relacionan artistas mulleres de distintas épocas e contextos” unha exposición que se verá precedida á súa vez pola conferencia Mayordomo impartirá o mércores 26, ás 12.00 horas, no espazo 16 desta facultade. Neste relatorio aberto á cidadanía, esta artista e comisaria buscará dar resposta á pregunta de por que “non hai grandes artistas na historia da arte”.