DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Chegará ao campus os días 21 e 22 de febreiro

Importante representación empresarial no Forumemprego 2008

Os interesados aínda poden inscribirse de xeito gratuíto

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 08/02/2008

Co obxectivo de facilitar o acceso ao mundo laboral dos estudantes, a Vicerreitoría de Relacións Institucionais, en colaboración coa Rede Eures e Eures Transfronteirizo Galicia/Norte de Portugal, organiza a sétima edición do Forumemprego Universitario. As xornadas terán lugar entre os días 18 e 22 de febreiro nos tres campus e contarán coa presenza de destacados relatores de todos os axentes relacionados co mercado laboral.
Emilia Seoane, profesora e conselleira Eures da Universidade de Vigo, explicou que a finalidade é “poñer en comunicación aos universitarios, como futuros demandantes de emprego, coas empresas, como entidades empregadoras, á vez que informar e axudar a utilizar axeitadamente as ferramentas e recursos existentes na busca de emprego”.
As sétimas Xornadas Universitarias de Emprego de Galicia e Norte de Portugal, Forumemprego Universitario 2008, chegarán ao campus de Ourense o xoves 21 e o venres 22 e terán lugar no salón de Actos do Edificio Politécnico. Segundo a conselleira Eures, “foi aquí onde naceron, ao ano seguinte incorporouse o campus de Vigo e, este ano, como principal novidade incorpórase tamén o de Pontevedra”.

Potentes empresas nunha edición de luxo

As xornadas contarán con relatores comúns aos tres campus no que se refire “ás técnicas e estratexias de busca de emprego en Europa, á mobilidade, ao curriculum vitae Europass e á información dos recursos que a Universidade de Vigo ten para a achegarse ao mercado laboral” comentou Emilia Seoane, e engadiu que “tamén estarán presentes nas tres cidades as empresas que, polas súas dimensións e capacidade de contratación, afectan a moitas titulacións”. Ademais, en cada un dos campus haberá outras empresas específicas enfocadas ás carreiras que se imparten neles. Caixanova, Caixa Galicia, Fundación Once, Fenosa, Pricewaterhousecoopers ou Gadisa son algunhas das que estarán representadas en Ourense “nunha edición de luxo, con empresas moi potentes que van abrir proximamente procesos de contratación de persoal e relatores encargados dos departamentos de RRHH que explicarán de primeira man quen son, que perfís buscan e como entrar nos procesos de selección” comentou. Ademais haberá representantes da administración pública autonómica "que informarán aos futuros opositores das alternativas existentes relacionadas co acceso á docencia no ensino e aos temas de benestar e de igualdade que interesa especialmente ao alumnado de Ciencias da Educación, aos que tamén afecta a mesa redonda do terceiro sector (fundacións, ONG ou asociacións)," puntualizou a conselleira Eures.

Información para os interesados

O foro está dirixido fundamentalmente ao alumnado dos últimos anos de calquera titulación pola súa proximidade á incorporación ao mercado laboral e aos xa titulados que aínda non atoparon emprego ou que desexan melloralo. Os participantes recibirán un diploma acreditativo das 30 horas de duración, das cales a metade corresponden á parte seccións presenciais e as outras 15 a un traballo individual con atención titorial personalizada consistente na realización do curriculum vitae Europass.
Dende a organización estiman que nista edición contarán cuns 1500 participantes entre os tres campus porque “cada ano hai unha afluenza maior. Concretamente, en Ourense o campus e a sociedade amósanse moi receptivos coa iniciativa” comentou Emilia Seoane. Os interesados aínda poden inscribirse de xeito gratuíto na páxina http://webs.uvigo.es/forumempregoeures/, onde tamén se pode consultar o programa de actividades específico de cada campus. As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de inscrición, pechándose unha vez completado o aforo.