Liderado pola investigadora Cristina Velasco Rubial, do grupo PhysToFish
Impulsan desde o CIM un proxecto que desenvolve novos suplementos alimentarios que melloren o benestar dos peixes de cultivo
Avalía suplementos en forma de xeles que contribúan a mellorar a súa saúde e benestar
O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo está a participar no desenvolvemento de FunFish, un proxecto de investigación liderado pola investigadora Cristina Velasco Rubial no que se aborda un dos principais retos da acuicultura moderna: mellorar a eficacia alimentaria dos peixes de cultivo sen comprometer o seu benestar.
Desde o grupo PhysToFish, Fisioloxía de peixes e a súa aplicación en acuicultura, o traballo de Velasco céntrase no desenvolvemento de xeles alimentarios a partir de ingredientes naturais, deseñados como suplementos nutricionais e ferramentas de enriquecemento ambiental para promover o benestar dos peixes de acuicultura.
Estas novas estratexias alimentarias buscan non só favorecer o crecemento e a eficiencia nutricional, senón tamén estimular comportamentos naturais, reducir a agresividade e mellorar o estado fisiolóxico de especies de interese acuícola, como a troita arco da vella (Oncorhynchus mykiss). Segundo a propia investigadora, “FunFish contribuirá a avanzar cara a modelos de produción acuícola máis responsables e sostibles, respondendo ás crecentes demandas sociais en materia de benestar animal e produción responsable de alimentos mariños. Ademais, presenta un claro potencial de transferencia e aplicación industrial, permitindo xerar valor económico, impulsar a innovación no sector produtivo e reforzar a posición de Galicia como referente en investigación e desenvolvemento en acuicultura."
Acuicultura sostible e benestar animal
Durante o proxecto avaliarase o uso de ingredientes funcionais e aditivos nutricionais con potencial para mellorar a dixestibilidade do alimento, a saúde intestinal e os mecanismos de regulación da inxestión, contribuíndo así a unha acuicultura máis sostible, eficiente e aliñada co benestar animal.
FunFish adopta un enfoque integral baseado no concepto ‘One Health’, que integra a saúde animal, humana e ambiental, e contribúe a varios Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas relacionados coa produción responsable e a conservación dos ecosistemas mariños.
Colaboración empresarial e internacional
O proxecto conta coa participación de persoal investigador do CIM e coa colaboración da empresa Ceamsa, como socio industrial, e do Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (CIIMAR) de Portugal, reforzando a transferencia de coñecemento e a cooperación entre universidade e industria.
En execución desde setembro de 2025 e ata decembro de 2028, FunFish está financiado pola Xunta de Galicia a través das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do Sistema Universitario de Galicia, na modalidade de persoal investigador con traxectoria excelente.
