DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Como exercicio de preparación dentro do Plan de Autoprotección

Un incendio simulado obriga a desaloxar o Cacti e o Cinbio

Coa colaboración do 112, o 061, Bombeiros, Policía Local e Nacional e Protección Civil

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 12/03/2019

Semellaba unha mañá tranquila no edificio Cacti-Cinbio ata que saltou a alarma arredor das 10.30 mañá por un lume que se iniciaba no Módulo 2 do andar 0 do centro. Por sorte non se trataba dun incendio real, senón dun exercicio de simulacro dentro do Plan de Autoprotección, que implicou a evacuación total do centro, un proceso no que colaboraron o Servizo de Emerxencias 112, Fundación 061, Servizo de Bombeiros do Concello de Vigo, Policía Local de Vigo, Policía Nacional e Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vigo.

O simulacro, coordinado polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais, arrancou unha vez recibida a comunicación de alarma na Conserxería. A partir dese momento, o xefe de Intervención, neste caso o auxiliar técnico de Servizos Xerais do Cacti-Cinbio, achegouse ao lugar do lume mentres o director da Emerxencia acudía ao Centro de Comunicación e Control, instalado na Conserxería, dende onde permanece en contacto co xefe de Intervención. Ante a gravidade do suceso, os equipos de Intervención, Alarma e Evacuación e os equipos de Primeiros Auxilios, identificados con chalecos amarelos, comezaron a axudar na extinción do incendio, na evacuación do edificio e na atención aos feridos respectivamente. Ante a imposibilidade de apagar o lume, procedeuse á evacuación do centro mentres o director da Emerxencia saía para recibir aos medios externos como policía, bombeiros, ambulancias, etc. mentres o persoal do edificio se reunía no exterior no lugar indicado no Plan de Autoprotección. Finalmente, o simulacro saldouse con dous feridos, unha moza con queimaduras e un mozo cunha escordadura.