DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nestes anos titorizáronse máis dun cento de ideas de negocio, moitas delas xa consolidadas

Incuvi cumpre dez anos fomentando o emprendemento entre o alumnado universitario

O programa acaba de lanzar unha nova convocatoria de Incuvi Emprende, Avanza e Consolida

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 15/10/2021

Naceu en plena crise económica como unha aposta de futuro pola xuventude emprendedora e,  dende entón, o programa Incuvi leva titorizado centos de ideas de negocio, algunhas xa consolidadas como proxectos empresariais e outras que, aínda tendo quedado polo camiño, lle serviron aos seus impulsores e impulsoras para reformular as súas propostas e aprender que o ensaio-error forma parte do camiño do emprendemento.

O programa Incuvi cumpre dez anos e faino lanzando unha nova convocatoria: a décima de Incuvi Emprende, o xerme de todo o proxecto emprendedor da UVigo, concibido para as ideas en fase de preincubación; a VI de Incuvi Avanza, centrado xa na aceleración de proxectos emprendedores, e a II de Incuvi Consolida, dirixida á consolidación das iniciativas empresariais máis viables. “Este ano cúmprense dez anos da primeira convocatoria, dez anos de percorrido a través dos cales o programa foi evolucionando e, en certo modo, adaptándose”, explica a profesora Maruxa Álvarez, actual directora da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, quen lembra o importante papel que tiveron no impulso deste proxecto os seus predecesores no cargo –José Ignacio Armesto e Alejandro Martínez- e, xunto con eles, os vicerreitores José Antonio Vilán, Dolores Álvarez e, agora, Natalia Caparrini.

Nesta década os exemplos de iniciativas empresariais que xa están en funcionamento no mercado e que tiveron o seu primeiro xermolo en Incuvi, son xa múltiples. Carrick Bracelets, especializada na venda por internet de produtos naúticos, sobre todo pulseras; Frankie the King, empresa de alimentación canina pioneira en España; Monet Viticultura, control dos viñedos desde internet; Ouvir, servizos educativos; Galejobs, consultora de capital humano... son só algúns destes exemplos.

Un proxecto alimentado por múltiples colaboradores

A pre-incubadora Incuvi xurdiu en 2011 da sensibilidade da Universidade, de Cidade Universitaria e da Fundación Universidade de Vigo para dar acubillo ás persoas que querían iniciar novos proxectos empresariais e, xunto con estas tres entidades, apoiaron o proxecto  Novacaixagalicia, Banco Santander, PSA Peugeot Citroën, AJE Galicia, Asime e o Consorcio da Zona Franca de Vigo. A primeira convocatoria dos Premios Incuvi-Emprende lanzouse en novembro de 2011  e nela ofrecíase un espazo protexido, con asesoramento e toda a axuda precisa para dar os primeiros pasos. 

“En todos estes anos Incuvi alimentouse de moitos colaboradores. Por exemplo, a formación desa primeira promoción ofrecérona totalmente de balde Roberto Pérez e Juan José Romero, que por esa época se consolidaron como Suma Importancia”, destaca Álvarez, resaltando “eses inicios cargados de ilusión”. Nese momento a maioría dos proxectos tiñan que ver con servizos, moitos deles dixitais, “simplemente porque habitualmente o grao de investimento que requiren é sensiblemente menor e o financiamento das primeiras etapas sempre foi un obstáculo para o emprendemento”, explica Roberto Pérez, de Suma Importancia, ao que engade que cando eles comezaron a falar de Lean Starp Up, Design Thinking, metodoloxías Agile... era todo algo totalmente novo e hoxe son un estándar imprescindible en calquera contorna emprendedora.

Tras eles incorporáronse ao proxecto o equipo de BluBusiness e, en 2020, a Fundación Ronsel. “En Incuvi Emprende a clave son as persoas e, ao tratarse de proxectos en fase semente, moitos deles pre-semente, o importante é que non se aferren á súa idea inicial e permitan que evolucione a medida que reciben información”, explica Luis García, director da Fundación Ronsel, ao tempo que fai fincapé en que si se avalía a progresión das persoas participantes nesta formación a resposta é que “están máis preparadas, con máis recursos e confianza para facer o que se propoñan”. Neste senso engade que, algunhas das alumnas e alumnos que participaron no programa en 2020 lideran xa os seus proxectos, outras farano en breve e varias abandonaranos, “algo lóxico e natural, pero o que agardamos é que todas elas sigan mantendo a súa actitude emprendedora”.

A pandemia puxo a proba a capacidade de adaptación do programa

Un dos momentos máis difíciles na historia do programa foi a pandemia, intre no que se puxo a proba a capacidade de adaptación e traballo en escenarios incertos, tanto das persoas participantes como das entidades organizadoras. Houbo que reformular o programa propondo un escenario mixto, presencial/virtual, ademais de adaptable en función das posibles limitacións. “Ter que adaptarse ás circunstancias, tomar decisións e aceptar a opinión do grupo foi un pequeno reto que superaron con creces e comprobar que o presencial ía gañando terreo supuxo un plus de enerxía”, recalca o responsable da Fundación Ronsel.

No caso de Incuvi Avanza, ao ser proxectos que durante o programa executaron as accións de validación e análise da existencia dunha demanda real do mercado, “a pandemia limitounos de forma importante na execución destas tarefas”, destaca o formador Javi Pardo, de BluBusiness Innovation, ao que engade para Incuvi Consolida, no que se atopaba o proxecto da consultora Somos Terra, a pandemia tamén lles afectou negativamente “ao estar aínda en fase de captación de clientes”.

Novas solicitudes ata o 26 de outubro

O programa acaba de lanzar unha nova convocatoria nas súas tres modalidades -Emprende, Avanza e Consolida- e as persoas interesadas en participar nalgunha delas teñen de prazo para facelo ata o vindeiro martes 26 de outubro. Ao igual que na anterior edición convócanse 12 prazas para Incuvi Emprende, catro Incuvi Avanza e un Incuvi Consolida.

En Incuvi Emprende a axuda consiste na formación e titorización do equipo emprendedor durante un período de preincubación de 7 meses, con accións encamiñadas a elaborar un modelo de negocio das ideas presentadas; en Incuvi Avanza, as axudas van dirixidas a contribuír á aceleración de proxectos co fin de que poidan validar a idea e analizar a existencia dunha demanda real no mercado e, en Incuvi Consolida, concederase unha axuda para proxectos emprendedores previamente beneficiarios do programa Incuvi Avanza.

“O ano pasado participaron un total de 17 programas e este ano agardamos volver a cubrir todas as prazas, de feito pensamos que a demanda vai aumentar, entre outras cousas porque estamos a potenciar a campaña de difusión”, salienta a directora da Área de Emprego e Emprendemento.