DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco da Plataforma Galicia-EscudoCovid19.org, coordinada pola UVigo e Asime

A industria galega entrega preto de 10.000 pantallas protectoras aos servizos sanitarios

15 empresas implicadas na fabricación e distribución de material para loitar contra o coronavirus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Saúde
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Investigación
M. Del Río DUVI 31/03/2020

Hai menos dunha semana que botaba a andar Escudocovid19, unha iniciativa popular que une provedores de materia prima e ferramentas, centros de produción e medios loxísticos de toda España para producir pantallas protectoras fronte ao coronavirus. Nestes poucos días xa se uniron empresas de todo o país, 15 delas en Galicia, baixo a coordinación da Universidade de Vigo e Asime e xa se fixeron as primeiras entregas de material. En total, xa se puxeron a disposición dos servizos sanitarios 9700 pantallas. Este mesmo martes entregáronse 4800, das cales 2100 foron para o Hospital Álvaro Cunqueiro e outras 2700 para a Delegación de la Xunta para súa distribución. Estas súmanse ás 3470 unidades doadas onte luns, 2100 delas ao Hospital Álvaro Cunqueiro, 150 ao centro de maiores de Barreiro, 150 ao centro de maiores de Meixoeiro, 150 ao Hospital de Fátima, 300 a Povisa e 900 na Delegación da Xunta en Vigo para que sexan distribuídas pola administración segundo as necesidades. Anteriormente, o sábado xa se entregaron 1430 unidades, 600 para o Hospital Álvaro Cunqueiro, 300 para DomusVI Barreiro, 300 para a residencia de maiores do Meixoeiro e 230 para o CAP de Chapela.

O tecido industrial galego, comprometido coa iniciativa

A Plataforma Galicia-Escudocovid19.org naceu no marco da iniciativa española EscudoCovid19, cuxo obxectivo é mobilizar capacidades económicas e produtivas para fabricar, de xeito áxil e accesible en grandes cantidades, unha ampla variedade de equipos como mascarillas, pantallas, vestiario plástico, desinfectantes, respiradores e lavadoras de utensilios. Todos estes equipos estarán destinados a persoal sanitario; residencias, coidadores e demais servizos para sanitarios; forzas de seguridade, almacéns e transportistas; traballadores do sector agroalimentario e operarios do sector industrial que deban manter a súa actividade, especialmente nas áreas consideradas esenciais.

A iniciativa en Galicia está coordinada por Asime a través do seu secretario xeral, Enrique Mallón, e pola Universidade de Vigo, a través do director do Centro de Investigación Tecnolóxico Industrial (Cintecx), José Luis Martínez Lastra, e o profesor da Escola de Enxeñería Industrial, José Antonio Pérez, coa colaboración de persoal investigador de  Cintecx e do Campus de Especialización Vigo Tecnolóxico. 

Actualmente son xa 15 as empresas involucradas no proceso de deseño, fabricación e distribución de material sanitario en Galicia, entre elas,  Adhex, Dalot, Dativic, Lupeon, MCSyncro, Mepronor, Plascies, Plymouth, Troqueles Galicia e Valver. Esta última está levando a cabo de forma altruísta a produción galega dos escudos nas súas instalacións en Mos, adaptando os tempos, medios e persoal ás necesidades desta situación excepcional. A eles, están sumando as súas achegas económicas e esforzos empresas como Cerradoras López Galicia, Distevi, Itera Técnica, Onice Estudios y Proyectos, Resinas Castro, Royal Roos Ingeniería e Vigumat.

Dende a plataforma agardan que se poidan producir máis de 10.000 pantallas en toda Galicia nos próximos días a través desta iniciativa, á que se sumarán todos os demais equipos de protección que xa está poñendo en marcha a Plataforma Galicia-EscudoCovid19.org. 

Como participar en escudocovid19

A iniciativa escudocovid19  articúlase mediante unha plataforma dixital na que os provedores de materia prima e ferramentas, centros de produción e medios loxísticos, tratan de fabricar e distribuír o deseño aberto dun protector facial para os sectores involucrados na loita contra a pandemia provocada pola COVID-19. Trátase dunha pantalla facial minimalista cuxa fabricación se consegue ao tallar (troquelar) pranchas PETG de 0,5 mm. Existen dous modelos, cuxos deseños se poden descargar da páxina do proxecto de xeito libre.

No relativo ás empresas, poden participar tanto achegando tanto a  materia prima esencial (pranchas PETG de 0,5 mm.) como as talladoras cos que se fan as pantallas, convidando tamén ás empresas do sector a mellorar o deseño do tallador proposto. A outra pata esencial do proxecto son os centros de produción, talleres ou fábricas que dispoñan dunha máquina de tallar (troqueladora) que poden ofrecer a súa capacidade de produción para que poidan producir escudos.  Finalmente, tamén as empresas de loxística poden axudar na distribución tanto do material como da pantallas dende os centros de produción aos usuarios finais.