DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un informe elaborado pola Xunta de Galicia e a EE Forestal

A industria galega da madeira facturou en 2021 máis de 2500 millóns de euros, a cifra máis alta desde que hai rexistros

Pese a iso, a suba dos prezos da materia prima e da enerxía fan prever un escenario de “incertezas”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Pontevedra 22/11/2022

Despois de que os paros provocados polo confinamento fixesen diminuír a súa facturación en 2020, a industria forestal e da madeira recuperou o pasado ano a senda de crecemento en Galicia, acadando as cifras de facturación globais máis elevadas desde 2006, o primeiro ano do que existen estes datos. Segundo o informe A cadea forestal-madeira de Galicia, que a Axencia Galega da Industria Forestal da Xunta (Xera) da Xunta de Galicia elaborou coa Escola de Enxeñaría Forestal, baixo a coordinación do investigador Juan Picos, esta industria facturou o pasado exercicio máis de 2500 millóns de euros, mentres que as previsións recollidas neste este estudo para o presente ano sitúan este dato en preto dos 2900 millóns. Non obstante, na presentación deste informe este martes, o tamén director da escola do campus pontevedrés incidiu no escenario de “incertezas” ao que se enfronta ao sector nun contexto marcado pola suba de prezos, tanto da materia prima como da enerxía, que fan necesario pór o foco na importancia “do desenvolvemento do valor engadido e dos mercados locais”. 

O informe presentouse este martes nun acto que tivo lugar no Pazo de Quián, en Boqueixón, que se pechou coa intervención do conselleiro do Medio Rural, José González, quen salientou a contribución da cadea monte-industria ao PIB galego, que cifrou en preto do 1,6%, así como que este sector supón preto do 12% do emprego industrial, con 24.500 postos de traballo directos. Xunto a González e Picos, o acto contou tamén coas intervencións de Jacobo Aboal, director de Xera; José Luis Chan, director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, e José Antonio Campo, director xeral do Instituto Galego de Estatística, responsable dos indicadores estatísticos e da análise sociodemográfica dos solicitantes de aproveitamentos forestais presentados tamén nesta xornada. 

Cifras de récord

Despois dos preto de 2000 millóns facturados en 2020, un ano no que, como lembra Picos, a covid-19 obrigou á industria a permanecer parada preto dun trimestre, a cadea forestal e da madeira xerou o pasado ano preto de 2500 millóns, dos que 1115 corresponden á industria do taboleiro e da pasta de papel, 542 ás empresas dedicadas á segunda transformación, 448 aos serradoiros, 473 aos rematantes e 82 á biomasa. Así mesmo, as estimacións incluídas neste informe para o presente ano sitúan a facturación total da industria en preto de 2900 millóns, prevendo crecementos en todos os sectores. 

Do mesmo xeito, o informe sinala tamén un crecemento das exportacións, que no 77% dos casos tiñan como destino outros países da Unión Europea. En 2021, Galicia exportou nese senso preto dun millón de toneladas de madeira en bruto, cifra que se prevé que aumente no presente exercicio. Así mesmo, a industria galega concentrou en 2021 o 33% das exportacións de madeira e o 27% das de pasta de papel do conxunto de España. 

Nun contexto de suba de prezos 

“En 2020 tivemos unha baixada que se correspondía co trimestre no que a industria estivo parada, pero recuperouse rapidamente e tanto en 2021 como en 2022 fabricouse moito”, explica Picos, que incide na necesidade de ter en conta de que estes datos se enmarcan nun contexto de “suba de prezos” que fai prever tamén certas “incertezas” a futuro. Nese senso, o director da EE Forestal apuntou que nos últimos meses a industria viu como subían tanto os prezos da materia prima como da enerxía, pero tamén os dos seus produtos. “A pregunta é durante canto tempo se manterá isto”, conclúe o investigador, quen, neste contexto, pon o acento na importancia que terá para a industria xerar produtos “cun maior valor engadido”, así como a súa diversificación e a potenciación do mercado local.

De feito, o informe permite xa observar algunhas “tendencias máis a longo prazo” nesa dirección, recoñece Picos, que incide por exemplo no feito de que en 1995 as exportacións de mobiliario representaban só o 5% do total, mentres que estas situáronse o pasado exercicio no 22%, sen que se rexistrase un descenso na cotas de mercado da madeira e produtos manufacturados, que representaron o 58% do total, e da pasta de papel, que supuxo o 20% das exportacións. “Esta é unha visión positiva dos últimos 30 anos, no que houbo un esforzo, obrigado pode ser que polas políticas, pero tamén polos mercados, para ir xerando máis valor engadido”, salienta. 

Aumento das cortas e “desigualdade entre concellos”

No primeiro elo da cadea, en 2021 rexistrouse tamén un amento das cortas de madeira nos montes galegos, que creceron preto dun 10% para situarse nos 9,5 millóns de metros cúbicos. Preto do 59% corresponden ao eucalipto, do que se cortaron preto de 5,6 millóns de metros cúbicos, fronte a 3,7 millóns de metros cúbicos de piñeiros, un 15% máis que o exercicio anterior, e 232.187metros cúbicos doutras especies de árbores frondosas caducifolias. 

O aumento das cortas deuse, en porcentaxes de entre o 10% e o 12% nas provincias de A Coruña, Lugo e Pontevedra, mais non en Ourense, onde se cortaron 302.523 metros cúbicos, unha cifra moi similar á de 2020. O estudo presentado nesta xornada por Picos sinala así mesmo a “desigualdade entre concellos” neste ámbito, preto do 50% das cortas realizadas en Galicia o pasado ano corresponden a só 50 municipios. Á fronte desta lista sitúase Ortigueira, concello no que se cortaron o pasado ano 239.654 metros cúbicos de  madeira e máis de 900.000 nos últimos catro anos. Xunto a este municipio coruñés, só outros tres concellos, A Fonsagrada, Lugo e A Pontenova, superan os 500.000 metros cúbicos de madeira cortada entre 2018 e 2021.