DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nos graos en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais e de Telecomunicación

Industriais e Teleco engaden valor a súa oferta formativa con 20 prazas de grao co 80% dos créditos en inglés 

O alumnado terá grupos específicos e profesorado acreditado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Académica
Mª del Camen Echevarría DUVI 21/06/2018

“O inglés é a linguaxe da enxeñaría e, polo tanto, a docencia en inglés representa un valor engadido nunha formación integral, non só técnica, que lle permitirá ao alumnado mellorar a súa inserción laboral”. Así resume o director da Escola de Enxeñería Industrial, Juan Pardo, as vantaxes que unha vintena de estudantes do Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais e outros vinte do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación terán se se matriculan nas prazas que ambas titulacións ofertan para o curso 2018-2019 e nas que un mínimo dun 80% dos créditos obrigatorios se impartirán en inglés. “O alumnado que curse o Grao en Enxeñaría de Telecomunicacións en inglés gaña en dous sentidos. Por unha banda non terán que falar cos posibles empregadores do seu nivel de inglés xa que no seu currículo figurará que estudou en inglés e, pola outra, terán garantido estudar todas as materias en común nun grupo reducido de vinte estudantes”, explica o director da Escola da Enxeñaría de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas.

A oferta das 20 prazas cun mínimo dun 80% dos créditos obrigatorios en inglés nos graos das escolas de enxeñaría de Telecomunicación e Industriais ten a súa orixe no Plan de Excelencia do Sistema Universitario de Galicia Ultreia 2020, que nunha das súas accións contempla a implantación de graos con docencia en inglés. Mentres nas universidades de Santiago e A Coruña foron seleccionados un só grao, no caso da Universidade de Vigo elixíronse dous: o Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais e o Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, que en ambos os dous casos xa estaban incluídos no Plan de Internacionalización da Universidade de Vigo. Así, na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación é o cuarto curso do grao o que xa estaba integrado no Plan de Normalización, de xeito que nove das optativas, das que hai que elixir cinco do primeiro cuadrimestre, e todo o segundo, xa se ofrecían en inglés. Pola súa banda, na Escola de Enxeñaría Industrial, tanto no Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, coma no de Enxeñaría Mecánica, xa se imparte docencia en inglés desde o curso 2013-2014. En ambos os dous casos a oferta en inglés esténdese tamén a mestrados e programas de doutoramento.

Un esforzo extra, aínda que ilusionante para os centros 

Docentes acreditados, novos horarios e espazos adicionais son as principais esixencias que a posta en marcha da oferta de prazas en inglés leva aparellada. “Supón un esforzo e a ilusión dun colectivo de docentes que voluntariamente se someteron a un proceso de acreditación para impartir docencia en inglés e que van facer o esforzo adicional de impartir unha materia nunha lingua que non é a súa lingua nai e supón tamén un incremento nas horas de docencia que se lle encargan aos departamentos”, explica Cuiñas, que engade que para o centro supón tamén a complexidade de incorporar nos horarios e nos espazos algo semellante a un título adicional e un incremento na xestión deste grupo diferenciado.

Pola súa banda, Juan Pardo asegura que “esta aposta supón un importante esforzo, quizais maior no que se refire aos medios humanos. Isto non é fácil de acadar, para os profesores supón un esforzo importante ter que axustar os materiais para o despregue da docencia en inglés e ata o de agora non contamos con moitos medios”, ao tempo que sinala que esta docencia require o desdobramento de grupos, o que representa máis espazos, máis dispoñibilidade nos laboratorios e tamén un aumento da complexidade na organización docente. 

Un atractivo adicional para un alumnado que “non debe ter medo” 

Os directores de ambas as dúas escolas animan ao alumnado a matricularse nas 20 prazas con créditos en inglés que ofertan os graos dos seus centros, ao tempo que consideran que o feito de ser dúas escolas de enxeñaría, “de seguro que nos vai permitir obter mellores resultados polas sinerxías que se poidan obter”, explica Juan Pardo.

Íñigo Cuiñas entende que as prazas 20 prazas en inglés nun grao que oferta un total de 150, “achega un atractivo adicional ao que viñamos impartindo, ao tempo que vén cubrir unha demanda social por estudar noutros idiomas, nun ámbito no que o inglés é a lingua franca da tecnoloxía na que traballamos”. Mentres, o director da Escola de Enxeñería Industrial anima ao potencial estudantado do Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industrais, que oferta un total de 88 prazas, a dar o paso de estudar en inglés, “que non teñan ningún medo, van ter axuda para facelo. As escolas, coa axuda do Centro de Linguas, desenvolve curso de diferentes niveis para a mellora e o perfeccionamento dos idiomas”, explica.