DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Deste este luns e ata o venres o campus acolle unha serie de conferencias e actividades

Industrias forestais e investigación abren a Semana da Creatividade e da Innovación

Nela enmárcanse as Xornadas Forestais 2019

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Pontevedra 08/04/2019

Con motivo da conmemoración, o vindeiro domingo 21, do Día Internacional da Creatividade e da Innovación, a Vicerreitoría do campus promove entre este luns 8 e este venres 12 unha serie de conferencias, coloquio e actividades de transferencia e innovación que, no marco do Campus Crea, buscan pór en valor “a creatividade e innovación como uns valores esenciais que todos temos e que non teñen límites”, como salienta o director do Campus Crea, Carlos Souto. As Xornadas Forestais 2019, organizadas pola Delegación de Estudantes da Escola de Enxeñaría Forestal e inseridas no programa da semana, e unha conferencia do catedrático da Universidad de Cádiz Gualberto Buela sobre proxectos de investigación deron inicio este luns á Semana da Creatividade e da Innovación, un programa de actividades “aberto tanto ao conxunto da comunidade universitaria como ao público en xeral”, explica Souto.

Industria, ecoloxía e aproveitamentos forestais

14 conferencias, talleres e coloquios integran o programa das segundas Xornadas Forestais que se desenvolven entre luns e mércores na EE Forestal centrando cada xornada nunha eixo temático. “Trátase dunha actividade organizada polo alumnado que encaixa moi ben na filosofía da semana”, sinala Souto dun ciclo que arrincou este luns cunha serie de conferencias vinculadas a unha das especialidades do grao, industrias forestais, para centrarse o martes na ecoloxía e o mércores en aspectos vinculados á outra especialidade, explotacións forestais. O obxectivo, é abordar “temas que non se tocan nas clases e que poden ser interesantes para o alumnado”, sinala Elena Álvarez, unha das representantes da delegación. Dous estudantes do centro precisamente, Esteban Oubiña e Ricardo Quiroga, abriron estas xornadas presentando o Laboratorio de Innovación e Deseño creado recentemente na escola, mentres que o investigador principal do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade, Pedro Arias, xunto aos investigadores e ex-alumnos da escola Ana Novo e Juan Luis Somoza, encargouse de presentar ao alumnado o eido das xeotecnoloxías vinculadas ao eido forestal como “un ámbito profesional moi interesante para eles e non o suficientemente coñecido. Egresados e egresadas do centro que traballan hoxe no grupo Finsa, protagonizaron a continuación coloquio “sobre súa experiencia desde que saíron da escola e se incorporaron ao mercado laboral”, explica Álvarez. Xa pola tarde, terá lugar un obradoiro sobre o láser escáner a cargo de Celso González, de Global Geosistems, e unha presentación do grupo de innovación Biofore, centrado na redución dos custos de tratamentos silvícolas a partir da revalorización da biomasa forestal, a cargo de Jesús Martínez Ben. 

Coa ecoloxía como eixo, as xornadas abordarán o martes aspectos como o labor de “recuperación do bosque autóctono”, que levan a cabo na Comunidade de Montes Veciñais de Teis, nunha conferencia de Alfonso Pazos; ou a xestión da conservación do coello de monte, nun relatorio do investigador Vicente Piorno, explica a alumna Nerea Mallo. Os traballos de conservación da biodiversidade na Serra do Suído, da man do biólogo Santiago Barciela, e o estado de conservación das especies de flora no Parque Nacional das Illas Atlánticas, nunha conferencia de Asier Rodríguez, serán tamén obxecto de análise nunha xornada que pechará o responsable do grupo de Xenética e ecoloxía forestal da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), Rafael Zas, abordando o traballo de voluntariado levado a cabo nunha zona afectada polos lumes forestais de 2017 en Ponte Caldelas.

O mércores, esta xornada contará coa participación de Cristina Fernández, investigadora do CIF Lourizán, quen falará da xestión da madeira queimada en incendios forestais; Ramón Barrera e Alba Devesa, do grupo Tragsa, que abordarán o mercado transfronteirizo de intercambio de carbono; ou os docentes do CEFA Lourizán Jesús de la Fuente e José María Gras. Esta terceira xornada pecharase pola tarde cun coloquio sobre terras comunitarias, no que participarán Claudio Quintillán, do Instituto Galego de Terras Comunitarias (Ingateco), Iván Pérez, responsable da Mancomunidade de Montes Veciñais de Pontevedra; e Xosé Alfredo Martínez, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais. 

A importancia da investigación

Tamén este luns, a sede da Vicerreitoría acolleu unha conferencia de Gualberto Buela, enmarcada nas actividades do programa de doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sustentable, que, “cun enfoque aplicado”, busca “transmitir información e formación sobre o importante que é doutoramento”, poñendo sobre a mesa cuestións como que a taxa de desemprego dos doutores e doutoras “é inferior ao 6%”, salienta este catedrático. Nesta actividade, Buela puxo o foco en como e onde solicitar financiamento para un proxecto de investigación, que permiten levar a cabo teses “con resultados máis importantes”, como publicacións científicas, patentes e “outros tipos de transferencia á sociedade”.

A investigación e a transferencia son así mesmo protagonistas doutras conferencias incluídas o programa, como a que este martes ofrecerá a directora técnica da Oficina de I+D da Universidade, Ángeles López, sobre patentes e explotacións dos resultados da investigación, ou o relatorio sobre técnicas de análise de datos que o investigador da Universidad de Málaga Francisco Javier Barón ofrecerá o xoves en Fisioterapia. 

Da innovación empresarial a un mural feito con refugallo

Coñecer as experiencias “de empresas da nosa contorna que levaron a cabo proxectos innovadores”, apunta Souto, é o propósito da mesa redonda que este martes, ás 19.00 horas, reúne na sede da Vicerreitoría do campus a Roberto Rodríguez, CEO de Xeométrica; Alberto Garnil, responsable de Iconweb; Francisco Fernández de Ana, presidente de honra de Hifas da Terra, e Gonzalo Maceira, director de Estudio Bonobó. Por outra banda, ademais dunha sesión de traballo da Comisión Técnica de Dirección do Campus Crea, esta semana engloba tamén unha serie de obradoiros abertos á comunidade universitaria, como os que o mércores 11 proporán a creación no campus, “dun mural xigante” con material de refugallo e dun mural con graffiti, aínda que a data de celebración, explica Souto, pode sufrir variacións por mor da climatoloxía. A estas propostas súmase o xoves, en Ciencias da Educación e do Deporte, unha actividade dirixida a achegar ao alumnado ao mundo da realidade virtual a través das gafas HTC, coas que “se realizarán diferentes actividades como xogos, pinturas en tres dimensións ou unha viaxe polo fondo mariño”. 

Concurso de fotografía

Ademais de con actividades culturais e cos obradoiros de cociña e oratoria que se desenvolven nestas semanas no campus, o programa da Semana da Creatividade e da Innovación complétase cun concurso de fotografía en Instagram, que ten como temática o medio ambiente no campus. Ata o 30 de abril permanecerá aberta a participación nun certame no que as fotografías deberán publicarse nesta rede social acompañadas da etiqueta #Crea S2i.

Programa da Semana da Creatividade e da Innovación

Bases do concurso de fotografía #Crea S2i