A formación musical debutou nun auditorio do CSM de Vigo practicamente cheo
A inesquecible estrea da Orquestra da Universidade de Vigo
Baixo a dirección de Raquel Carrera interpretaron obras de Haydn, Mozart, Bartók e Rossini
Nun auditorio do Conservatorio Superior de Música de Vigo practicamente cheo ofreceu na tarde do pasado sábado o seu primeiro concerto a Orquestra da UVigo.Transcorridos oito meses desde a súa creación, a formación que dirixe Raquel Carrera debutou en Vigo cun programa integrado pola obertura de L'isola disabitata e o Concerto para piano e orquestra nº 11 en Re maior de Franz Joseph Haydn; Danzas populares romanesas de Béla Bartók;; a Sinfonía nº 30 en Re maior de Wolfgang Amadeus Mozart; e a obertura de Il Signar Bruschino de Gioachino Rossini.
“O reto do pasado sábado non era fácil, pero creo que podemos dicir que o debut da nosa orquestra resultou ser unha experiencia incrible. Botando a vista atrás, sentimos un orgullo enorme polo que conseguimos levantar en tan só oito meses de vida”, asegura Raquel Carrera. A directora da Orquestra da UVigo amósase moi satisfeita pola resposta do público, que case encheu o auditorio Martin Codax, e afirma que “sentir o apoio do público tan de preto fixo que cada hora de ensaio valese a pena. Quería volver das as grazas a todas e a todos por acompañarnos e por facer que esta estrea fose inesquecible”.
Coa emoción da estrea aínda viva, Carrera recoñece, non obstante, que “isto é o comezo e aínda temos moito que mellorar, así que nos poñemos a traballar desde xa. Prometemos non relaxarnos e xa avisamos que queda moita música por diante”, advirte a directora.
Ourense, próximo concerto
Logo do seu debut o pasado sábado no auditorio Martin Codax do Conservatorio Superior de Música de Vigo, a Orquestra da UVigo enfronta a súa presentación oficial en Ourense, cunha actuación no Teatro Principal o vindeiro venres, 12 de xuño, ás 21.00 horas. Un concerto no que a formación que dirixe Raquel Carrera volverá interpretar o programa co que debutou en Vigo con obras de Haydn, Mozart, Bartók e Rossini e para o que a entrada é de balde, pero cómpre retirar invitación unha hora antes do inicio do concerto no propio Teatro Principal.
Creada a iniciativa da Vicerreitoría de Extensión Universitaria, a Orquestra da UVigo está formada por unha trintena de integrantes, a maior parte estudantes e ex estudantes e tamén algún representante do PDI, procedentes maioritariamente do campus de Vigo, aínda que tamén con presenza dos campus de Ourense e Pontevedra. A nivel instrumental, a formación conta con representación das principais familias da orquestra sinfónica: corda (violíns, violas, violonchelos e contrabaixos), vento madeira, e vento metal, ás que proximamente se sumará a percusión.
