DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con motivo do Día Internacional da loita contra o VIH

Información, lazos vermellos e preservativos contra a SIDA

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 30/11/2007

O 1 de decembro celébrase o Día Mundial da loita contra a SIDA e como todos os anos, dende a oficina de Voluntariado e Integración do campus estase a realizar unha campaña preventiva da enfermidade.
A través de mesas informativas con material divulgativo no Edificio de Ferro e no Politécnico, os voluntarios, en colaboración coa Cruz Vermella, explican aos alumnos en que consiste a síndrome de inmunodeficiencia adquirida, os modos de transmisión e como evitar o contaxio. Gladys Castro, responsable de área de Voluntariado explicou que “o obxectivo é a concienciación entre a mocidade. Hai que protexerse por que os casos seguen aumentando pese á información que temos hoxe en día”.
Precisamente coa campaña de sensibilización preténdese fomentar a responsabilidade entre os universitarios, “a mensaxe é clara, disfrutar do sexo con precaución” comentou. Ademais do reparto de preservativos, técnicos da ONG explican aos interesados como colocalos de xeito correcto para minimizar o risco nas relacións sexuais e responden a toda as dúbidas que poidan xurdir.