DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Hoxe no Edificio de Ciencias Experimentais e mañá na Facultade de CC da Educación

A información e os cribados de infeccións de transmisión sexual chegan aos campus de Vigo e Pontevedra

Co gallo este martes da celebración do Día Mundial da Saúde

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Saúde
  • Institucional
DUVI 07/04/2026

Dando continuidade á xornada desenvolvida en Ourense o pasado mes de febreiro, e co gallo este martes da celebración do Día Mundial da Saúde, os campus de Vigo e Pontevedra acollen este martes e mércores, respectivamente, cadansúa xornada de cribado e asesoramento de Infeccións de Transmisión Sexual (ITS), organizadas pola Unidade de Diversidade da UVigo. 

Co colaboración da asociación Apoyo Positivo de Ourense, a primeira das xornadas celebrouse este martes no edificio de Ciencias Experimentais do campus de Vigo onde, durante toda a mañá, os membros da comunidade universitaria puideron achegarse aos postos habilitados por Apoyo Positivo, para recibir información sobre infeccións de transmisión sexual e onde puideron realizarse, de xeito totalmente confidencial, probas de VIH, hepatites virais e outras ITS. “Con esta acción a UVigo reforza o seu compromiso institucional cunha universidade segura, informada e libre de estigmas, indo máis aló máis aló da simple prevención, dos aspectos de saúde física e abarcar tamén o benestar psicolóxico e social en relación coa saúde sexual, orientando e xerando un acompañamento integral a todas as persoas da comunidade universitaria”, detalla Raquel Rey, directora da Unidade de Igualdade da UVigo. 

Detección temperá para frear a transmisión

Co obxectivo de fomentar a detección temperá para facilitar un tratamento rápido e eficaz, así como de frear as cadeas de transmisión, as Xornadas de Saúde Sexual ofreceron este martes no campus de Vigo e mañá no vestíbulo da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, materiais, recursos e asesoramento sobre saúde sexual. Así mesmo, as persoas interesadas puideron, de xeito totalmente confidencial e de balde, realizar probas rápidas de VIH, hepatites virais e outras ITS, cun tempo de resposta de apenas uns minutos. 

“As persoas novas, os colectivos con menos acceso a recursos sanitarios e ámbitos educativos, onde a información veraz e a prevención teñen un impacto directo na saúde pública, son os públicos aos que se orienta esta iniciativa”, explica Pablo Barrio, psicólogo da asociación Apoyo Positivo, ao tempo que incide na importancia de aumentar o acceso a estas probas de detección, promovendo a importancia de coñecer o estado serolóxico e combater o estigma que aínda rodea estas infeccións.

Coas xornadas de saúde sexual desta semana os campus de Vigo e Pontevedra súmanse á celebración do Día Mundial da Saúde deste 7 de abril, “enmarcándose de xeito pleno na misión da UVigo de contribuír á mellora da vida das persoas a través da transferencia de coñecemento e do acompañamento”, explica Raquel Rey.