DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta semana teñen un encontro no Edificio Miralles

Informáticos e tradutores unen esforzos para facilitar a busca de datos en Internet

Acaban de rematar un proxecto sobre enfermidades neuromusculares

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 14/04/2008
Nunha sociedade caracterizada, entre outros aspectos, polo acceso xeneralizado á información a través de Internet, cobran especial relevancia o desenvolvemento de ferramentas que permitan acceder de xeito rápido e sinxelo ao dato que se busca. Neste sentido traballan un grupo de investigadores da Universidade, no que se integran tradutores e informáticos para desenvolver de xeito conxunto ferramentas que permitan a organización automática da información ou, o que é o mesmo, estruturas que faciliten a busca dixital de datos.
Son o chamado Grupo Cole, Compiladores e Linguaxe, e esta semana reúnense no Edificio Miralles no que denominan “unha xornada de intercambio de experiencias con investigadores doutros lugares que están a desenvolver proxectos similares”, sinala Elena Sánchez, catedrática de Tradución e Interpretación e encargada da organización do encontro.
Estes investigadores forman parte da Rede Galega de Procesamento da Linguaxe e Recuperación da Información, composta por sete grupos de investigación das tres universidades galegas e que traballan “en relación ao manexo de información e a xestión automatizada de documentos, tanto desde un punto de vista informático como humanista”, tal e como describe Manuel Vilares, profesor do Departamento de Informática e coordinador da rede.
“Para buscar nunha biblioteca electrónica o primeiro que che fai falla é coñecela, para o que sería necesario dominar o contido de todos os volumes que contén. Isto é unha tarefa case imposible, e o que fas é pensar nunha adquisición automática dos contidos e na creación de fichas que che permitan atopar dun xeito sinxelo a información que desexas buscar”, comenta Vilares para explicar case visualmente en que consiste o seu traballo.

O éxito dun equipo multidisciplinar

Son un exemplo claro do éxito dos equipos multidisciplinares, nos que se unen persoas que traballan en diferentes ámbitos para poder avanzar. “Ademais tamén nos parece moi interesante implicar a outros elementos que forman parte da nosa sociedade. Por exemplo, levamos a cabo un proxecto sobre enfermidades neuromusculares e parte do equipo estaba formado por profesionais do Hospital do Meixoeiro e agora temos en mente un novo proxecto sobre Sostibilidade e Recursos Mariños, no que tamén trataremos de implicar a expertos neste eido”, subliña Elena Sánchez.
Así mesmo, buscan tamén a implicación social e, por exemplo, no caso da investigación sobre enfermidades neuromusculares colaboraron tamén coa Asociación Española contra enfermidades neuromusculares.
A xente de tradución elabora os corpus, é dicir, o conxunto de textos que son representativos dunha área determinada, e recorren aos informáticos para desenvolver as aplicacións prácticas que se lle poden sacar a eses corpus, entre outras, elaborar buscadores o máis precisos posibles.

Lingua en Internet, sinónimo de lingua viva

“Neste momento para os tradutores o traballo conxunto cos informáticos é necesario”, salienta Rute Costa, profesora da Universidade Nova de Lisboa e membro da Asociación Portuguesa de Terminoloxía, que tamén participa no encontro.
“O tratamento automático da lingua, sobre todo nas máis minoritarias, é unha forma de mantelas vivas. Na medida en que unha lingua está presente no ciberespacio está viva e, para isto a informática é fundamental”, salienta a lingüista portuguesa. “Os avances na investigación en lingüística traen consigo asociar esta ciencia á informática, unha unión que permite importantes logros na organización de datos, de maneira que as empresas ou institucións ou calquera persoa interesada poida acceder de xeito rápido e doado á información”, continuou.
Outro exemplo do traballo que levan a cabo estes investigadores ven da man doutra das participantes na xornada, Pamela Faber, catedrática de Tradución e Interpretación da Universidade de Granada, “estamos a levar a cabo un proxecto conxunto no que tamén participa a Universidade de Málaga. Este traballo céntrase na enxeñería medioambiental. Trátase de construír unha base de datos que sería unha base de coñecementos con conceptos sobre medio ambiente en inglés, francés, alemán e español. É un traballo dirixido tanto a enxeñeiros como a tradutores e estudantes e calquera persoa interesada en coñecer a terminoloxía ambiental”.