DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora de EPhysLab Raquel Nieto é unha das súas coordinadoras

O informe Clivar, participado pola UVigo, advirte dos efectos do cambio climático nos ecosistemas terrestres e mariños e na dinámica atmosférica de España

Entre eles están o quecemento das augas oceánicas que rodean a península e o retroceso dos glaciares

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
R. Tedín DUVI Ourense 14/03/2025

Quecemento das augas oceánicas que rodean a península ibérica, retroceso dos glaciares e da capa de neve, aumento das temperaturas nas cidades... Este xoves pola tarde presentouse o Informe Clivar-Spain sobre el clima en España 2024 e na visión detallada dos impactos e riscos climáticos no territorio español que ofrece, os antes citados son algúns dos máis destacados. Na elaboración deste documento, que reúne os últimos avances científicos relacionados co clima, participaron membros do grupo de investigación do campus de Ourense EPhysLab (Environmental Physics Laboratory), pertencente ao Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo.

O informe foi presentado na sede da Fundación Biodiversidad, en Madrid, nun acto que contou coa participación do secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán; a directora xeral da Oficina Española de Cambio Climático, Elena Pita; a presidenta da Agencia Estatal de Meteorología, María José Rallo; os coordinadores do comité Clivar-Spain, Gabriel Jordà e Isabel Cacho, e varios autores e autoras da publicación. No estudo, sinalan desde o Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, que edita a publicación, sublíñase a urxencia de adoptar medidas inmediatas para mitigar os efectos do cambio climático, instando a fortalecer a investigación científica, mellorar a cooperación internacional e desenvolver estratexias de adaptación que permitan afrontar estes desafíos de maneira eficaz e sostida no tempo.

O Comité Clivar-España, responsable do informe, forma parte dunha iniciativa internacional orientada a mellorar a comprensión do cambio climático e os seus efectos. Desde a súa creación en 2004, consolidouse como un referente na investigación climática en España, coordinando estudos sobre variabilidade climática, cambios na atmosfera e o océano e proxeccións futuras. Ademais, conforma unha nutrida rede científica centrada en mellorar a comprensión do cambio climático e os seus efectos. Entre a ducia de especialistas que forman parte do seu comité e que coordinaron o informe está a investigadora de EPhysLab Raquel Nieto, encargada especificamente de co-coordinar o apartado dedicado ás variables atmosféricas en España e a variabilidade, tendencias e mecanismos de circulación asociados. Do mesmo grupo de investigación da UVigo tamén participou no documento o catedrático Ramón Gómez Gesteira, concretamente no capítulo sobre cambios físicos e bioxeoquímicos no océano arredor de España (variabilidade, tendencias e reforzamentos), e o investigador José Carlos Fernández, que colaborou na revisión actualizada do cambio climático atmosférico rexional (avaliación de modelos e proxeccións).

As conclusións

O documento lanzado este xoves ofrece unha "actualización clave sobre o estado do clima en España”, reunindo os avances científicos máis novos e proporcionando unha visión detallada dos impactos e riscos climáticos neste territorio. Entre outros moitos aspectos, nel ponse de relevo os desafíos climáticos que afectarán significativamente aos ecosistemas e poboacións de España nas próximas décadas. Así, sublíñase que as cidades, onde reside máis do 81% da poboación, están a experimentar un aumento de temperaturas sen precedentes, impulsado polo cambio climático e agravado polo efecto illa de calor urbana. “Esta tendencia está a intensificar as ondas de calor, con impactos directos na saúde e a calidade de vida dos cidadáns”, sinálase.

O informe, apúntase desde o Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, tamén recolle que a península ibérica amosa unha diminución sostida da humidade relativa, un fenómeno que, combinado co incremento da evaporación oceánica, está a acentuar os episodios de seca e desertificación, particularmente no sur de Europa. Neste contexto, os traballos referenciados no documento presentado este xoves apuntan a unha maior aridez en amplas zonas do país, cunha redución progresiva dos recursos hídricos e unha crecente exposición a eventos climáticos extremos. O estudo tamén sinala que un Mediterráneo máis cálido está a intensificar os eventos convectivos e as precipitacións extremas, especialmente no outono, o que podería agravar o risco destes episodios meteorolóxicos adversos. 

En paralelo, as proxeccións recollidas indican que a aridez e a severidade da seca no sur da península ibérica continuarán agravándose. A combinación de temperaturas máis elevadas, unha menor dispoñibilidade de auga e unha maior demanda evaporativa reforzarán segundo a comunidade científica este proceso, aumentando a vulnerabilidade dos ecosistemas e da actividade agrícola.

O estudo destaca tamén o rápido retroceso da criosfera na península ibérica. “Os glaciares en España experimentaron un retroceso acelerado, cunha significativa perda de extensión e espesor. Os rexistros a longo prazo amosan, ademais, unha diminución na duración da capa de neve e a súa acumulación máxima na península ibérica, o que pon en risco os recursos hídricos que dependen do desxeo en zonas de montaña”, sinálase desde o ministerio.

No informe igualmente sublíñase un quecemento acelerado das augas oceánicas que rodean a península, moi particularmente no Mediterráneo. “Todas as augas oceánicas que rodean España están a quentarse a unha velocidade un 67% superior á media global, cunha taxa de 0,25°C por década, fronte ao 0,15°C por década do resto dos océanos do planeta (con algunhas excepcións como na costa oeste e norte, e os afloramentos en Canarias)”, indícase por último.