Gonzalo Méndez e Nerea Piñeiro sumaron a súa experiencia á dunha trintena de expertos
O informe sobre xestión sostible de zonas costeiras para o Congreso de los Diputados conta coa participación de dous investigadores da UVigo
Co obxectivo de incluír o coñecemento científico na toma de decisións da Cámara Baja
“A Oficina de Ciencia y Tecnología del Congreso de los Diputados (Oficina C) é unha iniciativa que pretende achegar ou enlazar a comunidade científica cos deputados e deputadas, facilitando o acceso ao coñecemento científico e a súa inclusión na toma de decisións do Congreso, todo co apoio da FECYT, a Fundación Española para la Ciencia y Tecnología do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades”. Neste termos explica Gonzalo Méndez, docente e investigador do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da UVigo, o obxectivo da Oficina C do Congreso de los Diputados para a que el, e a investigadora Juan de la Cierva do seu mesmo departamento, Nerea Piñeiro, elaboraron, xunto a científicos e científicos nacionais e internacionais, un informe sobre a xestión sostible de zonas costeiras.
O denominado Informe C Gestión sostenible de zonas costeras, foi, xunto a outros estudos sobre materias como a prevención activa do suicidio, a intelixencia artificial ou os materiais críticos na transición enerxética, recentemente presentado no transcurso dunha mesa redonda celebrada no Congreso de los Diputados, na que o investigador do CIM-UVigo tomou pate xunto a outras autoras do informe. “É unha moi boa oportunidade para participar nunha experiencia de evidente transferencia, de traballo colectivo con expertos de campos profesionais concorrentes e de aproximación á toma de decisións no máis alto nivel”, asegura o docente e investigador da UVigo, que tamén recoñece a satisfacción profesional de resultar escollido para o panel de expertos que elaboraron o informe.
A UVigo, a única que participou con dous expertos
Na redacción do estudo tomaron parte unha decena de investigadores da propia Oficina C e vinte expertos e expertas científicas de diversas universidades e centros de investigación, na súa maior parte españois, pero tamén de Singapur, Xapón e Reino Unido, liderados por Rüdiger Ortiz-Álvarez, da Oficina C. “A única institución que participou con dous expertos foi a Universidade de Vigo, pola que estivemos Nerea Piñeiro Juncal e máis eu, ambos do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio”, detalla Méndez.
Os Informes C elabóranse seguindo unha metodoloxía establecida pola Oficina C, logo que a Mesa do Congreso escolla os temas, a partir dese momento, confórmase un equipo liderado por un membro da oficina e iníciase unha completa revisión bibliográfica e entrevistas personalizadas a todos os e as expertas científicas escollidas. A continuación, redáctase unha primeira versión do informe, que será revisado varias veces ata chegar á versión final. No caso dos investigadores da UVigo, Nerea Piñeiro incorporouse aos traballos o pasado mes de febreiro, mentres que Gonzalo Méndez o fíxo a principios de xuño.
Obxectivos e problemas nos que o informe incide
“En poucos sitios como en Galicia podemos ser conscientes da importancia natural, social e económica do litoral, así como da súa vulnerabilidade, dos problemas que lle afectan, das presións que está a sufrir e dos problemas que deberemos atender no futuro, como os derivados do cambio climático”, sinala Gonzalo Méndez a modo de contextualización do Informe C sobre Xestión Sostible de Zonas Costeiras, no que se buscou preparar “unha síntese completa de toda esta complexa problemática, para ofrecer aos deputados unha ferramenta de apoio na toma das decisións”. Neste sentido, Méndez incide no avance que supuxo a Ley de Costas de 1988, malia a reforma de 2013.
En relación coas conclusións que arroxa o informe, o docente e investigador da UVigo incide na dificultade de resumilo, aínda que sinala algúns problemas nos que centra a súa atención como “a erosión na costa, principalmente nas praias, e as inundacións, que tenderán a aumentar por eventos meteooceanográficos extremos; distintas formas de degradación da costa por vertidos e contaminación, chegada de especies invasoras e sobreexplotación de recursos; e, por suposto, a presión urbanística e o modelo turístico”. Unha relación de problemáticas ás que Gonzalo Méndez engade o problema de competencias entre administracións e sectores.
