DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Iniciación ao surf na praia de Patos da man do Servizo de Deportes

Intenso fin de semana para os equipos de rugby da Universidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Romina Vázquez DUVI 22/02/2008

As persoas interesadas en achegarse ao deporte da vela teñen o vindeiro 1 de febreiro unha excelente oportunidade da man do Servizo de Deportes, que, en colaboración con Prado Surf Escola, organiza o curso de iniciación Surfeando Uvigo.es.
A actividade, de dúas horas de duración, terá lugar na praia de Patos, en Nigrán, onde técnicos titulados pola Federación Galega de Surf ofrecerán aos asistentes unha explicación dos obxectivos, das instalacións, do material e das normas de seguridade na auga para, a continuación, realizar unha serie de exercicios de quecemento muscular e estiramentos. Chegados a este punto, os alumnos xa estarán preparados para entrar na auga a realizar a práctica de remada, a toma de ondas tumbados e, finalmente, a práctica do stand up. A modo de conclusión do curso haberá unha sesión de impresións e preguntas.
“As corenta prazas dispoñibles cubriranse en breve, posiblemente antes de que remate o prazo de inscrición”, tal como apunta Diana Castro, do Servizo de Deportes, que engade que “este éxito denota o interese existente por este deporte”
Os interesados poderán anotarse de xeito gratuíto no Servizo de Deportes ata o 26 de febreiro e o material necesario, composto por unha táboa, un neopreno e unha licra, seralles proporcionado pola escola Prado Surf no momento do inicio do curso.

Fin de semana de intensa actividade para os equipos de rugby da Universidade

Coa competición nacional en suspenso a raíz do compromiso da selección española, o equipo da División de Honra B ten unha cita o sábado ás cinco da tarde co Club Ingleses de Vilagarcía para disputar a eliminatoria, a partido único, da Copa Xunta de Galicia. A previsión é que o partido sexa complicado por contar os arousáns con xogadores de alta calidade entre as súas filas.
Pola súa banda, o equipo feminino viaxará á cidade herculina para enfrontarase ao Universidade de A Coruña o domingo ás 12.30 h. Trátase dun difícil compromiso, xa que é preciso vencer para manter as opcións ao título.
En último lugar, os cadetes e xuvenís xogan o sábado en Lalín ás 11.30 e 12.30 horas, respectivamente.

Os alumnos do Programa de Maiores tamén triúnfan

Pero o deporte non é exclusivamente para mozos universitarios. Un exemplo disto é José Cidrás Ferradás, alumno do Programa de Maiores da Universidade de Vigo, que participou no Campionato de España de Atletismo de pista cuberta na categoría M-60. Os resultados acadados foron excelentes, logrando a medalla de prata nos 400 metros lisos e a de bronce nos 200 metros lisos.