DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A proposta da comisión do grao e do Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional

Inícianse os trámites para solicitar a creación dunha Facultade de Dirección e Xestión Pública

A petición deberá ser aprobada polos órganos de goberno da Universidade e pola Xunta

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
DUVI Pontevedra 17/02/2020

A Xunta de Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación informou este luns da solicitude de creación da Facultade de Dirección e Xestión Pública, proposta tanto pola comisión académica deste grao como do Mestrado en Dirección Pública e Liderado Institucional. Segundo sinala o escrito presentado pola coordinadora do grao, Soraya Rodríguez, e o responsable do mestrado, Xosé Mahou, para aproveitar a “ventá de oportunidade” que supón a implantación da modalidade virtual do grao en Dirección e Xestión Pública, "cómpre a creación dunha estrutura organizativa que permita ordenar de forma autónoma as ensinanzas e os procesos académicos e administrativos e de xestión” vinculados a estes dous títulos.

A solicitude foi previamente aprobada por unanimidade, o 30 de xaneiro, polas comisións académicas do grao e do mestrado e tras pasar este luns pola Xunta de Facultade, onde recibiu 20 votos favorables e 18 abstencións, será remitida aos órganos de Goberno da institución académica. A partires de aí, o procedemento deberá ser informado polo Claustro da Universidade de Vigo e ser aprobado tamén polo Consello de Goberno, debendo contar ademais co informe do Consello Social e da Conferencia Xeral de Política Universitaria para a súa remisión á Xunta de Galicia, de quen dependería a súa aprobación.

Maior “autonomía na ordenación académica”

A solicitude presentada este luns en Xunta de Facultade destaca que o grao en Dirección e Xestión Pública, “único no sistema universitario galego e español”, contará a partires do vindeiro curso cunha modalidade presencial e outra totalmente virtual, que irá progresivamente substituíndo á actual modalidade semipresencial. Trataríase, como sinala a petición, do primeiro grao no Sistema Universitario Galego en contar cunha modalidade virtual, e que se suma a un mestrado tamén virtual, en Dirección Pública e Liderado Institucional, que tamén se propón pase a depender desa Facultade de Dirección e Xestión Pública. De aí que as comisións incidisen na súa solicitude "na necesidade de dotar estes títulos de marcos de liderado e xestión públicas propios”, coincidindo coa implantación dun novo plano de estudos en Dirección e Xestión Pública. Nese senso, Mahou e Rodríguez explicaron nesta Xunta de Facultade que a proposta ten como obxectivo acadar “unha maior autonomía na ordenación académica e en todo o que supón, como captación de alumnado”. Do mesmo xeito, trasladaron o seu desexo de que esa facultade puidese establecerse no edificio que hoxe é a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, “e establecer órganos de cooperación e colaboración” entre este centro e o que propoñen crear.