DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con motivo da celebración do "Día da Muller Traballadora"

Unha iniciativa do grupo de voluntarios do campus exalta o traballo das mulleres ao longo da historia

Un mural, caixas de correos e un vídeo son as actividades propostas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Ana Terceiro DUVI 07/03/2008

Se tivesemos que citar o nome dalgunha muller que destacara no eido da publicidade, da ciencia ou da filosofía, posiblemente, reflexionariamos varios minutos antes de dar cunha resposta axeitada. Isto é precisamente o que levou ao Grupo de Voluntarios/as 8 de Marzo do campus de Pontevedra a organizar unha serie de actividades coa intención de “concienciar aos membros da comunidade universitaria da influencia de personaxes femininos ao longo da historia”, segundo comentou a responsable da Oficina de Voluntariado e Integración do campus, Herminia Dios Poceiro.
Con motivo da celebración do Día da Muller Traballadora, que ten lugar este sábado, os alumnos instalaron en cada un dos centros varias caixas de correos nas que os estudantes deberán depositar unhas tarxetas, distribuídas por todo o campus, co nome dunha muller que eles consideren que destacou por algún feito concreto. Ademais, tamén fixeron un mural, colocado na entrada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, no que todos os que o desexen poden escribir os nomes das Mulleres que fan historia, tal como di o seu lema. Para completar a iniciativa, un vídeo elaborado polo grupo de voluntarios sobre o traballo que desempeñou a figura feminina desde sempre e en todas as culturas é proxectado constantemente nas pantallas das facultades.
Ata o vindeiro luns continuarase coas actividades e será entón cando se recollerá toda a información recadada. Polo momento pódense ler todo tipo de nomes no mural, desde Rocío Jurado ata Angelina Jolie, pero iso si, tamén hai espazo para personaxes tan importantes como Ana Frank ou María Montessori.

Un traballo dos voluntarios

A idea xorde das sesións de traballo do obradoiro Iniciación ao voluntariado, que tivo lugar o pasado mes de novembro, no que unha das alumnas presentou un proxecto que propoñía “consultar aos membros da comunidade universitaria se lembraban o nome dunha muller que fixera historia, xa que habitualmente mencionamos nomes de homes”, explicou unha das voluntarias e estudante de terceiro curso da Escola Universitaria de Forestais, Isabel Ávalos. A partir de aí “decidimos ampliar a proposta, darlle forma e levar a cabo este pequeno reto aproveitando que vai a ser o Día da Muller Traballadora”, comentou outra das organizadoras e alumna de cuarto de Publicidade e Relacións Públicas, Silvia González.
Ademais destas dúas rapazas, o Grupo de Voluntarios/as 8 de Marzo está composto por Rebeca Santiago Cobo, Raquel Leirós Rodríguez, Diego Arranz Fernández e Noelia López Prego, sendo coordinado pola Oficina de Voluntariado e Integración do campus, Herminia Dios.