DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inicio dos actos do VI Memorial Filgueira Valverde, dedicado a Laxeiro

Celebrarase do 29 ao 31 de outubro no Museo de Pontevedra

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 26/10/2007

Este luns comezan os actos de celebración do VI Memorial Filgueira Valverde, que este ano estará dedicado á figura de Laxeiro, un dos máis importantes artistas galegos do século XX. Dito autor mantivo unha moi estreita relación ao longo da súa vida con Xosé Filgueira Valverde. É esta proximidade cronolóxica xunto coa conmemoración en 2008 do centenario do seu nacemento, as que xustifican que se lle dedique esta edición do memorial que leva o nome do polígrafo pontevedrés.
A apertura do memorial virá da man de Javier Pérez Buján, da Fundación Laxeiro, cunha conferencia sobre o artista homenaxeado baixo o título “Laxeiro: itinerario xestual pola pintura do século XX”. Continuará a celebración coa ponencia “Fabulacións na pintura de Laxeiro” impartida polo catedrático da Universidade de Santiago, Antonio Garrido. Xa, para rematar, pecharase o acto o 31 de outubro cun concerto da Sociedade Coral polifónica de Pontevedra.
O actos, organizados pola Universidade de Vigo conxuntamente con Caixanova, o Museo de Pontevedra e a Deputación Provincial, prolongaranse ata o vindeiro 31 de outubro e terán lugar no Museo da cidade.