DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidade, Xunta e empresas participan no I Encontro Ágora organizado pola Cátedra Telefónica

Innovación aberta e colaboración público-privada, as claves para que o tecido empresarial se adapte ao proceso de dixitalización

Ante un proceso de desglobalización apostan por “colaborar en local para competir en global"

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Institucional
M. Del Río DUVI 25/03/2022

A pandemia da covid-19, a crise de subministros, os prezos da enerxía e agora a guerra en Ucraína están poñendo o tecido empresarial europeo nunha situación moi complexa que, ademais, coincide cun proceso de dixitalización que está a mudar irreversiblemente os modelos de fabricación e de negocio. Para analizar como as empresas poden adaptarse a este contexto, este venres o campus de Vigo acolleu unha xuntanza de representantes da administración, a industria e a administración nunha xornada organizada pola Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo.

O I Encontro Ágora, dividido en tres mesas temáticas, permitiu analizar o nivel de dixitalización da industria galega e debater sobre as fábricas do futuro, as transformacións derivadas do 5G, a computación cognitiva ou os robots colaborativos. A primeira mesa de debate contou coa participación de Francisco Conde, vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación; Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Manuel Ángel Alonso, director xeral de Telefónica Norte e Ignacio Bueno, director de Stellantis Vigo. Todos eles coincidiron en destacar que o proceso de dixitalización é imparable, pero a pandemia acelerouno obrigando a empresas e administracións a apurar o paso. “Estamos”, destacaba o vicepresidente da Xunta, “nun novo contexto, inmersos nun proceso vertixinoso de reversión da globalización e camiñamos, de feito, cara a desglobalización e relocalización”. Neste escenario o local adquire cada máis importancia e, engadía Conce, “ temos que adaptarnos todos con moita rapidez e intensidade, e iso só o imos poder facer se somos quen de colaborar”. 

Neste sentido, tanto Conde como reitor fixeron fincapé en que este escenario tamén presenta oportunidades e, para aproveitalas, cómpre avanzar en dous sentidos: a colaboración público-privada e os ecosistemas de innovación aberta. Respecto do primeiro aspecto, administración e academia deben “poñer as pancas que as empresas poden precisar en cada momento”, recalcaba Conde e, deste xeito, facer funcionar “a tripla hélice composta pola administración, a empresas e as universidades”, sinalaba o reitor. Respecto da segunda vía, o conselleiro destacou que “a I+D é o vector transversal que está detrás da dixitalización e da sostibilidade, porque as empresas teñen que reinventarse e dar respostas a novos produtos e procesos para ser competitivos e, sen innovación, iso non é posible”. Por iso apostou por xerar ecosistemas de innovación aberta, que xa teñen dado moi bos resultados, por exemplo, o sector da automoción. 

Un proceso imparable

No transcurso do debate, tanto Manuel Ángel Alonso, director xeral de Telefónica Norte como Ignacio Bueno, director de Stellantis Vigo, recalcaron que o proceso de dixitalización é imparable e que a pandemia provocou “un salto de 5 anos”. Con todo, segundo sinalaba Alonso, existe unha diferencia substancial entre as grandes empresas e as Pemes. Así, mentres as grandes compañías “tiñan moi claro que a dixitalización era un camiño obrigado, a pandemia puxo de manifesto para as Pemes “que este é un tren que non poden perder”. Moitas desas compañías, recalcaba, “pode que non teñan a capacidade de ver cal é retorno, o motivo desa dixitalización e, polo tanto, temos que facer moita pedagoxía neste sentido dende as empresas tecnolóxicas, dende a universidade e dende a administración” para que comprendan que “se unha empresa non se dixitaliza e a súa competencia o fai, esta vai perder capacidade competitiva, información para mellorar produtos e mesmo vai oportunidades de novos negocios”.

Alonso tamén destacou que co avance da dixitalización crecen parellos os riscos de ciberseguridade. De feito, como apuntaba a vicerreitora Mónica Valderrama, encargada de moderar o debate, “só o 36% das empresas están protexidas”, principalmente as grandes compañías, que teñen máis recursos e máis conciencia do perigo. As Pemes, que representan o 99% das empresas en España, son pola contra, as máis vulnerables xa que non perciben este risco da ciberdelincuencia como real. “Aí é onde temos que facer un exercicio moi importante, porque a dixitalización ábrenos grandes oportunidades”, recalcaba Alonso,“pero é preciso avanzar na protección e, para isto, “fáltannos profesionais”. Segundo explicou, estímase que en 3 anos a UE vai precisar 350.000 expertos e expertas en ciberseguridade e “está costando conseguir xente con esa formación”. 

Pola súa banda, Ignacio Bueno, director de Stellantis Vigo, explicou como a electrificación está implicando para a compañía automobilística un proceso de transformación dixital. “Non queremos ser un mero fabricante de automóbiles, queremos ser unha empresa tecnolóxica de mobilidade” e, de cara ao 2030, avanzou, o 100% dos vehículos que a compañía venda en Europa serán eléctricos e o 50% no mercado de EEUU. Para este proceso de transformación da produción cara o vehículo eléctrico e conectado a empresa investirá 30.000 millóns de euros nos próximos 4 anos e creará catro plataformas 100% eléctricas das que sairá o primeiro vehículo en 2025.

O reitor tamén ofreceu un repaso polo proceso de transformación dixital da Universidade, marcado claramente pola pandemia, “que nos obrigou a pasar en 15 días das aulas a unha docencia completamente virtual”. Reigosa agradeceu o esforzo colectivo de toda a comunidade universitaria por adaptarse a esta situación e rematar o curso 2019-2020 “sen deixar a ninguén atrás”. O reitor tamén repasou algunhas das medidas postas en marcha pola institución para “soportar un cambio tan brutal” e facer fronte á pobreza dixital e recalcou que “saímos desta situación moito mellor do que estabamos”, cunha plataforma de teledocencia propia “francamente boa e baseada nunha tecnoloxía aberta que nos está dando moitas alegrías”.

Dúas mesas redondas e presentación da cátedra

A segunda mesa da xornada contou coa participación de persoal investigador da Universidade e de representantes da Xunta e empresas, que reflexionarán sobre os avances tecnolóxicos e as súas implicacións sociais. Participaron Mar Pereira, directora de Amtega; Paula Beirán, directora de Telefónica en Galicia e Asturias; Juan José Areal, responsable de Proxectos de Innovación de Stellantis-Vigo; Rebeca Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo; Carlos Prado, catedrático da Escola de Enxeñería Industrial da UVigo e Luis Álvarez-Sestelo, CEO Optare Solutions, que se encargou da moderación, xunto con estudantes e docentes. Nesta sesión debateuse sobre diferentes perspectivas de futuro como os efectos que poden ter no emprego a robotización, os espazos de fabricación intelixente, os robots colaborativos ou a automatización.

No transcurso da xornada tamén se presentou as actividades que desenvolve a Cátedra Telefónica-UVigo que, dirixida polo profesor da EE Industrial José Cidrás, botou a andar en 2013. Nesta mesa, o docente estivo acompañado por Felipe Gil, profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo e investigador principal do proxecto Red5G; Guillermo Fernández Sánchez, alumno de Enxeñería Industrial e mellor orador da Liga Española de Debate Universitario STEM 2021 e Martina Páramos, alumna de Enxeñaría de Telecomunicación e Premio Sofia: Reto IA para el Hogar.

O evento pechouse cunha terceira mesa de debate sobre tecnoloxías e innovación aplicadas á prevención de incendios forestais, na que participaron participarán Fernando Veiga, subdirector xeral de Extinción da Consellería do Medio Rural; Juan Picos, director da Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra; Julia Armesto, docente da Escola de Enxeñaría Forestal e Fernando Aguado e Verónica Santalla, profesores da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.