DUVI

Diario da Universidade de Vigo

5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes na EE Industrial

Innovación para unha auga máis limpa e un futuro máis sostible

Participan 80 investigadores e investigadoras de diferentes países

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M. Del Río DUVI 04/11/2026

A Escola de Enxeñería Industrial da UVigo acolle dende hoxe e ata o venres a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional no que se dan cita 80 especialistas en procesos de oxidación avanzada aplicados á descontaminación da auga. Ao longo das tres xornadas de traballo, expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial abordarán os últimos avances nas tecnoloxías que permiten avanzar cara unha auga máis limpa e un futuro máis sostible. 

O evento conta co respaldo da International School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (IPS-AOP), unha das redes científicas de referencia neste ámbito, integrada por investigadores de 25 países, e a organización local está liderada por Ángeles Sanromán e Marta Pazos, investigadoras de Cintecx, Centro de Investigación en Tecnoloxías e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, co apoio do comité internacional integrado por Luigi Rizzo, coordinador da IPS-AOP; Sixto Malato, coordinador rexional para Europa; e Camila Amorim, coordinadora rexional para América Latina. 

A auga, un reto global

O simposio botou a andar este xoves cun acto de apertura no que participaron Manuel Martínez, vicerreitor de Investigación da UVigo; David Patiño, director do Cintecx; José Fariña, director da EE Industrial e as dúas organizadoras. Ademais de dar a benvida ás persoas asistentes, todos eles coincidiron en destacar a importancia de eventos coma este que dan acubillo tanto persoal investigador con longa experiencia e recoñecidos expertos e expertas como a mozos e mozas que están a comezar a súa carreira investigadora preparando a súa tese de doutoramento. Tamén destacaron a idoneidade de reunir grupos de investigación de universidades de diferentes países, neste caso España, Portugal, Polonia, Irlanda e Italia, xa que, como indicaba o vicerreitor, o da auga é un desafío global “que se resolve localmente planta por planta, río por río, cidade por cidade”, pero que “non respecta fronteiras e tampouco debería facelo a ciencia que o aborda”. Manuel Martínez lembrou que os procesos de oxidación avanzada “sitúanse xusto na fronteira onde a química fundamental se atopa coa enxeñaría e onde o un resultado no laboratorio pode converterse en auga limpa para unha comunidade”.

Tanto o vicerreitor como o director do Cintecx, David Patiño, quixeron dirixirse especificamente aos estudantes de doutoramento, aos que lembraron a importancia de participar neste tipo de eventos, de interactuar, de tecer sinerxías e de coñecer persoas coas que poden redes de traballo no futuro. “Facede preguntas aínda que vos parezan demasiado simples; explicade a vosa tese a alguén dun país e un campo diferente. Algunhas das colaboracións máis importantes nunha carreira científica comezan exactamente así: un póster ou durante unha pausa para o café”. 

Patiño tamén agradeceu a oportunidade que representa este evento para visibilizar o potencial da UVigo e do Cintecx nun eido estratéxico coma este, que comprende retos de futuro relacionados co tratamento da auga, a remediación ambiental e a sostibilidade, que están “no corazón do Cintecx”.

Un lugar de debate e de avance do coñecemento

O obxectivo principal deste evento, como detallan as dúas catedráticas da UVigo responsables da organización, “é promover o intercambio de coñecementos científicos e tecnolóxicos no eido dos procesos de oxidación avanzados (AOP) aplicados á descontaminación da auga e a protección do medio ambiente”. En concreto, presentaranse os avances máis recentes neste eido e fomentarase o debate científico entre investigadores de prestixio internacional, promovendo a colaboración interdisciplinar entre universidades, centros de investigación e sector industrial. Ao tempo tamén se busca apoiar a formación de investigadoras e investigadores novos, especialmente de estudantes de doutoramento e bolseiros de posdoutoramento. O programa combina conferencias plenarias impartidas por especialistas de primeiro nivel, comunicacións científicas, sesións de pósteres para investigadores emerxentes, mesas redondas e actividades de debate orientadas a identificar os grandes retos futuros da descontaminación ambiental. 

Dúas xornadas teóricas e unha técnica

Tras o acto de apertura tivo lugar unha pequena introdución sobre a International School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (IPS-AOP), unha das redes científicas de referencia neste ámbito, integrada por investigadores de 61 institucións de 25 países. A presentación correu a cargo de Luigi Rizzo, da Universidade de Salerno (Italia) e Sixto Malato, da Plataforma Solar de Almería, como coordinadores da IPS-AOP.

De seguido comezaron as intervencións de carácter estritamente científico. A xornada de hoxe céntrase nos fundamentos dos procesos de oxidación avanzados (AOP), mentres que a de mañá porá o foco nas súas aplicacións e nas habilidades complementarias. A primeira comunicación da xornada correu a cargo de André Torres-Pinto, da Universidade de Porto, sobre os fundamentos dos procesos (foto)catalíticos heteroxéneos.

Un dos aspectos singulares deste encontro é a conexión entre a investigación científica e a realidade industrial, polo que as e os asistentes visitarán o venres as instalacións de tratamento de augas residuais e a planta potabilizadora de Aqualia, onde poderán coñecer de primeira man aplicacións reais destas tecnoloxías e poñer en valor a importancia da colaboración entre universidade e sector empresarial. 

O encontro rematará cunha mesa redonda cos membros do comité científico presentes para analizar o pasado e futuro da IPS-AOP e coa entrega, a primeira hora da tarde do venres, dos premios ao mellor póster e á mellor presentación breve.