DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle o XXII Congreso Internacional de Turismo de Aecit

Innovación, dixitalización, sostibilidade e competitividade, retos para o novo turismo

Na cita participa un centenar de especialistas do eido académico, empresarial e institucional

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 06/10/2022

Innovación, dixitalización, sostibilidade e competitividade. Estes son os catro eixes de futuro do sector turístico español e tamén os catro eixes do XXII Congreso Internacional de Turismo da Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo (Aecit), que se celebra os días 6, 7 e 8 de outubro na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. Na cita participa un centenar de especialistas do eido académico, científico, empresarial e institucional co obxectivo de avanzar no desenvolvemento deste sector estratéxico para Galicia e España nun momento de profunda transformación tras o impacto da pandemia e no marco da revolución dixital.

Colaboración do sector e o ámbito académico e investigador

O congreso foi inaugurado este xoves por representantes das entidades organizadoras e colaboradoras. Na súa intervención, Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, subliñou que nun momento no que “o mundo está cambiando” é o momento de “repensar o sector” indo da man administracións, empresariado e o mundo académico e investigador. A responsable académica agradeceu a elección do campus de Ourense para acoller este evento, campus que, dixo, conta cun proxecto de especialización, o Campus Auga, que entre a investigación multidisciplinar arredor dos recursos hídricos que fomenta está tamén a relacionada co turismo.    

Pola súa banda, Nava Castro, directora xeral de Turismo da Xunta de Galicia, explicou que no sector turístico “España é a primeira potencia mundial en competitividade, as mellores empresas están aquí” e destacou que tras a pandemia, este ano Galicia está tendo “un ano marabilloso” en canto a datos turísticos, apuntando cando a falta de tres meses para que remate o ano, a cifra de turistas ascende a 4,5 millóns e a de pernotacións a 9 millóns. Porén, recalcou, “temos que seguir avanzando” e “sacando o mellor de nós” polo que subliñou a importancia neste senso da colaboración entre o mundo académico/investigador e o sector, tal e como pretende este congreso. Neste contexto, Cesáreo González, presidente do Clúster de Turismo de Galicia, puxo o aceno “no proceso de aceleración dixital que estamos vivindo” e o como o turismo é “un sector en constante evolución” no que hai “un turista cada vez máis conectado e preocupado pola sostibilidade”, polo que destacou a pertinencia das temáticas elixidas para esta edición do congreso.

Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, lembrou pola súa parte que Ourense é “unha provincia eminentemente turística” e recalcou o interese de iniciativas como este congreso, que se celebra “na fábrica de talento que é a universidade”. Igualmente, Armando Ojea, tenente alcalde de Ourense, salientou o feito de que cita reúne aos tres sectores involucrados no turismo: o empresarial, as institucións públicas e o da investigación/académico. Por último, Mª Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, apuntou como o turismo está a vivir “un momento moi difícil” de recuperación tras a pandemia “pero vai cara un futuro prometedor”.  

Conferencias e mesas redondas

Aecit é unha asociación sen ánimo de lucro que agrupa persoal docente e investigador e profesionais de recoñecido prestixio no ecosistema do sector do turismo, das empresas, das universidades, das institucións e das consultoras en España, contando con máis de 250 socios, entre eles a Universidade de Vigo, que acolle por segunda vez na súa historia o seu congreso bianual. O presidente da entidade, Felio José Bauzá, explicou na inauguración do evento como “arredor do turismo pivotan moitas disciplinas” e a importancia de “non só facer investigación senón tamén transferencia e ser interlocutor coas administracións”, filosofía de traballo de Aecit na que se enmarca o congreso que estes días se celebra na cidade de Ourense.

José Antonio Fraiz, presidente do comité organizador do congreso, salientou pola súa banda na inauguración do evento que o seu obxectivo é fomentar sinerxías entre o académico e científico e o profesional e institucional “para que de aquí poidan saír contribucións para o desenvolvemento do turismo de forma sostible”. Agradecendo ao equipo organizador do congreso o esforzo feito e ás entidades e empresas a súa colaboración, o responsable académico subliñou como no congreso se presentan 76 comunicacións elixidas entre o centenar de recibidas de 28 universidades de diferentes puntos da xeografía estatal e de Portugal, México, Chile e Brasil, asinadas por máis de 200 investigadoras e investigadores.  

A temática elixida para esta edición é O novo turismo: a innovación, a dixitalización, a sostibilidade e a competitividade do sector. Cada un destes eixes conta cun relator convidado relevante nesa área e unha mesa de debate con representación empresarial, da administración pública e académica/investigadora. Tamén hai un espazo para a presentación e discusión dos distintos traballos de investigación. A primeira sesión contou con conferencias a cargo da propia Nava Castro, que falou ao público asiste das estratexias e retos do turismo de Galicia, facendo fincaé nos bos datos deste Ano Xacobeo e en xeral para o sector. Emily Steinmayr, da Organización Mundial do Turismo, falou do código internacional de protección ao turista; Alfonso Vargas, catedrático de Organización de Empresas da Universidad de Huelva, interveu sobre a gobernanza turística en tempos convulsos; Carlos Favián Blanco, catedrático de Comercialización e Investigación de Mercados da Universidad de Zaragoza, do enriquecemento da experiencia do turista a través da realidade virtual e aumentada e Salvador Antón Clavé, director científico da Área de Turismo de Eurecat-Centro Tecnológico de Catalunya, dos desafíos da innovación en turismo.