IMJC é unha publicación centrada nas investigacións de carácter interdisciplinario
Innovación educativa e intelixencia artificial centran o novo número da revista científica do Campus Crea
Reúne estudos de investigadores de cinco universidades españolas
Impulsada polo Campus Crea, coa finalidade de contribuír á divulgación de investigacións de carácter interdisciplinario, a innovación educativa e a intelixencia artificial constitúen os dous eixes centrais do quinto número do International Multidisciplinary Jorunal CREA (IMJC). Esta revista científica en formato electrónico reúne neste volume sete artigos asinados por investigadores de cinco universidades españolas, que afondan en cuestións como o uso da intelixencia artificial xerativa na docencia, no desenvolvemento de proxectos de aprendizaxe-servizo ou nas limitacións do regulamento de intelixencia artificial da Unión Europea para limitar a “manipulación algorítmica”.
Nacida coa finalidade de conectar diversas disciplinas e de contribuír á divulgación científica desde unha perspectiva interdisciplinaria, IMJC é unha publicación de acceso aberto, incluída no portal de revistas do Servizo de Publicacións da UVigo e definida polo seu “horizonte multidisciplinar”, como destaca o seu editor xefe, o profesor do Departamento de Historia, Arte e Xeografía Luis Velasco. O seu propósito é “ser un foco de recepción de propostas interdisciplinarias e transdisciplinarias sobre a idea da creatividade”, dentro do que, recoñece, están a gañar protagonismo “as propostas de artigos relacionados, sobre todo, coa creatividade centrada na innovación educativa”. Así se ve reflectido nos artigos seleccionados para o quinto número desta publicación anual, no que outros dos estudos céntranse nas aplicacións e implicacións da intelixencia artificial. Como recoñece Velasco, esta tecnoloxía constitúe un foco de análise “que nin sequera estaba no horizonte” cando se creou esta revista “e que agora constitúe un reto moi interesante para a propia noción de creatividade”.
Intelixencia artificial nas aulas
Entre as propostas seleccionadas para este número atópase o artigo que o profesor do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da UVigo Serxio María Rodríguez presenta os resultados dunha experiencia de innovación docente desenvolvida no Grao en Traballo Social. Esta, como recolle a publicación, baseouse na integración da intelixencia artificial xerativa en seminarios centrados na aplicación dos “paradigmas da decisión pública a problemas reais de política social”. Outro dos traballos, asinado por Pedro Carrasco, profesor do Centro Universitario da Defensa (CUD), aborda unha proposta de innovación docente baseada no uso de intelixencia artificial e da análise de datos nunha materia centrada na construción naval.
A intelixencia artificial é ademais o eixe do artigo presentado polo investigador da Universitat Pompeu Fabra Luis Maurin, quen examina a capacidade do regulamento de intelixencia artificial da Unión Europea, pondo de relevo as súas limitacións “para abordar as prácticas de manipulación algorítmica”, segundo recolle o seu artigo.
Carlos Navarro e Jonathan Jacobo Bar, das universidades de Valencia e Complutense de Madrid, presentan un estudo sobre as actividades formativas e divulgativas da Asociación Histórico-Cultural de Estudos Musicais Napoleónicos, desenvolvidas coa metodoloxía de aprendizaxe-servizo e centradas na difusión da Guerra da Independencia Española. Tamén da Complutense, Ignacio Ruiz e Jesús Barreal asinan un traballo sobre o uso das tecnoloxías da información por parte do persoal docente do Grao en Turismo desta universidade, mentres que o investigador da UNED Manuel Martínez presenta un artigo no que avoga polo “método conceptual” na transmisión de contidos de ciencia política, explorando as posibilidades de innovación educativa baseadas neste enfoque. A publicación péchase cun artigo no que Manuel Sobaler e Jorge Prada, da Complutense, presentan unha proposta didáctica baseada nos “xogos da fortificación”, unha ferramenta educativa empregada na España da Ilustración para a formación militar na mocidade nobiliaria.
Crecemento e internacionalización
Con Velasco como editor xefe e o profesor Vicente Romo como adxunto ao editor xefe, a revista científica do Campus Crea forma parte das bases de datos Dialnet, Dialnet Métricas, ERIH Plus, Dulcinea e MIAR e conta desde o pasado número cun DOI, “que permite que sexa unha revista que poida presentarse como mérito” por parte do persoal docente e investigador, explica Velasco. Nese senso, un dos obxectivos a futuro dos responsables desta publicación é tratar de “entrar nalgún índice de calidade importante, como pode ser o SJR ou, máis a longo prazo, o JRC”. Mais a curto prazo, o principal reto do seu consello editorial, apunta Velasco, é contribuír “a que a revista sexa coñecida e ampliar a recepción de orixinais”, así como tratar de que estes proveñan de investigadores e investigadores de diferentes países, favorecendo unha maior internacionalización da revista.
