DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As gañadoras foron Sarai Fernández Marqués e Amai Rodríguez Coladas

Innovación e profesionalidade no desfile "Debut07" da primeira promoción de Esdemga

15 foron as novas deseñadoras que presentaron os proxectos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 30/11/2007

Emoción e nervios era o que se podía respirar no backstage do desfile Debut 07 que se celebrou para presentar os proxectos de fin de carreira da primeira promoción da Escola de Deseño Téxtil e Moda de Galicia, Esdemga. As debutantes deseñadoras levaban esperando este momento moitos meses, nos que prepararon ata o máis mínimo detalle dos estilismos e a escenografía que se presentaron. Foi a directora de Esdemga, Lola Dopico, a encargada de presentar o desfile que significa o peche dunha etapa e o comezo de novos proxectos de futuro para os estudantes desta escola. “Para estas novas deseñadoras é suficiente premio presentar os seus proxectos, acabar os seus estudos e comezar aquí a súa carreira profesional”, comentou Lola Dopico.
No acto, celebrado nas pistas da nova Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, fíxeronse tres pases. No primeiro se mostraron doce pezas deseñadas por estudantes de terceiro curso que desenvolveron os seus proxectos a partir dun colo transformado ata o que finalmente se presentou. No segundo pase, tamén composto de doce obras, se exhibiron outros estilismos das xa tituladas alumnas do ano pasado, baixo o tema Rusia. E xa, finalmente, presentouse Debut07, cos proxectos fin de carreira das estudantes da primeira promoción. Nestas obras, cada alumna preparou unha colección de seis estilismos diferentes, a partir dun tema proposto polo director do proxecto. Moitas das obras estaban influenciadas pola moda francesa de Catherine Deneuve ou polo concepto de absolutismo como estética.

Xurado e premios

Este ano foron quince as rapazas que presentaron os seus deseños e que competían polos dous premios existentes. Un premio extraordinario fin de carreira, outorgado polas asociacións téxtiles Atexga e Aipclop cun importe de 5000 euros e, unha mención especial do xurado, outorgado por Rafael Matías, consistente en 1200 euros. Neste caso as deseñadoras afortunadas foron Sarai Fernández Marqués e Amai Rodríguez Coladas respectivamente.
Para xulgar os proxectos e outorgar os premios contouse cun xurado formado polo director de produto de Armand Basi, Chisco García; a directora artística da pasarela El Ego de Cibeles, Sofía Clarí Rodríguez; a directora comercial de Próxima Parada, Carmen Márquez; o ilustrador de moda e profesor de IED, Arturo Elena; o presidente da Asociación de Industrias de Punto e Confección, Carlos López Loureiro; un representante de Atexga; e a directora de Esdemga, Lola Dopico.

Unha escola de deseño de moda, cun enfoque diferente

Cun perfil singular e un enfoque centrado na investigación como eixo da creación e da innovación en deseño, Esdemga, estase situando como unha das alternativas máis atractivas para adquirir unha formación sólida no campo da creatividade e o deseño sen descoidar nocións en xestión para as diversas áreas de actividade empresarial no sector da moda. Con só tres anos desde a súa creación, Esdemga, está atopando unha moi boa acollida dos seus estudantes nas empresas máis destacadas de moda en Galicia, España e Europa, logrando moitos deles primeiros premios nos concursos de deseño de moda de máis prestixio.