DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As JIB'2025 celebraranse do 10 ao 14 de febreiro na Escola de Enxeñería Industrial

Innovación e tecnoloxía ao servizo da saúde: nacen as I Jornadas de Ingeniería Biomédica

Como resultado da inquedanza do propio alumnado do grao e do mestrado

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 09/01/2025

Foi a inquedanza do alumnado do grao e do mestrado de Enxeñaría Biomédica o que puxo a rodar a idea e, co apoio da Escola de Enxeñería Industrial, o Sergas e o Consejo Estatal de Estudiantes de Ingeniería Biomédica e Ingeniería de la Salud, as I Jornadas de Ingeniería Biomédica son xa unha realidade. Esta cita coa innovación e a tecnoloxía ao servizo da saúde será entre o 10 e o 14 de febreiro na Escola de Enxeñería Industrial, coincidindo coa celebración das Jornadas sobre Tecnologías y Soluciones para la Automatización Industrial (JAI), un dos eventos con máis traxectoria e mellor acollida dos que teñen lugar no campus de Vigo. 

As JIB 2025 centraranse na enxeñaría da saúde e o programa inclúe unha exposición de equipamento biomédico, que se poderá visitar entre os días 10 e 14, e dous simposios. O principal obxectivo é crear un espazo que permita poñer en valor de forma específica as innovacións tecnolóxicas aplicadas á saúde, destacar a relevancia da enxeñaría biomédica no desenvolvemento de solucións avanzadas para o diagnóstico e tratamento de enfermidades e fortalecer a conexión entre o ámbito universitario e o profesional. Ademais, estas xornadas pretenden ser unha plataforma para inspirar a estudantes e profesionais, mostrando as oportunidades e desafíos do sector.

Dous relatorios e unha exposición de material 

No que se refire aos simposios, o primeiro, o día 11, titulado Hacia un futuro inteligente: tecnología e IA para transformar el manejo de la apnea del sueño, será impartido por María Luisa Torres, xefa de sección de Neumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, e Manuel Casal Guisande, enxeñeiro industrial e investigador posdoutoral do Instituto de Investigación Biomédica Galicia Sur.

O segundo, o día 13, Presente y futuro de la cirugía endovascular, correrá a cargo de José Manuel Encisa de Sá, xefe de Cirurxía Vascular do Hospital Álvaro Cunqueiro e profesor de Medicina da USC, xunto con José Manuel Blanco, de Siemens Healthineers.

A exposición do equipamento biomédico, que se inserirá dentro do showroom Industria 4.0 das JAI, comprenderá material empregado por diversos servizos do hospital Álvaro Cunqueiro, como equipamento de sono e de ventilación, máscaras, interfaces, técnicas eco endoscópicas respiratorias, próteses traumatolóxicas, etc. Ademais, tamén presentarán dotacións e tecnoloxías empresas como BETA Implants, KUNE Implants e Fabrx.

Unha fiestra ao futuro laboral

Segundo o director da EEI, José Fariña, as JIB'2025 están dirixidas a un público multidisciplinar e “este enfoque transversal busca fomentar o intercambio de ideas e a colaboración entre a academia, a industria e o ámbito hospitalario”. A idea é que sexa un foro no que poñer en valor a formación e o interese da figura da enxeñeira ou enxeñeiro biomédico no ámbito da sanidade, xa que o auxe da tecnoloxía no sector sanitario e o seu impacto na mellora da calidade de vida dos pacientes, así como na eficiencia dos sistemas sanitarios, serviu como detonante para este proxecto.

Irina Collazo é unha das estudantes implicadas na organización, xunto con Silvia Abreu, ambas membros de Ceebis, o Consejo Estatal de Estudiantes de Ingeniería Biomédica e Ingeniería de la Salud. Considera que a celebración destas xornada será unha oportunidade única para que o alumnado do grao e do mestrado en Enxeñaría Biomédica vexa diferentes alternativas de futuro. “É unha carreira moi nova e moitos non teñen unha visión da súa profesión. Pode que saiban a teoría de como pode ser o seu futuro, pero ver na práctica o que poden chegar a facer é o que creo que os pode motivar”.

Ademais, na organización están implicados tamén Alberto Fernández Villar, xefe de Neumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, e Manuel Casal Guisande, investigador e docente nesta área. Fernández Villar, que tamén é profesor asociado de Ciencias da Saúde no grao de Enxeñaría Biomédica, destaca que é a primeira vez que, coincidindo coas JAI, “que son unhas xornadas xa moi consolidadas”, se fan actividades específicas sobre enxeñaría biomédica, “con exposicións de empresas do sector biosanitario e charlas relacionadas con avances nalgúns campos da saúde”. O doutor Fernández Villar tamén destaca a implicación do alumnado na organización do evento, “e actuarán como moderadores e "discusores" nos simposios que se celebrarán”.  

Un evento transformador

Para o director da Escola de Enxeñería Industrial, as JIB'2025 teñen o potencial de se converter nun evento transformador para o grao e o máster en Enxeñaría Biomédica da Universidade de Vigo e, a longo prazo, para a formación nesta área en Galicia e en España. Neste sentido, destaca que permitirán estreitar a conexión coa industria, xa que “proporcionarán unha ventá directa ao mundo profesional, permitindo que estudantes da EEI coñezan de primeira man as innovacións e demandas do mercado”. Ademais, serán unha panca para o fomento da empregabilidade, a través do networking e o contacto con empresas líderes, coas que as e os asistentes poderán establecer conexións clave para o seu desenvolvemento profesional. Por outra banda, Fariña tamén resalta o potencial destas xornadas para darlle pulo á investigación e á innovación. “Ao reunir expertos de diversos campos, o evento fomenta a creación de proxectos colaborativos e reforza a capacidade investigadora da Universidade”. Finalmente, pon en valor outro aspecto, o prestixio académico, xa que a consolidación das JIB como un evento anual reforzaría a posición do grao e o máster en Enxeñaría Biomédica como un referente académico e profesional e axudaría a dar visibilidade e potenciar o impacto social. “Ao destacar o papel da tecnoloxía na saúde, inspírase aos estudantes a se comprometeren con solucións que melloren a calidade de vida dos pacientes”.

Inscricións

Para asistir aos simposios é preciso inscribirse neste enlace, xa que as prazas están limitadas a 60.