Carlos López Ardao e Alfonso Lago lideran, xunto a investigadores da USC, e-SoundWay e e-Profun
Innovación tecnolóxica galega para que o alumnado de primaria á universidade mellore a aprendizaxe da fonética inglesa a través do xogo
As plataformas son un resultado dun proceso colaborativo entre filoloxía, educación e tecnoloxía
Que mediante xogos, tanto o estudantado de bacharelato e universitario, como o de primaria, acade as competencias que marcan os estudos para unha maior precisión e fluidez da pronuncia do inglés en persoas que a utilizan como segunda lingua é o obxectivo das ferramentas e-SoundWay (English Pronunciation Sounds on the Way of St. James) e e-Profun (English Pronunciation is Fun). Froito de dúas axudas acadadas en convocatorias de proxectos nacionais de investigación, ambas as dúas ferramentas foron desenvolvidas por persoal investigador dos grupos de Enxeñaría de Equipos Electrónicos, Laboratorio de Redes (atlanTTic) da UVigo e Discurso e Identidade da USC, contando ademais no caso de e-SoundWay coa participación das universidades Autónoma de Madrid, Málaga, UNIR e UNED.
“A nosa contribución atópase no deseño e desenvolvemento tecnolóxico de ambas plataformas así como da súa proposta de gamificación (unha técnica de aprendizaxe que traslada a mecánica dos xogos ao ámbito educativo-profesional co fin de acadar mellores resultados)”, explican os docentes e investigadores da UVigo Carlos López Ardao e Alfonso Lago Ferreiro en relación coas súas achegas ás plataformas, que aseguran son o “resultado dun proceso colaborativo entre a filoloxía, a educación e a tecnoloxía”. Precisamente, a colaboración desenvolvida entre grupos de investigación de diferentes ámbitos é unha cuestión que Lago e Ardao cualifican como “crucial, sobre todo, no campo do desenvolvemento da linguaxe. Deste xeito puidemos desenvolver dous proxectos que non só fan que a tecnoloxía funcione ben tecnicamente, senón que estas plataformas tamén respectan a diversidade, riqueza e complexidade da linguaxe”, explican os investigadores da UVigo, para quen a complementariedade de coñecementos diferentes mellorou o pensamento e a maneira de abordar o proxecto por parte de cada equipo.
e-SoundWay, pílulas de adestramento fonético e pronuncia ambientadas no Camiño
En palabras de Alfonso Lago, “e-SoundWay é unha ferramenta educativa innovadora deseñada para mellorar a pronuncia, a comprensión auditiva e a transcrición do inglés en falantes de español cun nivel B2 ou superior”. Desenvolta a partir do método EPSS (English pronunciation for speakers of Spanish), a ferramenta compaxina un manual académico cun laboratorio multimedia interactivo dispoñible en liña. Ambientada no camiño francés do Camiño de Santiago, a plataforma propón un itinerario de aprendizaxe en 34 etapas que inclúen desafíos, minixogos e exercicios de transcrición fonética, polas que as persoas usuarias progresan acumulando puntos e acadando vieiras de ouro, prata ou bronce, segundo o seu rendemento.
“A experiencia enriquécese coa guía virtual Patience e con outros 15 personaxes históricos que achegan consellos, lendas, anécdotas en inglés, galego e castelán. Ademais incorpora oito acentos diferentes do inglés e música tradicional galega, ofrecendo unha contorna de aprendizaxe única, inmersiva e intercultural”, detalla Lago, investigador principal do proxecto, xunto á catedrática de Filoloxía Inglesa da USC, María de los Ángeles Gómez González. O software da ferramenta xa foi rexistrado no Rexistro da Propiedade Intelectual o 7 de marzo de 2025, mentres que o seu manual, que fora rexistrado o 11 de febreiro, está en proceso de publicación por parte do Servizo de Publicacións da UVigo. “Unha vez publicado, co manual poderase descargar a ferramenta de xeito gratuíto mediante un código QR de forma”, explica Lago.
e-ProFun, a pronuncia en inglés é divertida
Unha vintena de investigadores e investigadoras da UVigo e da USC, encabezados por Carlos López Ardao e Alfonso Lago e por María de los Ángeles Gómez e Fernando Fraga, respectivamente participaron no desenvolvemento de e-ProFun, unha plataforma web deseñada co obxectivo de mellorar a pronuncia do inglés no alumnado de primaria. “É unha plataforma alegre, igualitaria, de acceso aberto e sostible, que mellora ademais da pronuncia do inglés, a conciencia fonolóxica, a comprensión intercultural e a competencia dixital dos novos estudantes hispano-falantes de inglés para que poidan comunicarse de xeito eficaz dentro e fóra das aulas”, explica López Ardao.
Os contidos da plataforma baséanse na investigación e axústanse ás normas básicas comúns no ensino e a aprendizaxe do inglés en contornas dixitais, combinando os coñecementos da fonética, a pedagoxía e a didáctica do inglés cos avances dixitais disruptivos, que proporcionan a intelixencia artificial e os videoxogos, de conformidade co argumento da Unesco de que o despregamento das tecnoloxías de IA na educación debe ter como obxectivo mellorar as capacidades humanas, protexer os dereitos humanos e contribuír ao desenvolvemento sostible.
“Unha achega clave de e-ProFun é a introdución da fonética e a avaliación da pronuncia nos máis pequenos, así como o emprego da IA para a xeración automática de exercicios, o que permite practicar determinados tipos de competencias e habilidades sen que se repitan as palabras, frases, etc…, detalla López Ardao. A ferramenta que xa está practicamente rematada, conta ademais cunha versión beta, que xa funciona correctamente.
