DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido ao alumnado do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte

As innovacións tecnolóxicas para o adestramento centran un proxecto de innovación educativa

Implicou o traballo con aplicacións informáticas e dispositivos isoinerciais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Académica
DUVI Pontevedra 05/12/2022

Dentro das competencias que deben adquirir na súa formación, o alumnado do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte atópase a capacidade de planificar e controlar a realización de programas de exercicio físico, así como de avaliar a condición física dos participantes e de prescribir exercicio físico orientado á saúde. Nestas tarefas, o uso das novas tecnoloxías pode converterse nun valioso aliado no seu futuro como profesionais. Partindo desta idea, un proxecto de innovación docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte achega ao alumnado desta titulación ao traballo con aplicacións informáticas como a plataforma de xestión do adestramento Harbiz e ao funcionamento de novos dispositivos para o adestramento de forza, así como ás súas aplicacións na prevención e recuperación de lesións.

Coordinado pola profesora Virginia Serrano, o proxecto desenvólvese ao longo deste cuadrimestre cos 53 alumnos e alumnas que cursan a materia Adestramento de readaptación para a actividade física e o deporte. O seu propósito é achegalos “a unha serie de aplicacións móbiles, dispositivos electrónicos e instrumentos válidos e fiables que lles permitan realizar medicións, avaliacións e seguimentos de deportistas de forma útil e manexable”, sinala esta docente. Deste xeito, o proxecto busca contribuír tanto a unha “mellor asimilación” dos contidos prácticos da materia, como que adquiran “unhas competencias dixitais esenciais no mundo laboral”, como salienta a súa coordinadora. Xunto a Serrano, neste proxecto de innovación participan tamén os docentes Helena Vila, Óscar García, José María Cancela, Emerson Ramírez, Tania Álvarez, Javier Carballo, Alba Cuba e Mario Iglesias.

Sinerxías cunha rede financiada polo CSD

Un dos eixos do proxecto é o traballo con dispositivos isoinerciais, consistentes nun “sistema mecánico independente da gravidade, baseado na resistencia inercial” e que permiten a realización “dunha sucesión de actividades que estimulan as capacidades motoras e deportivas, permitindo ao deportista adquirir ou recuperar as capacidades necesarias para levar a cabo esforzos con seguridade e eficacia”, como explica Serrano. Plataformas de forza ou salto, encoders, goniómetros ou dispositivos portátiles son nese senso algunhas das ferramentas, cada día máis empregadas no “campo da prevención e recuperación de lesións, como resultado da evidencia científica”, coas que o alumnado puido traballar no marco deste proxecto. 

Esta liña de traballo permitiu á súa vez xerar sinerxías coa Red de dinamometría funcional, un proxecto financiado polo Consejo Superior de Deportes (CSD) e liderado pola Universidad de Granada, no que participan investigadores de diferentes universidades, entre os que se atopan varios dos profesores responsables deste proxecto de innovación. A colaboración coa rede fixo posible levar a cabo un taller específico, impartido por unha investigadora da Universidad de Cádiz, cun dinanómetro funcional adquirido recentemente pola facultade, un dispositivo que, como explica Serrano, “incorpora moitas máis opcións de medición da forza nun mesmo sistema”. 

Planificación de adestramentos nunha app

Por outra banda, o proceso de “transformación dixital” que vive a sociedade fai tamén que para este tipo de profesionais sexan “imprescindibles na actualidade” aplicacións como Harbiz, que, como explica Serrano, permite levar a cabo planificacións e programacións de adestramento, ademais de incorporar contidos ou realizar tarefas de seguimento e informes de avaliación. Nese senso, outra das actividades desenvolvidas ao abeiro deste proxecto foi unha sesión formativa sobre este software. Posteriormente, o alumnado participante tivo que preparar e subir a esta app “programas de prevención e readaptacións de lesións”, partindo de casos simulados e realizar tamén unha serie de vídeos formativos breves, en formato de “pílulas”, na que mostraban “execucións técnicas de diferentes exercicios” dos programas de adestramento que previamente deseñaron.