DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha porcentaxe das prazas resérvanse a fillos e fillas dos membros da comunidade universitaria

A inscrición na Escola Infantil do campus permanece aberta ata o 8 de abril

A lista provisional de admitidos e admitidas publicarase o 6 de maio 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 29/03/2022

Ata o vindeiro venres 8 de abril permanece aberto o período de preinscrición na Escola Infantil do campus de Pontevedra, de acordo co calendario fixado pola Xunta de Galicia. No curso 2022-2023, o centro contará cun total de 50 prazas, das que se reserva unha porcentaxe para os fillos e fillas do persoal docente e investigador, de administración e servizos e alumnado da Universidade de Vigo. As solicitudes, tanto de novo ingreso como de renovación, poden presentarse de xeito telemático, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ao igual que de xeito presencial no propio centro. Neste segundo caso, como explica a súa directora en funcións, Elena Ortigueira, será preciso concertar unha cita previa no teléfono 986802070. 

Segundo o calendario fixado pola administración autonómica, tras o remate deste período de preinscrición, o 6 de maio farase pública a relación provisional de admitidos e admitidas e abrirase un período de alegacións previo á publicación da lista definitiva de admitidos e excluídos, o 31 de maio. A partir de aí, o prazo de matrícula permanecerá aberto do 1 ao 10 de xuño. Como explica Ortigueira, as e os interesados deberán indicar na súa solicitude se optan por xornada ou completa ou parcial, así como o seu horario de preferencia dentro dunha franxa que abrangue das 7.30 as 18.00 horas. Por outra banda, lembra a directora en funcións, “a atención educativa será gratuíta” o vindeiro curso, de acordo coas medidas adoptadas pola Xunta, polo que as familias só terán que aboar o servizo de comedor, segundo os prezos establecidos pola administración autonómica en función das súas rendas.

31 prazas de novo ingreso

A Escola Infantil do campus contará o vindeiro curso con catro aulas, nas que disporá de 31 prazas de novo ingreso no caso de que se formalicen as renovacións de todos os alumnos e alumnas actuais que continúan o vindeiro curso no primeiro ciclo de educación infantil. A escola disporá dunha aula de 0-1 con sete prazas e de dúas aulas na franxa 1-2, para as que dispoñen de 17 prazas para nenos e nenas de novo ingreso. Por último, contará cun aula 2-3 con sete vacantes.

Como lembra Ortigueira, unha porcentaxe destas prazas resérvanse para os fillos e fillas dos integrantes da comunidade universitaria e, de quedar vacantes, “pasarían a ofertarse na cota xeral na convocatoria extraordinaria de decembro”.