DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha porcentaxe das prazas están reservadas á comunidade universitaria

A inscrición na Escola Infantil do campus permanece aberta ata o 9 de abril

O centro contará o vindeiro curso con 50 prazas, divididas en catro aulas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • No Campus
DUVI 27/03/2018

Destas 50 prazas, 31 corresponderán a alumnado de novo ingreso, aínda que esta cifra podería verse incrementada no caso de que, neste mesmo prazo, non se solicitase a renovación para todos os nenos e nenas que podrían continuar un ano máis no centro.

Concretamente, a Escola Infantil contará con sete prazas de novo ingreso na súa aula 0-1 e con 17 nas dúas aulas para nenos de 1 a 2 anos das que disporá o vindeiro curso, ás que acudirán un total de 24 nenos e nenas. A estas súmanse sete vacantes nas 19 prazas coas que contará a aula de 2-3, segundo explican desde o centro, que debe reservar unha praza por curso para situacións de emerxencia social.


As familias interesadas poden acudir á escola a recoller o formulario de preinscrición, que tamén poden atopar na web do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e que poderán entregar no centro xunto coa documentación requirida ou ben presentalo telematicamente. Nel deberán incluír tamén cal é o horario da súa preferencia, dentro da franxa que abrangue entre as 7.30 e as 20.00 horas na que permanecería aberta, no caso de que haxa demanda suficiente, esta Escola Infantil. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, as listas definitivas de admitidos e excluídos publicaranse entre o 29 e 31 de maio, abríndose o prazo de matrícula para o vindeiro curso do 1 a o 12 de xuño.