O programa da UVigo chegou o curso pasado a 544 estudantes de Pontevedra e Ourense
Inspira STEAM, sete anos aprendendo a 3000 mozas e mozos a desbotar estereotipos de xénero nos ámbitos científico e tecnolóxico
40 persoas mentoras trasladaron as súas experiencias á mocidade
No día no que se abre o prazo para que centros educativos e persoas mentoras se poidan inscribir no programa que se vai desenvolver ao longo deste curso, este venres 3 de outubro o edificio Redeiras acolleu o acto de presentación dos resultados do programa Inspira STEAM (Science, Technology, Engineering, Arts and Maths) da UVigo do curso 24-25. A iniciativa de mentoría que a institución académica viguesa puxo en marcha hai sete anos en centros de educación de primaria e secundaria co obxectivo de fomentar o interese da xuventude pola ciencia e a tecnoloxía, con especial atención en espertar entre as mozas vocacións profesionais en sectores tradicionalmente masculinizados, contou o curso pasado coa participación de 544 estudantes (298 rapazas e 255 rapaces) de 15 centros educativos das provincias de Pontevedra e Ourense.
Coa colaboración da Deputación de Pontevedra e de empresas e centros de investigación como atlanTTic, CTAG, Gradiant, Optare Solutions, Beta Implants, Arenaria, Gestamp, GFT Technologies e Marine Instruments, o programa que supera nas súas sete edicións a participación de 3100 alumnas e alumnas, contou o curso pasado cun total 41 mentores (37 mulleres e catro homes). A través de sesións grupais, as persoas mentoras, científicas e tecnólogas que desenvolven a súa actividade profesional nos ámbitos académico, empresarial, investigación ou de xestión, traballaron co alumnado de 6º de primaria e 1º de secundaria de 14 centros de provincia de Pontevedra e un da de Ourense, en fomentar o interese do estudantado pola ciencia e a tecnoloxía, desbotar estereotipos de xénero que condicionan as carreiras e mozas e mozos e achegarlles referentes profesionais que as e os inspiren.
Empurrando pola igualdade das mulleres
A vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, foron as encargadas de inaugurar un acto de presentación que continuou cunha mesa redonda na que tomaron parte Begoña Vila de Marine Instruments en representación das persoas mentoras; Mercedes Sousa vicedirectora do IES Frai Martín Sarmiento de Pontevedra, como representante dos centros educativos e Cristina Martín, directora de Talento e Persoas de Optare Solutions, en representación das entidades comprometidas con Inspira, conducidas pola técnica de Captación da UVigo Ana Caamaño. Como punto final realizouse unha entrega de diplomas a mentoras, centros e entidades colaboradoras.
Na súa intervención, Caparrini, que ademais foi a encargada de presentar os datos da última edición do programa agradeceu o labor das persoas mentoras ao tempo que destacou a “importancia de que as entidades se adhiran e coñezan o programa, facilitando así a función de mentoras e mentores”. A vicerreitora de Estudantado tamén debullou a súa intervención os resultados da última enquisa realizada pola Universidade de Deusto, promotora orixinal da iniciativa, sobre o programa e no que se pon de manifesto do alumnado; a satisfacción das persoas mentoras e tamén dos centros participantes, que consideran que os obxectivos se cumpriron.
Pola súa banda, a vicepresidenda da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, referíuse a Inspira STEAM como “un proxecto sólido e importante, porque a igualdade é un alicerce para as nenas, que poden ser o que queiran”. Sánchez, que incidiu en que talento feminino non se pode separar do desenvolvemento tecnolóxico, agradeceu á UVigo facer o programa posible e “empurrar a igualdade na educación feminina”.
Unha nova edición, en marcha
Desde este venres 3 de outubro está operativa a plataforma na que centros educativos e persoas mentoras poden inscribirse para participar no programa que se desenvolverá ao longo do curso 25-26. O perfil tanto das mentoras coma dos mentores debe estar vencellado ás STEAM, ben sexa polos estudos ou pola carreira profesional, co obxectivo de promover as áreas STEAM entre o estudantado, especialmente entre as rapazas.
No caso das e dos mentores que vez primeira participan no programa, deberán asistir a unha formación gratuíta de oito horas, no que se presenta a metodoloxía do proxecto, a perspectiva de xénero e os materiais desenvolvidos para levar a cabo as sesións.
