DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así o explicou o director da Área de Benestar, Saúde e Deporte, Alfonso Mandado

A institución apostará polo deporte para “recuperar o ambiente universitario nos campus”

Este xoves presentouse o balance de actividades do curso pasado en Vigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI 15/11/2018

Deporte e actividade física como catalizadores da vida e do ambiente nos campus. Esta é unha das principais apostas da Área de Benestar, Saúde e Deporte para 2019, que presentaron este xoves a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini e o director desta área, Alfonso Mandado. Segundo ambos destacaron,  é preciso asumir que o deporte é “un catalizador non só do ocio, senón tamén da saúde física e mental dos individuos e un peza clave na formación integral das persoas”. Neste sentido, unha das apostas desta área será traballar para fomentar o asociacionismo e a creación de clubs deportivos nas escolas e facultades que permitan potenciar a convivencia e o intercambio social entre a comunidade universitaria. Para Mandado, a implantación do Plan Boloña provocou unha redución desa vida nos campus, consecuencia da obrigatoriedade da asistencia á clase e, mostra disto é que “hai uns anos, tiñamos 120 equipos de fútbol sala e na actualidade tan só 30”. Por iso, os esforzos centraranse en “ recuperar o ambiente universitario a través do deporte”, afirmaba Mandado, nunha rolda de prensa na antiga reitoría de Areal. 

Natalia Caparrini, pola súa banda, fixo fincapé no papel do deporte para a formación integral,  “para formar ao estudantado non só como futuros profesionais senón tamén como persoas”.  Valores como respecto, responsabilidade, integración, igualdade ou traballo en equipo, engadía, son os que ofrece a práctica deportiva. Outras das principais liñas de traballo da Universidade de Vigo para o vindeiro ano pasan por fomentar os hábitos saudables,  potenciando a Área de Saúde, que conta cun médico e un fisioterapeuta en cada campus, “algo que moita xente descoñece”, recoñecía Mandado. Unha última proposta de futuro é accesibilidade e o deporte inclusivo e, para iso, “temos un proxecto para mellorar a accesibilidade ás instalacións, para o que estamos buscando financiamento”, explicaba o director da área.

Balance do curso 2017-2018

No acto tamén se presentou o balance de actividades físicas e deportivas do pasado curso 2017-2018 no campus olívico. Eduardo Rodríguez, técnico do campus de Vigo, foi o encargado de facer un repaso polas cifras, lembrando que a comunidade universitaria do campus de Vigo está  formada por preto de 13.000 persoas, “que son os nosos usuarios directos, pero estamos abertos a toda a cidadanía, á que lle ofrecemos as nosas instalacións”. De feito, mentres as instalacións individuais tiveron un total de 20.900 usos, o 80% por parte de membros da comunidade universitaria, as instalacións colectivas, que estiveron dispoñibles 20.500 horas ao longo de 2018, foron empregadas maioritariamente por persoas alleas (51%), o que amosa que “estamos abertos ao exterior”. 

Outra das propostas principais do servizo de deportes da Universidade son os abonos, con diferentes modalidades e prestacións. En total 648 persoas gozaron dos abonos Muver, Ponte en Forma e ACE, sendo os homes maioría (463 fronte a 185).

O complexo deportivo máis grande da provincia 

Rodríguez lembraba que a Universidade ten o complexo deportivo máis grande da provincia de Pontevedra, “aínda que non é moi coñecido”. Vigo conta cun pavillón, un campo de fútbol de herba artificial, un campo de rugby de herba natural, unha pista de atletismo, cinco de tenis, unha sala de cardio-fFitness, zona de tenis de mesa, circuíto de footing, pista de petanca, dúas salas multiusos, un muro de escalada e unha aula para cursos. A isto únense un centro deportivo de xestión externa, no que se atopa a piscina, e os acordos con ximnasios da cidade que permiten á comunidade universitaria ter condicións vantaxosas para o seu uso.

Estas instalacións están abertas a toda a sociedade e, de feito, “a partir das 19.00 horas e as fins de semana durante todo o día, o 90% da ocupación é de persoas e equipos alleos á Universidade”, puntualizaba Rodríguez. Neste sentido, Mandado avanzou que se está a traballar para converter o campo de herba natural nun sintético, “para que se poida xogar nel con máis asiduidade”.

Cuartos nos Campionatos de España Universitarios

Outro dos piares da oferta deportiva da Universidade son as competicións deportivas. No referente ás internas, arredor de 1300 persoas participaron no pasado curso nas ligas universitarias e outras mil na Copa Fair Play. A institución tamén tomou parte dos Campionatos Galegos de deportes colectivos, con 36 equipos e 474 participantes. Pero o grande éxito da Universidade no pasado curso chegou nos Campionatos de España, nos que Vigo estivo representada por un cento de deportistas que conseguiron situar á institución no cuarto posto no medalleiro, por detrás da UCAM, Valencia e Politécnica de Madrid, grazas ás 17 medallas obtidas: oito ouros, cinco pratas e catro bronces. A isto súmanse tres medallas en deportes colectivos. Rodríguez tamén lembrou os éxitos internacionais, cunha prata en piragüismo nos EU Games e un noveno posto no Campionato do Mundo Universitario de Vela.

O balance do pasado curso recolle tamén os tres programas no medio natural que ofrece a Universidade, como son os roteiros culturais, con 736 inscricións; Augaventura, no que participaron 287 persoas, o 90% delas estudantes; e o programa Delecer. Pero como explica Mandado, a Área de Deporte e Saúde será “unhas das unidades que se potenciarán o vindeiro curso”. Conta cun servizo médico, empregado en 2017-2018 en Vigo por 153 persoas e un servizo fisioterapéutico, que solicitaron 136. Esta área complétase con outro tipo de actividades como os Martes Saudables, polos que pasaron 477 persoas nos tres campus

A próxima semana, Gala do Deporte

A próxima cita deportiva da Universidade será a Gala do Deporte, o día 21 ás 20.00 horas no Auditorio do Concello, que será presentada por Carlos Blanco e con Eduardo Vieira como padriño. Entregaranse un total de 39 distincións a deportistas e clubs universitarios, colaboradores, representantes sociais, empresas, etc.