DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu director é o profesor e investigador David Fernández Calviño

O Instituto de Agroecoloxía e Alimentación dótase dunha xunta directiva, un comité científico e un comité asesor externo

A misión do novo centro é promover unha contorna de investigación interdisciplinaria e de excelencia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • HRS4R
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Ourense 09/06/2023

Tras a aprobación da súa creación, o novo Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da Universidade de Vigo (IAA), con sede no campus de Ourense, continúa a súa posta en marcha co nomeamento dunha xunta directiva, encabezada polo profesor e investigador David Fernández Calviño, un comité científico e un comité asesor externo. O centro nace coa vocación de converterse nun centro de referencia na promoción a través da I+D+i da transición cara sistemas agrolimentarios máis resilientes, sostibles, seguros e circulares.

O director do instituto xa é oficialmente David Fernández Calviño (investigador e profesor da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, adscrito á Área de Edafoloxía e Química Agrícola) e a secretaria Adela María Sánchez Moreiras (investigadora e profesora da Facultade de Bioloxía no campus de Vigo). Ambos contan cunha ampla traxectoria relacionada coas prioridades de investigación do IAA e na coordinación de proxectos neste eido, entre eles proxectos europeos. “O Instituto xa está creado e a súa estrutura de goberno despregada: xunta directiva, comisión científica e comité asesor externo. O seguinte paso é acreditarnos coma instituto de investigación por parte da Xunta de Galicia, estando actualmente traballando para cumprir os requisitos necesarios para acadalo”, comenta David Fernández. O maior reto do novo centro, lembra, “é ser un instituto de referencia na intersección da investigación entre a agricultura e a alimentación dende enfoques agroecolóxicos, promovendo un compromiso activo coa especialización científica intelixente a partir dunha aposta convencida pola colaboración e a xeración de impacto”.

Membros dos comités

A comisión científica do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación creada está formada, ademais de por David Fernández e Adela María Sánchez, por especialistas da UVigo en cada una das prioridades do IAA. Así, forman parte dela Manuel Arias, catedrático da Área de Edafoloxía e Química Agrícola (prioridade 1 do instituto: Saúde e Calidade do Solo); Francisco Javier Rodríguez Rajo, catedrático da Área de Botánica (prioridade 2: Xestión e Manexo de Cultivos); a investigadora María Rosa Pérez Gregorio (prioridade 3: Calidade e Seguridade dos Alimentos); a investigadora e profesora Beatriz Gullón Estévez (prioridade 4: Xestión e Valorización de Subprodutos) e a investigadora e profesora Patricia Reboredo, en representación do persoal investigador non permanente.

As funcións deste comité científico son múltiples e abranguen entre elas aspectos como definir as condicións de adscrición/desvinculación dos membros do IAA e aprobar a súa entrada; avaliar anualmente a actividade científica do persoal investigador vinculado ao centro e estudar as súas necesidades; propoñer a creación de comisións específicas aptas para o estudo de cuestións concretas; crear comités, temporais ou permanentes e integrados por membros vinculados ao IAA que faciliten ou fagan máis efectivo o traballo da comisión científica; propoñer actividades e novas prioridades e liñas de investigación e actualizar a axenda científica.

Ademais o IAA dótase cun comité asesor externo vinculado ás súas diferentes liñas prioritarias. Está formado por Raúl Zornoza Belmonte, da Universidad Politécnica de Cartagena (asesor prioridade de investigación Saúde e Calidade do Solo); Fabrizio Araniti, da Università degli Studi di Milano (asesor prioridade de investigación Xestión e Manexo de Cultivos); Lillian Barros, do Instituto Politécnico de Bragança, (asesora prioridade de investigación Calidade Alimentaria); Carlos Martín, da Inland Norway University of Applied Science (asesor prioridade de investigación Xestión e Valorización de Residuos); Aurelio Prado Rodríguez, Amarelante SCG (asesor membro do cooperativismo agrario galego); Servando Álvarez Pousa, Instituto Agrogandeiro do Inorde, da Deputación de Ourense (asesor representante administracións públicas).

Misión e obxectivos do centro

A misión deste novo Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da Universidade de Vigo é “promover unha contorna de investigación interdisciplinaria e de excelencia con capacidade para ofrecer novo coñecemento e solucións que contribúan a este proceso de transición nun contexto marcado polos grandes cambios globais, incluído o cambio climático, preservando a biodiversidade e contribuíndo aos obxectivos de desenvolvemento sostible”. O centro ten cinco obxectivos estratéxicos, como son acadar maiores cotas de excelencia científica a través do desenvolvemento dunha axenda científica aliñada coas políticas e prioridades de I+D+i europeas, estatais e rexionais; desenvolver, fixar e atraer talento; acadar maior impacto da investigación realizada no marco galego; converterse nun centro de referencia no seu eido e participar na creación do Iberian Food Laboratory co Instituto Politécnico de Bragança.