DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus de Ourense:

“Integrar o campus na cidade de Ourense é un dos proxectos máis importantes da Universidade de Vigo”

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Marta Casanova DUVI 17/06/2008

Juan Francisco Gálvez chegou a Ourense en 1991, tras rematar a carreira, para incorporarse como docente á Escola Superior de Enxeñaría Informática e impulsar, xunto cos seus compañeiros, o desenvolvemento dun campus acabado de nacer que pouco tiña que ver co da súa Granada natal, con 500 anos de historia ás súas costas. Tras case unha década de moito traballo, converteuse en director da ESEI como único profesor funcionario doutor que había neses momentos, posto que deixou no 2006 cando o actual reitor, Alberto Gago, o convidou a formar parte do seu equipo de goberno como a persoa idónea para poñerse á fronte da Vicerreitoría do campus de Ourense. Coa ilusión e o optimismo que o caracterizan, Gálvez aceptou o reto porque se sentía en débeda cunha institución que veu medrar e coa que sempre estivo moi comprometido. Cando chega a metade do seu mandato analiza no Duvi a evolución dos proxectos que está a levar a cabo para converter o campus nun referente de calidade.

Tras dous anos de intenso traballo ao fronte da vicerreitoría, que balance fai?
O balance é sempre positivo pero pensei que iamos avanzar máis nalgúns proxectos, nos que por circunstancias propias e alleas non se puido ir máis rápido e esa lentitude chega a ser moi decepcionante. Cando cheguei á Vicerreitoría, comecei executando o orzamento que deixara feito o anterior vicerreitor, Andrés Mazaira, pero despois xa fixen o noso propio, algo moi importante porque é o que marca o que vas poder realizar. Tiñamos unha serie de expectativas reflectidas nel que non puidemos cumprir na súa totalidade, pero o primeiro ano sempre é de toma de contacto. Neste senso, 2008 é o ano definitivo porque no curso 2008/2009 temos que realizar, ou polo menos deixar postos en marcha, todos os proxectos do noso programa electoral.

Aínda que di que hai proxectos aos que lles custa comezar, ao longo deste curso que remata puxéronse en marcha outros que van sentar as bases do futuro do campus como é o caso da sinatura do convenio co Concello de Ourense e Caixanova para integralo plenamente na cidade. Que vai supoñer exactamente a iniciativa?
Ese é sen dúbida o proxecto máis importante do campus de Ourense e case me atrevería a dicir que un dos máis importantes da Universidade de Vigo, non xa pola inversión que leva consigo, senón polo cambio de filosofía total que supón para o campus. Estamos pensando en unir fisicamente os dous campus da cidade soterrando a estrada que os divide, pero tamén liberando moito espazo para novas edificacións que non teñen por que ser exclusivamente para a Universidade. Queremos habilitar espazos para que as empresas que teñan programas de I+D estean instaladas aquí e colaboren estreitamente coa Universidade, queremos ter tamén espazos de ámbito privado, vivendas, unha gardería digna, aparcadoiro e zonas de lecer para a mocidade, entre outras moitas cousas. O obxectivo e integrar totalmente o campus en Ourense, ser o polo de atracción da zona leste da cidade e en como conseguilo está traballando o recoñecido arquitecto Patxi Mangado.A nosa obriga como Vicerreitoría era poñer o proxecto enriba da mesa e unha vez feito de xeito realizable, materializalo coa axuda doutras entidades e institucións porque aínda que é unha idea que nace no campus, sobrepasa as nosas posibilidades. Iso si, tanto eu en calidade de vicerreitor como o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, estamos moi implicados na tarefa e faremos todos os esforzos posibles por levala a cabo.

Cando se fala de proxectos é inevitable falar de prazos. Aínda que neste caso, trátarse dun plan que trazará actuacións a varias décadas vista, cales son os primeiros pasos que se van dar?
Todo dependerá da proposta que faga o arquitecto e que ten que entregar antes de que remate o ano. O primeiro borrador do proxecto someterémolo a debate público nunha web na que os cidadáns poderán opinar, porque xa que vai repercutir en toda Ourense, queremos ter en conta todas as suxestións. Unha vez que teñamos ese proxecto listo si que teremos que pechar prazos, establecendo actuacións prioritarias e outras que requirirán máis tempo. Por poñer un exemplo, para min é prioritaria a gardería, polo que, en canto Patxi Mangado nos diga onde vai estar situada, se podemos tela licitada en xaneiro, farémolo. Tamén imos deixar as pistas de atletismo e rugby pechadas este ano e, ao redor delas, realizar un circuíto de footing cunha serie de aparellos para que os deportistas poidan quecer, así como un rocódromo para os amantes da escalada. A medio prazo, queremos romper as grandes parcelas que ten o campus divididas para que todo sexa máis continuísta e se poida pasear por elas coma nos campus americanos.

Ademais da do Concello e Caixanova, o campus conta coa colaboración doutras moitas entidades, entre as que destaca especialmente a da Deputación de Ourense, presente en todos os proxectos. Cando comezou esa alianza?
A Deputación é o principal aliado que ten o campus, mérito do seu presidente, José Luis Baltar, moi implicado con nós, e tamén do meu antecesor, Andrés Mazaira, que abriu as portas a un entendemento que, ademais de prolongarse durante todos estes anos, foi medrando e dando lugar a moitos e moi valiosos proxectos en común. Somos o único campus de Galicia, por exemplo, que a través da Deputación oferta 100 bolsas Leonardo para os seus egresados, con prácticas en empresa, viaxe, estancia e curso de idiomas pago. A aceptación deste programa foi tremenda, con tres solicitudes por praza, pero non é a única colaboración, xa que cada ano esta institución deixa no campus uns 400.000 euros. Grazas a isto, podemos desenvolver infinidade de proxectos culturais como a Sala Alterarte, boa parte dos cursos de verán, os obradoiros, exposicións, a MITEU, ciclos de conferencias, dar máis axudas aos alumnos Erasmus, e ter unha convocatoria propia de investigación de 125.000 euros para que os mozos que nunca dirixiron un proxecto teñan unha oportunidade. Como dixo o reitor hai algún tempo, tocounos a lotería con esta Deputación, xa que está a potenciar moitísimo o campus.

Constantemente repite vostede a idea de integrar á cidadanía na vida universitaria. De onde xurde esa vocación por achegar ambos colectivos?
A vocación por unilos naceu hai moito tempo, co anterior equipo de goberno, porque temos a sorte de ter un campus urbano, no centro da cidade, onde calquera se pode achegar andando ou no transporte público constante. O primeiro paso o deu Mazaira ao tirar o muro que rodeaba os terreos do campus e nós agora o que queremos é eliminar a barreira que crea a estrada e que o divide de xeito físico e psicolóxico en dous. No momento en que o consigamos, o campus será unha zona máis da cidade onde todas as infraestructuras van estar ao servizo da cidadanía, como xa o están a biblioteca, o pavillón e as pistas deportivas.

E como tamén o estará a piscina, cando estea rematada. Como van as obras?
Efectivamente, é outro dos elementos que estará a disposición de calquera cidadán e que contamos que estea funcionando en outubro, para cando cheguen os alumnos. As obras van moi ben, houbo unha serie de problemas técnicos que as retrasaron un pouco pero agora, afortunadamente, xa están resoltos e todo avanza a moi bo ritmo. O arquitecto, Patxi Mangado, está contentísimo e esperamos cumprir o prazo e tela rematada para o comezo do curso que vén.

Outra das obras que está a piques de concluír é a construción do CITI. Cando comezará a súa andaina?
Practicamente xa está rematado, estamos co acondicionamento de espazos porque trala convocatoria para os grupos de investigación, tivemos máis peticións que espazos dispoñibles e tivemos que dividir algúns dos laboratorios para dar cabida a todos. Agora estamos coas instalacións técnicas, dende saída de gases a instalacións eléctricas ou de rede, ademais de estar mercando tamén o mobiliario e o equipamento, o que supón un desembolso importante. A nosa idea é que en setembro a xente se poida trasladar para rematar o ano funcionando xa a pleno rendemento.

Ademais de ofrecerlles todas estas novas infraestruturas, que lles diría aos alumnos que están a piques de examinarse de Selectividade para animalos a cursar unha titulación do campus de Ourense?
Por un lado que a valía dos campus non se mide pola súa antigüidade, senón pola súa calidade e neso nós somos tremendamente competitivos. Ademais temos un profesorado cunha media de idade nova e moi implicados co alumnado, de aí que en Ourense teñamos algúns dos centros mellor avaliados polos estudantes. E sobre todo, temos titulacións moi atractivas que tocan todos os ámbitos e na súa maioría con boas saídas e perspectivas profesionais.
Os alumnos e os pais teñen que valorar moitos aspectos á hora de escoller universidade, pero se queren calidade, boa docencia, preparación e servizos, o campus de Ourense é o seu campus.

En canto ao proceso de adaptación ao EEES ,como se está a desenvolver no campus de Ourense?
Cumpriremos os prazos nos graos, pero tamén nos posgraos, onde tamén estamos moi avanzados xa que o ano que vén todos os nosos centros, salvo a Facultade de Historia, van ter polo menos un posgrao adaptado a Boloña, ademais de varios máster. O feito de que cando un alumno remate o grao poida especializarse nun determinado campo, tamén é algo que cómpre ter en conta á hora de escoller un campus.

E xa para rematar, con que proxectos e expectativas se presenta o vindeiro curso?
Ademais de dar os primeiros pasos sobre o proxecto que nos presente Patxi Mangado, continuaremos con todo o tema medioambiental ao que este ano xa lle demos un importante pulo grazas ao Plan de Sustentabilidade e Medio Ambiente SUMA, que presentaremos cando estea rematado a finais de 2008. Estamos a cambiar toda a iluminación do campus, imos pór enerxía xeotérmica na Unidade Administrativa, placas solares para xerar a enerxía necesaria para o pavillón e outras que nos van permitir vender luz para abaratar custos, imos facer tamén un tanque de tormenta para aproveitar a auga da piscina para rego e as augas pluviais, entre outras cousas. Con todas estas medidas conseguiremos un aforro económico e unha amortización de custo a medio prazo e ademais, evitaremos a emisión de toneladas de gases a atmosfera. Temos unha implicación moi clara co medio ambiente que continuará con outras actuacións, enmarcadas no proxecto Campus Terrae que suporá uns 600.000 euros que agardamos, sexan amortizados nun breve espazo de tempo e o que é máis importante, estamos a coidar o medio ambiente, e iso non ten prezo.