DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres celebrouse a V Conferencia Interuniversitaria sobre esta temática

A integridade académica da comunidade universitaria, un reto para as universidades na sociedade da posverdade

Nela destacouse a importancia de que as institucións académicas sexan un exemplo en valores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 28/10/2022

Desde hai varios anos, un equipo formado por grupos de investigación do eido educativo das tres universidades galegas, financiado pola Secretaría Xeral de Universidades, estuda a integridade académica das organizacións educativas, que ten no plaxio unha das súas maiores problemáticas. Este venres o equipo celebrou a súa conferencia anual de balance e nela destacouse a importancia de que a comunidade universitaria sexa un exemplo en valores na sociedade da posverdade.

Esta V Conferencia interuniversitaria. Integridade académica entre profesorado e alumnado, celebrouse de xeito presencial desde a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña e retransmitiuse de xeito virtual, contando con arredor de 270 persoas inscritas de España, Portugal e Iberoamérica. A súa organización correu a cargo dos grupos de investigación que realizan o estudo, o Grupo de Investigación en Avaliación e Calidade Educativa (GIACE) da Universidade da Coruña (líder do proxecto); o Grupo de Investigación, Diagnóstico Educativo e Avaliación (IDEA) da Universidade de Santiago de Compostela e o Grupo de Investigación Educativa (GIE) da Universidade de Vigo. Os coordinadores da xornada foron, en representación destes grupos, Jesús Miguel Muñoz (UDC), Ana M.ª Porto (USC) e Camilo Ocampo (UVigo).

Convivencia e exemplo

Na inauguración da actividade, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, felicitou á organización do proxecto e das xornadas porque, dixo, “téñense convertido nun referente” cuxo “traballo vainos a servir a todos”. O responsable académico amosou a súa convicción de que “a universidade debe xogar un papel moi importante na conformación dunha sociedade de futuro, un sociedade que ten que estar fundamentada nunhas premisas éticas de primeiro nivel”. Na súa opinión, no traballo a prol da integridade académica, “hai que pór o énfase na formación, en que das nosas aulas saia a xente cun código ético superior e que sexa capaz de levar a cabo unha vida profesional sen trampas”. Na actualidade, detallou Reigosa, as universidades “estamos inmersas na normativa de convivencia, que eu creo que ten moitísimos aspectos positivos, sobre todo o reforzamento do valor da educación, buscar en vez de converternos nun sistema no que se prima o castigo, que se prime a solución”. Esa solución, dixo, “pasa por unha educación que permita elevar os nosos códigos éticos e que iso se transmita á sociedade”. Neste senso puxo en valor a colaboración das tres universidades galegas para ter criterios comúns na normativa de convivencia en aspectos como os niveis de gravidade dos feitos que van en contra da integridade académica.

Pola súa banda, Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña, salientou que “neste momento vivimos nunha sociedade na que as noticias falsas, as medias verdades, estanse impoñendo e están sendo instrumentos para obter vantaxes competitivas e iso, desde as universidades, que somos organismos encargados da educación, da formación das futuras xeracións, temos que evitalo dunha forma drástica. E temos que evitalo non só coa formación senón tamén co exemplo”. Para acadalo, o responsable académico apuntou que “precisamos ferramentas e unha das primeiras é o coñecemento para poder tomar medidas”, pondo en valor o traballo do equipo interuniversitario que traballa neste proxecto. Apuntando igualmente que “é moi importante que as tres universidades nos poñamos de acordo en cales son os alcances da nosa lei de convivencia”, Abalde indicou que “esperamos non ter que usala nunca, esperamos que os nosos estudantes, o noso profesorado, actúe con máxima integridade”.

Do mesmo xeito, Pilar Murias, vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, subliñou que estamos “nun contexto no que a falta de integridade a nivel social estase normalizando e incluso se xustifica en determinados contextos”. Por este motivo salientou como “fundamental” neste tema o compromiso da academia coa integridade, que nas universidades haxa persoas que traballen arredor dela e que se desenvolvan proxectos como o protagonista desta conferencia. Estas ideas tamén foron subliñada por Manuel Peralbo, decano da Facultade de Ciencias da Educación da UDC, que apuntou que “vivimos tempos complicados nos que cada día vemos que se normalizan condutas e mensaxes que están moi lonxe dun punto de vista ético”. A inauguración tamén contou coa participación de Eva M.ª Espiñeira, presidenta de AIDIPE Galicia.

Diferentes perspectivas

Jesús Miguel Muñoz, coordinador da xornada e do proxecto e tamén catedrático de Universidade da Coruña, indicou que nesta conferencia culmina un ano de extenso traballo que es materializa na entrega de sete volumes sobre “o coñecemento da integridade académica nas universidades galegas” e que dan continuidade ao traballo desenvolvido por este grupo nos últimos catro anos. Nestes volumes, que serán entregados ás institucións implicadas, abórdase a percepción do profesorado en relación á integridade académica na docencia e na investigación e cos seus iguais e a perspectiva do alumnado sobre ela non só na realización de traballos académicos e exames, senón tamén de cara ao profesorado e respecto aos seus compañeiros, e as causas que o levaron a cometer accións que atentan contra esa integridade. A través de grupos de interese das tres universidades, tamén se fixo unha abordaxe cualitativa dos resultados anteriores. Por último, elaboraron unha guía de avaliación dos recursos que as institucións de educación superior poñen a disposición dos seus usuarios nesta temática e unha análise de como é percibida a integridade por parte das e dos editores das revistas científicas da áreas de ciencias sociais e xurídicas de España, Portugal e Iberoamérica.

A conferencia contou con conferencias que abordaron a relación da integridade académica coa intelixencia artificial (conferencia de Tomáš Foltýnek, da Masaryk University, de República Checa) e o posgrao no contexto iberoamericano. Igualmente, tiveron lugar conferencias sobre os resultados de aprendizaxe como elementos de xestión da integridade nos títulos e falouse da guía de avaliación dos recursos en integridade. Tamén houbo unha mesa redonda no que a integridade académica foi abordada desde os diferentes grupos de interese (profesorado, alumnado e revistas científicas). Por último, presentouse a Red Iberoamericana de Integridad Académica, da que as universidades galegas forman parte.