DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores do Grupo Sing e do Hospital de Ourense desenvolven un proxecto con este fin

Intelixencia artificial para afinar ‘o bo ollo’ do endoscopista á hora de diagnosticar pólipos de colon

Desenvolverán un sistema de recoñecemento de imaxes

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 28/05/2018

Desenvolver “un sistema informático capaz de dar apoio en tempo real ao endoscopista na visualización dos pólipos de colon e na toma de decisións terapéuticas sobre eles”. Con este obxectivo preséntase o Proxecto Polydeep: sistema intelixente de detección e clasificación en tempo real de lesións colorrectais mediante deep learning. Con financiamento estatal, investigadores da Universidade de Vigo e do Hospital Universitario de Ourense desenvolverán durante tres anos un proxecto que os seus promotores destacan como “pioneiro e innovador” e que ten como fin último mellorar a calidade asistencial ás e aos pacientes de oncoloxía. 

Financiado con 127.171 euros pola Convocatoria Retos da Sociedade do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, o proxecto foi presentado este luns no campus de Ourense. A iniciativa está liderada desde a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense polo Grupo de Investigación Sing Sistemas Informáticos de Nova Xeración, coordinado polo catedrático Florentino Fernández, e conta coa participación do Grupo de Investigación en Oncoloxía Dixestiva do Hospital Universitario de Ourense (Giodo), coordinado polo doutor Joaquín Cubiella. Os investigadores principais do proxecto son Daniel González e Miguel Reboiro, do Grupo Sing. Por parte do hospital participan catro endoscopistas con especial dedicación á endoscopia avanzada, como son Eloy Sánchez (xefe de servizo), Jesús Miguel Herrero, Laura Rivas e Manuel Jiménez, así como o responsable de informática do complexo hospitalario, Rubén Domínguez.

Durante a presentación da iniciativa, Virxilio Rodríguez, vicerreitor en funcións do campus de Ourense, destacou como esta iniciativa se enmarca na liña de traballo que veñen desenvolvendo grupos do campus con entidades da contorna, neste caso o Grupo Sing e o Hospital Universitario de Ourense. Pola súa banda, Julio García, xerente do Servizo Galego de Saúde en Ourense, fixo fincapé en como Polydeep “é un proxecto realmente innovador” que, afirmou, “vai supor seguro un impulso importante no ámbito da endoscopia oncolóxica”. 

Evitar a extirpación

O proxecto prolóngase desde xaneiro de 2018 a decembro de 2020. Os obxectivos, detallou o investigador Miguel Reboiro, son a implementación dun prototipo de diagnóstico asistido por computador; o desenvolvemento dun modelo de detección e clasificación de pólicos colorrectais mediate intelixencia artificial e o desenvolvemento dun banco de imaxes de pólipos colorrectais dentro do biobanco do IISGS, fase esta última na que xa se está traballando. A iniciativa, explicou Daniel González, aproveitará os avances acadados en deep learning, en aprendizaxe profunda en intelixencia artificial, concretamente en recoñecemento de imaxes. A idea, explicou, é que o sistema que se desenvolva, en base a analizar moitas imaxes de pólipos benignos, malignos e intermedios, xa el mesmo saiba en tempo real durante a endoscopia en que características da imaxe do pólipo se ten que fixar para a valoración e clasificar o potencial perigo do pólipo. 

Sendo o cancro colorrectal o de maior incidencia en España, Joaquín Cubiella salientou na presentación do proxecto como ten a característica de que “se pode previr porque podemos detectar a lesión precursora, os pólipos”. Segundo se explicou na presentación, o diagnóstico do tipo de pólipo de colon antes da extirpación endoscópica do mesmo é clave á hora de decidir o modo de eliminalo. Desafortunadamente, detallouse, as técnicas de visualización existentes actualmente teñen unha capacidade diagnóstica limitada, mesmo en mans de endoscopistas expertos. Isto obriga á extirpación e recuperación de practicamente de todos os pólipos para confirmar o tipo histolóxico e coñecer o seu grao de gravidade. Co sistema que pretende desenvolverse no marco de Polydeep, abriríanse escenarios como evitar a extirpación innecesaria de pólipos, custes asociados ao diagnóstico histolóxico e riscos asociados á extirpación, apuntouse entre outros na presentación. “Ter un asistente que sexa máis preciso que o ollo do endoscopista é unha necesidade”, salientou Cubiella. “É un proxecto ilusionante, un paso máis no que vimos traballando”, recalcou pola súa banda, Eloy Sánchez, investigador tamén do complexo hospitalario ourensán.