DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Intensa xornada en Ciencias Sociais e da Comunicación

O centro acolleu varias conferencias e coloquios

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 22/11/2007

Os alumnos de Publicidade e Relacións Públicas tiveron este xoves a oportunidade de coñecer da man dun prestixioso experto as características máis salientables das relacións públicas internacionais, así como exemplos de casos concretos. Antonio Castillo Esparcia, profesor na Universidade de Málaga, foi o encargado de dar a lección.
A conferencia realizouse dentro da materia Programación e Técnicas de Relacións Públicas, impartida por Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Universitaria e Estudantes. “É un momento idóneo para impartir esta conferencia, xa que aproveitaremos a ocasión para tratar o tema, tan de actualidade, das declaracións que fixo o Rei na Cumbre Iberoamericana de Chile. Veremos, desde o punto de vista das relacións públicas internacionais, si esas declaracións foron adecuadas e si a súa saída da sala foi acertada”, explicou a docente.
O profesor da Universidade de Málaga, Antonio Castillo Esparcia, é profesor de varios cursos de posgrado sobre relacións públicas tanto en España como en Latinoamérica. Entre os seus libros cabe destacar Los grupos de presión ante la sociedad de la comunicación e Comunicación organizacional.

Tamén en Ciencias Sociais...

O centro acolleu tamén nesta xornada unha conferencia-coloquio a cargo do catedrático de Ciencia Política e da Administración da Universidade Autónoma de Barcelona, Joan Botella i Corral. Baixo o título Medios de Comunicación e Política: a transparencia e veracidade informativas, o foco de atención estivo centrado nos traballos investigadores do relator, non só na súa condición de politólogo, senón tamén na de membro do Consello do Audiovisual de Catalunya e Presidente da Plataforma Europea de Autoridades Reguladoras (EPRA).
“Joan Botella i Corral é a figura idónea para dirixirse aos alumnos das tres titulacións de Ciencias Sociais e da Comunicación xa que, ademais de ser catedrático de Ciencia Política e da Administración, o que o fai moi interesante para os alumnos de Administración e Xestión Pública, é vocal do Consello Audiovisual de Catalunya, organismo que está pensado que se cree en Galicia, e nos pode dar datos e precedentes do caso catalán para que poidamos aplicalos ao caso galego”, explicou o organizador da conferencia, Álvaro López Mira.
Por outra banda, os alumnos e docentes da facultade tamén puideron asistir ás xornadas Contrastes que cada ano organiza a O.N.G. Amarante para coñecer os diferentes proxectos que se están desenvolvendo nos países de Latinoamérica. Todos os anos esta organización intenta achegar a realidade dos países do sur á sociedade galega, invitando a líderes de organizacións cos que traballan. Nesta ocasión a líder Idaliuce Nunes e a dirixente ecuatoriana Mercedes Santana participaron nas xornadas aportando a súa visión de xénero da realidade do campo nos países máis pobres.